Comezamos con novidades no fútbol feminino. O Peluquería Mixta Friol renovou a Ana Bonilla, que continuará no conxunto lucense unha temporada máis.
Sen deixar de falar de perruqueiros, Marino, que xa anunciou a súa non continuidade no Viveiro, todo indica que será nos vindeiros días novo xogador da Sarriana. O cadro sarriao anunciou as renovacións de Hamza, Diego Rey Fernández, Diego Rey González, Keko, Jacobo, Pedro e Ruchi, todos eles xogadores da comarca. Asimesmo, retorna ao club Yago Fernández, que rematou a temporada no Pol.
Novidades tamén no Racing Vilalbés, que incorpora a Joel, central ou mediocentro procedente da SD Compostela.
O Sporting Pontenova anunciou as renovacións de dous xogadores da casa: Álex e Juan Ginzo. O ex adestrador do cadro pontenovés, Pelayo Paraje, convertiuse en novo técnico do Astur Vegadense. O Outeiro de Rei incorpora a Denis Buján, unha das perlas da canteira do Racing Vilalbés. O talentoso extremo pode xogar por ambas bandas.
O defensa Oualid será baixa no novo Guntín, mentres que un de Árbol, o lateral esquerdo Álex Cabado seguirá un ano máis nas filas do Cospeito. O Iberia contará na vindeira temporada con Ángel, que chega procedente do Mondoñedo. O de San Xusto, que pode xogar en banda ou por dentro, xogará así nun dos conxuntos do seu concello. Quen si continuará no Mondoñedo é Christian, que afrontará o reto de devolver ao equipo a Segunda Autonómica.