O Mercado segue a arder, e iso que todavía non entramos no mes de xullo. Hoxe chegamos con novidades en todas as categorías. Na Terceira RFEF, o Viveiro renova a Édgar para reforzar a liña defensiva. Ademais, todo apunta a que o central Diego, ata agora no Guntín, asinará polo conxunto celeste. Sumarase así a outra fichaxe de calidade, a do contrastado dianteiro Iker Hurtado.
Na Primeira Autonómica, traemos boas novas. A SD Chantada seguirá existindo logo da exitosa asamblea que se celebrou para escoller xunta directiva e falar do futuro do club. O Castro, pola súa banda, incorpora ao porteiro Sanmi, que procede da Residencia.

Na mesma categoría, o Foz anunciou varias baixas. Dani Río non continuará no Martínez Otero, onde tampouco seguirá Manupa. Este volve ao Pastoricense, e todo apunta a que o seu compañeiro Raúl pode seguir o mesmo camiño. Tamén na Mariña, pero na Segunda Rexional, semella que Aurelio tomará as rendas do Folgueiro, onde actuará como xogador e adestrador.
Na Terceira, hai movementos en Quiroga, pois o preparador Ruboi deixa o cargo para incorporarse ao corpo técnico do CD Barco, na Terceira RFEF. Asumirá as rendas do conxunto lucense o central Gachán, que cambia así o seu rol. O Santa Comba, pola súa banda, renova aos gardamallas Javi e Yeyu.


Por último, no fútbol feminino, o PM Friol renova a Ana Valles ‘Peke’ para a súa nova aventura en categoría nacional e, no fútbol base, chegamos con outro bombazo. Roberto Fernández, técnico no II All Star, será o novo adestrador do Xuvenil «B» do CD Lugo, relevando así no posto a Roberto Trashorras.