A vindeira temporada o fútbol da provincia volverá contar só cun representante na Terceira, o Racing Vilalbés. O equipo da capital da Terra Chá comeza a planificar o novo curso e anunciou a renovación do adestrador Óscar Gilsanz que cumprirá a súa cuarta temporada no banco da Madalena. Gilsanz vén de facer a mellor campaña desde que está no Racing. A pesar de rematar na mesma posición ca no ano anterior (quintos nas dúas ocasións), os pupilos racinguistas lograron 67 puntos (nove máis ca na campaña anterior) e chegaron a última xornada con algunha posibilidade de meterse na fase de ascenso. Tras a renovación do míster, comezarase a mover o mercado por Vilalba.

Pola súa banda, o outro equipo que estivo esta tempada na Terceira, o Castro prepara o ano en Preferente xa con novo adestrador. Será Javi López quen se faga cargo do equipo despois dunha ampla experiencia en México. Falando de adestradores, na mesma categoría, o Ribadeo confirmou a chegada de dous axudantes para o corpo técnico. Eusebio Moreda «Bebo» e José Manuel Arca «Oke» farán equipo con Fiz Rodríguez. Por outra parte, o Outeiro confirmou a súa terceira fichaxe, despois de Alejandro López e Diego Redondo. O media punta Adrián Vizoso estará baixo as ordes de Peón, procede do Pol e ten 23 anos. Xa tivo experiencias no Castro e na Residencia e tamén fóra do futbol lucense nas categorías inferiores do Atlético Pinto, Getafe e Leganés.

Na Primeira Galicia, o Chantada fixo oficial a chegada do porteiro Kevin Almuíña procedente do Monterroso B. En principio para alternar tanto co equipo A como co B. Na mesma categoría adestrará Rubén Sanjurjo «Piru» que se fai cargo do Páramo despois de conseguir dous ascensos en tres anos co San Roque. No equipo causan baixa Elías e o porteiro Álex Noceda que marchan para a Preferente e xogarán na Residencia.
Na Segunda Galicia norte, José Manuel Teijeiro xa é o novo adestrador do Cabreiros que ten a idea de contar con gran parte do cadro de xogadores da pasada temporada e facer algunha que outra incorporación. O ex-adestrador do Xove Lago, Lourenzá, Viveiro, Valadouro, Alfoz e Burela inicia experiencia no concello xermadino.

