Nas últimas datas, o mercado está que non para. Tal e como vimos comentando, os clubes preparan pouco a pouco o retorno aos terreos de xogo. Agardemos que nos próximos meses os organismos competentes fagan oficial a volta do noso deporte e, a partires de aí, regresar á normalidade futbolística que tanto botamos en falta.
Pese a atoparnos a falar de competicións rexionais, que son as que aínda non se reactivaron, comezamos algo máis arriba o repaso das novidades. En concreto, na Segunda RFEF, na que non seguirá Iago Parga (polo menos coas cores da Peña Deportiva). O defensor de Sarria deixa o clube logo dunha temporada na que non gozou de moitos minutos.
Outro lucense abandona o seu clube na Terceira RFEF: Iñaki non defenderá a próxima campaña as cores da Gimnástica de Torrelavega, un histórico do fútbol cántabro. O futbolista deixou ver nas súas redes sociais todas as dificultades polas que pasou este ano. O que sí continuará no seu clube fóra da provincia (pero non moi lonxe) será Xusto Pardeiro. O focense defenderá un ano máis a elástica da SD Silva.


Un bombazo do que nos facemos eco hoxe e a marcha do central Diego Muiña do Racing Villalbés. O defensor deixa a Magdanela logo de sete anos moi comprometido na entidade chairega.
Preto de Vilalba, sen abandonar a Terra Chá, tamén nos atopamos con movementos. A marcha de Dani Moirón de Santaballa deixa un oco que cubrirá Juan Rodríguez. Todo apunta a que o técnico chantadino compaxinará esta tarefa coa de adestrador de base no Racing Villalbés. Por tanto, outro banco que queda orfo é o da SD Monterroso, que aínda está conformando a súa nova directiva.

Por último, un clube que está moi activo é o CD Brollón. Os Medos contará un ano máis co defensor Diego, que renova, e Pagaza é oficialmente novo xogador do equipo, logo de pasar unha temporada adestrando na Pobra.