Apenas tres días sen facer a habitual actualización dos movementos no mercado e as novas acumúlanse. Nesta nova edición do Diario dun Mercado, as novidades aparecen en practicamente todas as categorías.

Brais Prieto durante a súa etapa no Ribadeo CF.

Por exemplo, na Terceira División, o Racing Villalbés anunciou as renovacións de dous dos capitáns, o lateral Diego López e o centrocampista Alberto “Make”. A estas renovacións súmanse dous centrais que teñen moito pasado no clube chairego: o canteirán David Vérez e o experimentado Diego Muíña.

Na mesma categoría, un equipo de fóra da provincia que amplía a presenza lucense é o CSD Arzúa, que “arrebata” ao polivalente Brais Prieto ao Ribadeo CF. Tamén no Bergantiños haberá quen represente á provincia, xa que o central monfortino Iago López renova no conxunto de Carballo. Por último, o viveirense Fidi causa baixa no CD As Pontes.

Por outra banda, tamén os clubes da Primeira Galicia prepáranse para un ano complicado: o recén ascendido Portomarín CF asegura a súa portería coa renovación do monterrosino Adrián Méndez e a incorporación de David Díaz “Chumi”, dous gardamallas que xa se coñecen ben. Chumi volverá a poñerse as luvas tras dous anos desenvolvéndose como xogador de campo. Ao mesmo tempo, o conxunto do Chao da Poza renovou ao seu segundo adestrador Óscar Pampín e ao recollepelotas Luis Carlos. Tamén na Primeira Galicia, o técnico Fran García abandona o Chantada Atlético. 

Unha categoría que chega cargadiña de novidades é a Segunda Galicia. No norte, Insua renova no Celta Barreiros e Labrada será o novo técnico do Meira, mentres que no sur, o adestrador do Río Sil, Juan Diéguez, continuará un ano máis no clube, ao igual que o farán no Brollón os xogadores Hugo, Miguel, Jorge, Manu, David, Javi, César e Casanova e o delegado Richar. O conxunto dos Medos, alén de todas estas renovacións, asina a Pablo (procedente do Lemos “B”) e a Joel (que levaba uns anos inactivo), e di adeus ao gardamallas Lucas e a Pablo.

Na Terceira Galicia, os protagonistas son dous filiais. No Grupo Norte, o Friol “B” será dirixido un ano máis por Javi Serén tras a boa labor feita este ano. No Sur, o Lemos “B” incorpora ás súas filas a Álex Arca e Adrián Pérez, procedentes ambos dun dos clubes de base máis prestixiosos da provincia, o CP Calasancio.

Por último, no que atinxe ao fútbol feminino, Vivian Dors continuará á fronte da SG Comercial, que tratará de manter o groso das xogadoras, ademáis de realizar alguna fichaxe para fortalecer ao equipo.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 459

Deja un comentario