Non pasaron nin 24 horas e xa traemos aquí outro menú completiño. Cheo de movementos en tódalas categorías. Na Terceira División, o Racing Villalbés recupera a un vello coñecido. O defensa Josito regresa á Chaira despois do seu paso por Bergantiños e Atlético Arteixo, onde xogou a última temporada. Marcando ademais a frioleira de cinco goles. Ademais, o Arzúa de Alberto López leva a dous vellos coñecidos da Sarriana: o central Edgar e o lateral esquerdo Álex Vázquez.
Na Preferente; a rei morto, rei posto. Xa hai substituto no banco da Sarriana. Dani Fernández, que vén de asinar unha notable campaña co Boimorto, será o novo xefe na Ribela. En Foz, optan pola continuidade. O míster Gayol, que parecía coller dirección Riotorto, seguirá un ano máis no Martínez Otero. Xunto a el farano Bruzos, Canario, Gonzalo, Cristian, Rivera, Xenxo e o seu fillo Iban Gayol. Trullo e Luis Varela causan baixa e incorporan a Dani Sante, defensa do San Ciprián. Por último, na veciña Ribadeo Pablo Rivas deixa o cadro do Pepe Barrera. E o comandante Marino seguirá facendo as delicias de Cantarrana. O núcleo duro mantense ao completo en Viveiro.
Baixamos unha categoría máis. Beni, un vello coñecido da afección do Sangoñedo, será o segundo de Juan Rodríguez na SD Chantada. Alí tamén coñecemos que Manute e Gonzalo farán a pretemporada co Chantada A. Os compañeiros do Chantada Atlético, pola súa parte, renovaron a Miko e Pana. Por Castro, seguirán os goles de Borja Corbelle. Autor de vinte goles co xuvenil a pasada campaña, xa conta con experiencia suficiente no primeiro equipo. E máis no norte, en Lourenzá concretamente, sumarán unha temporada máis os Roi, Noé, Diego López, Suso Foro, Jorge e David Vizoso.
A Segunda Galicia está que arde. No Iberia manteñen o bloque: Seijo, Lavilson, Darío, Arón, Perancho, David, Bachir, Adrián Juiz, Antón, Jordane, Andi, Balbón e o incombustible Marcos. En Alfoz, xogará outro dos Marcos clásicos. O ex do Burela incorpórase ao cadro verdibranco acompañado de Iván, ex de Foz, Cabreiros e San Ciprián, entre outros. Polo sur, o Rubián fichou a Diego López do Paradela. O Brollón renovou a Diego Álvarez e incorpora a Adrián Vilas do Sober. E no Incio, Álex Torres mantense unha campaña máis. Miqueias e Manu Corujo, procedentes da Sarriana xuvenil, farán a pretemporada co cadro amarelo.


Na Terceira Rexional temos novidades en forma de renovación. O Catro Roldas contará de novo con Adrián Fraga, Burgás, Iván, Carracedo, García, Forlín, Diego, Moha e Chuchi. Para rematar, as noticias do fútbol feminino. Sara, Noela, Andrea González e Nati Cervelo continuarán en Chantada.