O diario de hoxe vén cheo de renovacións, aínda que tamén contaremos algunha alta e algunha baixa. En primeiro lugar a SD Burela renova a Xoel Eijo, mediocentro viveirense con moita calidade. Tamén os equipos da Segunda Galicia pensan na nova temporada e manteñen na estructura deportiva a xogadores importantes: é o caso de Ángel Valea, David Méndez e Ayoub Sabry, que renovan no Alfoz.
O Paradela, pola súa banda, incorpora ao polivalente mediocampista David Losada, que chega desde o Guntín. A SD O Páramo renova a pezas que resultarán fundamentais para retornar á Segunda, como Bolo, Álvaro Irimia, Dani López ou o arxentino Martín. Porén, perden a Dieguito (que, tal e como comentamos nesta páxina, pon rumbo a Pol) e a Lisboa, que todo apunta que xogará co Portomarín na Preferente. Para suplilos, os das Rapadas incorporan a José Ferroi (Polvorín Xuvenil), Dani (Lugo Sala Xuvenil) e Édgar, chamado a ser importante este ano e procedente da Comercial.
Xa comentamos no noso Twitter a situación de Gerardo Carrera. O dianteiro podería non xogar na Sarriana a próxima temporada, segundo apuntan fontes próximas ao xogador. A día de hoxe, o xogador aínda non ten a carta de liberdade. Estaremos atentos para informar aos nosos lectores de todo o que aconteza na Ribela.
Por último, a SD Chantada Feminina continúa coas renovacións: é o turno agora de Laura Carneiro, Tania e Andrea Polli. Ademais, as do Sangoñedo incorporan a Nati Cervelo, Irene e Andrea.

