#Feminino #Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 121

O Polvorín ponse en marcha. Faino con dúas novas chegadas máis do que xa anunciamos. O gardamallas Unai Marino chega a Lugo. É o vencedor do «En Busca del Portero del Futuro» organizado por Fútbol Emotion. O porteiro de Bizkaia estará no filial e traballará co primeiro equipo. Deste xeito no Polvorín haberá tres porteiros. Unai, Julen e Ángel Fraga. Tamén se incorpora o extremo Óscar Castellano «Chiqui» que vén procedente do Arousa xa da Terceira Galega. O futbolista nado en Badajoz, leva en Galicia dende os 13 anos. Nas súas temporadas como sénior pasou polo Erizana, Santa Mariña e Choco e Arousa na Terceira. O último curso participou en 36 encontros nos que marcou 4 goles. O equipo confirmou tamén que catro xogadores suben do xuvenil. O lateral ou extremo esquerdo de Paradela Martín; o mediocentro de Portomarín Dani Vidal, o central ou mediocentro Jesús e o dianteiro coruñés Christian Martínez. Ademais, os xuvenís Pablo Losada, Xabi Domínguez, Jesús Gabarre, David Guitián e Cristian Sosa adestrarán estes días tamén co filial. Pola súa banda, o ecuatoriano Gustavo Quezada marcha cedido ao Recreativo de Huelva na Segunda División B.

Poratti foi un dos xogadores que participou no I All Star Futbolinlugo. O arxentino cumprirá a súa cuarta temporada seguida no Ribadeo

Na Preferente, Samu Quintela cambia o Ribadeo pola Sarriana. O ex xogador tamén do Outeiro é a sétima fichaxe do conxunto da Ribela. Tampouco continúa no Ribadeo, Adrián Barrera que macha ao Astur Vegadense nin Juanma. O central de Triabá ficha no Pastoricense. En cambio, renova o eterno Poratti. O arxentino continuará sendo peza chave aos seus 40 anos. Ademais chega Diego Hermida procedente do Burela.

Carlitos (1º esquerda) renovou no Pol. Foi tamén un dos participantes no I All Star Futbolinlugo

Na Primeira Rexional, Alberto e Samu renovaron no Xove Lago. Ademais o cadro verde incorporou a Eric que chega procedente da Candelaria. No Pastoricense ademais do comentado regreso de Juanma dende o Ribadeo, fichan a Álex (comezou a pasada campaña no Rioaveso), Brian (do Sporting Lucense), Víctor (do Paradela) e Miguel (do Meira). No Castro reforzan a súa parcela ofensiva. Chega Yelko procedente do Guntín e regresa Miguel Ángel «Play» dende o Riotorto. No Pol renovaron Carlitos, Panchito, Nico e Rois. Ademais regresa Roberto Bravo, un madrileño que xa estivo na campaña do ascenso á Primeira. No Chantada repetirán Noé e Brais Eiriz. O primeiro deles sumará a súa 13ª no club do Sangoñedo. Nos veciños do Chantada Atlético, Fran Regal actuará dende o céspede. Ademais regresa Pablo con pasada no Taboada e no Relámpago.  E o Escairón conseguiu outro regreso. Volve Hugo despois do seu paso polo Ferreira.

Na Segunda Rexional, o Sanci confirmou a renovación de Gio. Ademais fichan a Rubén Palmeiro, Dionildo e Nilson. No Iberia teñen un regreso. Para gardar os paus chega Pelayo Novo. O gardamallas estivo a última tempada no As Pontes en Preferente aínda que con pouco protagonismo no once titular. E no Celta Barreiros hai unha nova incorporación. Víctor Martínez, procedente do Foz, reforzará a defensa celeste. Xogador novo e polivalente. Pode actuar de central ou lateral segundo comentan dende o propio club. O Xermade segue acumulando xogadores. O extremo Nahum Martínez continúa. Son sete as renovacións anunciadas, ademais da do míster Rebolo. Na SD Becerreá renova Pablo Rodríguez Santín «Palleiro». Será a súa 13ª temporada no equipo. Pola súa banda, o conxunto de Pantón incopora ao lateral Toño. Procede do Sober, pero xa estivo nunha etapa anterior no cadro do Baliño.



No tocante ao fut fem, o Burela renovou a porteira Iria Pérez, a lateral dereita Ana Bolon e as dianteiras Ana Varela e Ángela Cociña.

Amigables

Varios equipos xa teñen perfilados os encontros que van usar de preparación antes de que comece a competición oficial. É o caso da SD Chantada. Trátase dun curso especial. O equipo cumpre 50 anos. O último día deste mes comezarán os adestramentos. A primeira proba é de altura. O día 3 recibe ao Racing Vilalbés. O 8 xoga co Lemos, o 14 a domicilio co Velle, o 18 co Agolada, o 22 co filial do Ourense CF, o 25 co Lalín e o 1 de setembro coa UD Ourense Xuvenil.



Tamén presentou o seu almanaque de amigables o Monterroso. Comeza o día 4 visitando á Sarriana. O 14 xogará ante o Guntín. O 18 será o turno para o «Torneo Alibós» no que participarán co Taboada, o Escairón e o Palas. O 22 hai partido co Páramo. O 24 derbi co Antas. E o 31 visita ao Cire Melide. 

Diario dun mercado. Episodio 121

O rexurdimento da Pinguela

Diario dun mercado. Episodio 121

Diario dun Mercado. Episodio 122

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *