A SD Chantada

Chantada voltará vivir un encontro da Preferente

O Sangoñedo xa está preparado para vivir un encontro especial na súa historia. Despois de nove anos, a SD Chantada voltará a vivir un encontro na Preferente, co que iso significa para toda a vila. Un proxecto consolidado que leva loitando moitos anos para vivir unha tarde como a do domingo. Xogarán ante o Sigüeiro ás 18:30 nun encontro que espera toda a afección chantadesa con moitas ganas

O proxecto que encabeza Traste só conta con dúas caras novas, pero un grupo no que varios deles chegan á nova categoría con experiencia previa pese a todo o tempo que leva sen pisar o seu campo. Esa vantaxe terá que combinarse co inconvinte de tantos anos sen estar, que fai perder o contacto con como están os equipos da competición.

En fronte, terán a un Sigüeiro que quere dar moito que falar despois dun ano onde se salvaron ao límite. Para iso, firmaron a un vello coñecido da provincia como Peli e a un dos grandes goleadores do grupo, Cristian Liñares. A iso hai que sumarlle todo o talento que xa tiñan, como Remuiñán ou Alberto Fraga.

OS PROTAGONISTAS

Traste, adestrador do Chantada

Sensacións para o partido: A palabra que o define é ilusión. Levamos moito tempo sen estar e sabendo todo o que sufrimos para acadalo ten máis valor engadido. O bo de todos é que todos están moi enganchados a vivir esta experiencia, tanto os que xa a viviron como os que a disputaran por primeira vez.

Estado do Chantada: Estamos ben en todos os aspectos. Fixemos unha pretempada esixente contra equipos de superior categoría e creo que sumamos experiencias que nos van axudar durante a tempada. Estamos preparados e coa motivación extra da estrea da categoría. O equipo está listo para o domingo.

Obxectivo: O único que se nos pasa pola cabeza é a permanencia. Somos os máis humildes, non temos salarios e levamos moito tempo sin estar. Sabemos que imos sufrir e o único que queremos é acadar os puntos necesarios no último segundo do último partido.

Kadete, capitán do Chantada

Sentimento de regreso: Temos moita ilusión. Temos un mesmo grupo e case non o falamos, pero notamos que hai unha ilusión nova e escoitas comentarios dos novos que a van vivir por primeira vez. Levamos moito buscando isto e queremos desfrutalo.

Ambiente na vila: A directiva leva moito tempo traballando e a xente antes de que saíse o calendario preguntaban cando íamos xogar. Levamos un mes e medio pensando só en fútbol en Chantada.

A ANÉCDOTA DO ENCONTRO

O último encontro que xogou o Chantada na categoría garda moitas curiosidades. Foi ante o Atlético Escairón no Sangoñedo un 28 de maio do 2017, con derrota para os locais por 2-4. Se nos fixamos no cadro de xogadores, un tal Traste aínda estaba como xogador. Compartía cadro de xogadores con moitos que aínda continúan, como Kadete, Manu, Pulpix, Joserra ou Povis.

A AXENDA

Terceira RFEF

Estradense-Sarriana (domingo ás 19:00 horas no Municipal da Estrada): A Sarriana voltará á Terceira RFEF e o calendario deu a coincidencia de que o primeiro encontro fose ante o seu último rival galego antes de ascender. A Estrada vivirá un novo episodio dunha rivalidade moderna do fútbol galego entre dous proxectos que van estar na terna por subir. É un encontro especial para o técnico sarriao, Alberto Mariano, que voltará ao campo onde mellores resultados acadou ao longo de toda a súa traxectoria nos bancos.

Preferente

Pol-Noia (sábado ás 18:00 horas no Municipal de Pol): O novo proxecto de Ramón Labrada ten unha primeira proba esixente na súa casa, xa que recibirá a un recién descendido como o Noia. Un reto importante para un cadro de xogadores moi ambicioso que tivo grandes reforzos e que quere dar un paso cara adiante no que se refire á clasificación.

Primeira Futgal

Ribadeo-Cire de Melide (domingo ás 18:00 horas no Pepe Barrera): A Primeira Futgal comeza e trae no seu menú un dos encontros que parece que poidan ser dos grandes rivais polos postos altos da táboa. O Ribadeo e o Cire de Melide póñense a proba nun partido con moitos alicientes, como ver a forza do Ribadeo por intentar voltar á Preferente ou saber que propón o novo equipo do grupo e como vai ser a súa adaptación.