#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal #Terceira RFEF

Diario dun mercado. Episodio 118

O inicio das pretemporadas cada vez está máis preto. O Racing Vilalbés comeza o próximo xoves os adestramentos. Ademais dos futbolistas renovados e fichados, farao con dúas caras novas. O mediocentro de Valadouro, Brais Prieto (este curso no Ribadeo) e o dianteiro de Palas, Iván Navia (esta campaña no Racing de Ferrol DH) estarán a proba no cadro chairego. Quen xa empezou a adestrar é Ángel Fraga. Polo momento co primeiro equipo do CD Lugo, pero o gardamallas vilalbés será xogador do Polvorín/Lugo B. Asina por dúas temporadas e alternará sesións de traballo co primeiro equipo. Fraga estivo este último ano no Rápido de Bouzas no que non contou con moito protagonismo. Anteriomente, xogou no xuvenil do Celta, no Celta B, no Cerceda e no Ourense CF. Ademais formouse no club da súa terra, o Racing Vilalbés. Particular foi o seu caso. Estreouse na Terceira División con só 15 anos defendendo a portería da Madalena.

O Ribadeo e a Sarriana eran os lucenses da Preferente que menos avanzaran oficialmente no mercado. Pero esa afirmación xa hai que trocala. O cadro da capital da Mariña Oriental incorporou a tres xogadores. Un deles é un regreso. O central Martín Traba volve ao Pepe Barrera. O fisterrán xogou esta temporada no CD As Pontes. Ademais súmanse ao proxecto dirixido por Rafa Casanova, Gara (centrocampista do Friol) e o atacante Kevin Pierre (que as catro últimas temporadas formou parte do Riotorto). Na Sarriana xa é oficial a chegada de Hugo Buide. O atacante castrexo abandona a casa e mantense competindo na Preferente. Canda a el, comezan a soar nomes interesantes polas beiras da Ribela.

Martín Traba (dereita) participou este curso en 35 partidos co As Pontes. Foi titular en 24 deles

Tamén pesca no CD Castro a Residencia. O lateral de Becerreá Dani López e o vilalbés Alberto Rey serán xogadoras do conxunto capitalino. Pola súa banda, Rubén Poceiro non continúa nun Viveiro CF que ten perfilado en gran medida o seu cadro de xogadores. No Lemos sumouse unha incorporación máis. O central Adrián Ramos reforza o conxunto monfortino procedente do CD Barco da Terceira División. O xogador conta con experiencia en equipos como o CD Ourense ou a SD Ponferradina.

Miguel Teijeiro «Pandiani» participou en 26 partidos este curso co Escairón. Marcou nove goles. Dende o club do Saviñao informaron que xa está recuperado da súa lesión no xemelgo. Foto: Melanie de la Fuente

Na Primeira Rexional, no Xove Lago renovan dous futbolistas importantes. Juanjo Coello e Chile continúan no cadro verde. Ademais o Folgueiro, volve mirar para o Celeiro. O dianteiro Borja Orosa «Mora» ficha no conxunto do Vicedo. O futbolista participou a pasada temporada en quince partidos de liga co equipo viveirense e marcou dez goles. No sur da provincia, o Escairón petou forte. Javier Montoto será o adestrador do curso que comeza. Un clásico do fútbol galego que conta con pasado na provincia. Como xogador formou parte do CD Lugo que xogou na Segunda División na temporada 92/93. Tamén conta con experiencia nos bancos de Lugo. Adestrou á SD Chantada. Á par que chega Montoto; regresa un centrocampista da casa. Marzán volve despois de dúas temporadas na Sarriana. As mesmas que levaba Rubén Díaz. O futbolista tamén do Saviñao que ía para o Lemos, finalmente tamén voltará á casa. Ademais incorporase o gardamallas Marcos Macía procedente do Bóveda. Competirá con Carrasco. O porteiro gaditano renova. Tamén continúan Aitor, Pandiani, Javi Arias, Félix, Julito e Rubén Cidre. 



Na Segunda Rexional, o Celta Barreiros deulle a benvida a Pedro Incera. Un xogador veterán que pode xogar de porteiro ou de mediocentro. Con pasado no Foz. Os veciños do Iberia incorporan ao central Roberto Andrade. Chega procedente do Valadouro e pódese adaptar a outras posicións. Pola súa banda, renova un valor seguro para a defensa no Mondoñedo. Manuel Noceda continúa as ordes agora de Julio Castro. No Xermade van a renovación por día. David Rey seguirá sendo un dos faros que guíe ao cadro xermadino sobre o verde. Na máis pura Terra Chá, o Muimenta conta polo momento con dous reforzos. Dous xogadores procedentes do Catro Roldas vestirán a celeste. O central Diego González «Arrieiro» e o dianteiro Samuel Seijas son novos habitantes do Pichón.

Indo máis cara o centro da provincia, hai importantes novidades no Corgo. Sebas é o seu novo porteiro. Ademais tamén adestrará na base. Chega tamén ao equipo Dani Bruzos. E renovan Nene, Raúl, Roche, Jesús, Marcelo e Chechu. Tamén hai máis renovacións no Chantada B. Hugo Méndez seguirá as ordes de Rodrigo Amarante. E unha incorporación. Martín Darriba volve ao club no que se formou. Estaba sen equipo e xa adestrou co cadro chantadino na última parte da pasada temporada. Pode xogar na banda (lateral ou interior) e incluso colocarse baixo paus; posición que ocupou anos atrás.

No tocante ao fútbol feminino, hai dúas renovacións máis no Carballedo. Andrea Taboada e Uxía Díaz continúan. Todas as renovacións sumadas ás fichaxes de Laly e Ari, conforman nestes momentos un equipo de 18 futbolistas.



Diario dun mercado. Episodio 118

Diario dun mercado. Episodio 117

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *