Demasiados sustos para unha soa tarde

Mal corpo. Corazón encollido. Así foi como rematamos varios dos amantes do noso fútbol o pasado domingo. Con dous sustos a falla de un. Pensando en dous homes e na súa saúde. En boas e tranquilizadoras novas. Esas que ao final chegaron. Agora, xa en frío, quixemos falar cos dous implicados. Saber a súa historia. Como viviron eses momentos. Así que vos deixamos coas conversas que tivemos con Jacob, capitán do Laxosa; e Fran, xogador do Xermade.

 

JACOB RODRÍGUEZ TORRES. O Corgo (1982)

“Eu estou ben. Xa fun traballar. Son uns esaxerados de máis -ri-. Estou de marabilla. Non recordo nada. Sei que levei un golpe. Díxenlle a un compañeiro e a Guty que non sabía onde estaba. Din que caín, vomitei e xa estaba no hospital. Foi un choque con alguén, non sei se sería Chouso, pero non sei nin quen foi.  Quedei máis de 5 minutos inconsciente. Do minuto 11 ao 18 inconsciente. Unha movida impresionante. Saín á banda, antendéronme e volvín. E preguntei onde estaba e caín… E caín de fuciños contra o chan. Guty chamou á ambulancia e o presidente estaba por alí polo que vin na foto de hoxe no xornal. Estaban Diego, Ramón e Daniel Debasa (do Corgo). Con esa foto agora venme un lixeiro recordo. Porque logo foi un xaleo de xente da Virxe…

Quérolle dar as grazas aos xogadores e á directiva do Corgo. En especial a Debasa, Guty e Balbino. O de Guty foi impresionante. Tratáronme fenomenal. Tamén é verdade que estou debeu ser cousa da idade… -bromea-, Eu levo visto de todo. Vivín un capítulo máis grande hai uns anos… E eu… enchéronme a chamadas, mensaxes á muller ‘de todo Cristo’. Compañeiros que estiveron no hospital ata as 11 da noite… Foi moito máis do normal o que recibín. Estou agradecidísimo!”

-Este tipo de cousas van seguir pasando, verdade?

-Van seguir pasando. Isto pasa. Son choques fortuitos. pasa porque ten que pasar. Na ‘pila’ de campos que hai é imposible evitalo. Nin con un equipo sanitario en cada campo de Terceira Rexional. Aquí a ambulancia chegou pronto. Ogallá todas foran coma esta. Porque, por exemplo, non foi unha entrada a mala fe.

-Porén, unha formación en primeiros auxilios… Non a consideras necesaria para todos?

-De primeiros auxilios sabe todo o mundo. Non sei que che diga. A formación téñena que ter os árbitros. Son os que cobran por facer o seu traballo. Nos imos pasar o domingo e somos amateurs, non gañamos nada con isto. Son golpes de suerte. Hai anos tivemos sorte de que non pasara nada. Noutros casos hai desgrazas. Hainas en Primeira División, máis aínda en Terceira Rexional… Imaxínate!

-Como valoras a reacción dos alí presentes?

-Xa falei con todos. Para a próxima que non chamen á ambulancia e me deixen acabar o partido -bromea-. O que se fixo é normal, é normal facelo porque se fai por calquera. Ao final formas un grupo de compañeiros pero todos somos amigos fora do campo. Aínda que eu este ano xa paro fixo sí ou sí. A idade…

-Grazas Jacob

-A vós!

 

Fran, arriba o segundo empezando pola esquerda

FRAN GARCÍA CURRÁS. As Pontes (1991)

“Foi un susto, non me acordo de nada do que pasou cinco minutos antes do choque nin cinco despois. Só sei polo que me contaron. Foi unha falta lateral sacada por un compañeiro. Eu dinlle ao balón e o porteiro deume cos puños, levoume por diante. Quedei consciente pero grogui. Levantei coa axuda do adestrador. Fun á banda tambaleándome e mareándome. Non sabía onde estaba, sabía que estaba xogando ao fútbol en Ferreira de Pantón e que iamos perdendo. Estaba sentado na banda con xente ao redor preguntándome cousas. E nesas xa estaban chamando á ambulancia. Leváronme a Monforte e fixéronme un TAC, unha radiografía… Estaba todo ben”.

 

-Qué sentiches cando fuches realmente consciente?

-Sentín bastante medo por non saber o que me pasara. Na ambulancia preguntáronme en que mes estaba… e fun falando coa enfermeira e cos médicos.

-Este tipo de accións son evitables?

-No meu caso é algo fortuito. Pode pasar porque é un deporte de contacto. Non o buscas pero pasa. O porteiro aínda me dixo que fora sen querer. Outros casos sí que son máis evitables. Non sei se foi en Laracha ou Negreira na Terceira, que un xogador golpeouse contra a ‘barandilla’. Facéndose moito dano. O meu seguirá pasando e pasará. Alguén mide mal e…

-Como valoras a atención recibida?

-A ambulancia chegou rapidísimo. Un dos rivais, non recordo o nome, díxome que traballaba en quirófano. Que non me preocupase. Que non ía haber problema ao estar consciente. Estou agradecido á xente de Ferreira, saín aplaudido na padiola.

-Agora xa falando propiamente de fútbol… Cando vai chegar esa primeira victoria do Xermade?

-Esperabamos que fose esta semana. Cando pasou todo acompañoume ao hospital a nai dun amigo meu. E díxenlle a ver se esto sirve para gañar. Ao final empatamos… Necesitamos que chegue o antes posible. A primeira victoria vai servir para ir para arriba. Últimamente métennos un gol e xa cae outro porque nos vimos abaixo. É unha cuestión mental. A ver se esta semana chega co Lemos.

-Grazas Fran. O mellor é que estás ben

-Sí! A vós.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario