Os equipos continúan coa planificación dunha temporada incerta. Quen pode telo máis doado para xogar, pode ser algún lucense que anda fóra das nosas fronteiras. É o caso do burelao Julio Delgado que seguirá pola Segunda B. Ficha polo Villanovense despois de chegar no mercado de inverno ao San Sebastian de Los Reyes. A pesar da súa xuventude, Julio xa é un clásico da categoría. Celta B, Racing de Ferrol, Murcia, Atlético Baleares, Castellón e Sanse foron os seus equipos ata o momento na división de bronce.
Pola súa banda, un lucense que estaba fóra regresa á provincia. Santi Gegunde ficha no Racing Vilalbés. É a terceira incorporación do cadro chairego logo da chegada de Aitor e de Dani Pedrosa. Gegunde emigrou este curso pasado a Villaviciosa logo de tres bos anos na SD Compostela. No día no que ao seu equipo, o Lealtad, lle confirman que ascende á Segunda B faise oficial a chegada do atacante o conxunto racinguista. Gegunde compartirá vestiario con antigos compañeiros como Make ou Pita.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2019/01/IMG_0944-1024x965.jpg)
Na Preferente, a nova xunta directiva encabezada por Pedro Posada confía o proxecto deportivo do Ribadeo en Rafa Casanova segundo La Voz de Galicia. O friolés encarará deste xeito a súa terceira temporada como técnico, onde entre outras cousas, anhelará por fin que o seu equipo xogue no renovado Pepe Barrera. Na mesma categoría o Lemos incorporou ao mediocentro Adrián Carrasco. As súas últimas experiencias futbolísticas foron na provincia de Ourense en equipos como o Nogueira ou o Verín. Ademais o conxunto lemista confirmou as baixas de Adri Díaz e Sergio Pollo. Tamén o Foz anunciou unha nova incorporación. Antón Couto reforza o cadro preparado por Javi Chinchón procedente do Xove de fútbol sala. Ademais Álvaro, Alonso e Víctor formarán parte do primeiro equipo aínda estando en idade xuvenil.
Baixando a Terceira Rexional hai novidades pola Terra Chá. No Catro Roldas David Lorenzo continurá como técnico e haberá unha liña continuista no cadro de xogadores. Aínda así, os porteiros Rubén, Fraga e Popi serán baixa. Ao igual que Cacharrón e Iván Amado. O mediocentro de Vilapedre pon fin a unha etapa de oito anos no conxunto amarelo. Reforzarán o cadro de Román o gardamallas Víctor que vén da liga de veteráns; Antonio Roca que estaba sen equipo; Brais que procede do xuvenil do Guitiriz e regresan Comba e Ramiro. Este último volve ao conxunto da súa parroquia logo de seis temporadas no Abadín. Pola súa banda, o Cazás quere seguir presentando batalla. O míster Antonio terá compañía no banco. Martín Monteserín (procedente do Lugo Unión) e Fran Lobato (xogador do Atlético Terra Chá de veteráns) botaranlle unha man na dirección do equipo. O cadro de xogadores mantense na súa maioría. Ademais chegan Jairo Escobar «Cepe», procedente do Lugo Unión; Xoel Gacio que chega dende o Vilalba FS xuvenil e Luis que estaba sen equipo aínda que xa tivo participado en adestramentos na campaña anterior. Na Mariña o Celeiro tamén aposta pola liña da continuidade. O club viveirense anunciou nos últimos días a súa 14ª renovación. Bruno Bermúdez “Payu” seguirá sendo unha das pezas clave do conxunto. Ademais anuncian un regreso importante. O dianteiro Borja Orosa Parapar «Mora» volve ao equipo procedente do Folgueiro.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)