Así, hoxe traemos unha nova edición do Diario dun Mercado, e vén chea de despedidas. Por exemplo, a que protagoniza Unai Merino no Polvorín. O gardamallas vasco asinara o pasado verán polo conxunto albivermello logo de obter o premio do concurso organizado por Soloporteros, no que porteiros de todo o país pelexaron por un contrato profesional. Un ano despois, Unai pon fin a esta etapa. Tamén na Terceira División, o defensa chantadino Pedro Delgado asina polo CSD Arzúa, un clube que vén de firmar unha magnífica campaña na categoría.
Outra saída, neste caso na Preferente, é a de Hugo Buide. O xogador de Castro de Rei deixa a Sarriana despois dun ano na Ribela, no que anotou cinco goles. E tamén na Primeira Galicia di adeus un adestrador moi querido no sur da provincia: Juan Rodríguez abandona a disciplina da SD Chantada logo da súa segunda etapa no Sangoñedo, que durou catro anos. O técnico do primeiro equipo da SD pecha así un exitoso ciclo no que tamén traballou como coordinador do clube e no que tan só faltou a culminación co ascenso á Preferente nesta 2019/2020.
Por último, na Segunda Galicia Norte, o centrocampista David Celeiro despídese do Celta Barreiros tras ser un xogador importante para os mariñanos nesta última campaña.