Dani Teixeira volveu xogar un partido de fútbol algo máis dun ano despois. O atacante de Bretoña recuperouse dunha grave enfermidade na súa perna. Tras ser operado do vasto interno do cuadríceps, Dani Teixeira puido volver ter minutos co Pastoricense e regresar ao ‘fútbol de familia’.
Foi no partido que o seu equipo de toda a vida xogou ante o Iberia. Ambos equipos clasificados na parte alta da táboa igualaron sen goles. Para o adestrador Basi, o regreso de Dani Teixeira “é a mellor noticia da temporada sen dúbida”.
Dani Teixeira comezou a temporada precisamente axudando no banco ao técnico que este curso chegou ao Acebreiro. En canto puido, xa se centrou no seu regreso aos terreos de xogo. Se todo marcha sobre o previsto, estará dispoñible para xogar este domingo o derbi co Muimenta. Será tamén o regreso de Basi ao Pichón, lugar que foi casa nas últimas temporadas.
Do resultado do Pastoricense – Iberia beneficiouse o Racing B que arrasou en Cospeito. Amplía a cinco puntos a súa vantaxe no liderado da zona norte.
Na zona sur, o Oural volve ser líder. Nas últimas semanas repártese este posto co Friol. Por segunda semana seguida, o Ferreira desaproveitou a oportunidade de chegar ao máis alto. O Brollón alcanza a fase de ascenso e luciuse Weimar cun hat-trick para o Incio.
Contamos os detalles acompañados dunha nova entrega de O Noso 11 A Chaira.
Os datos das seis primeiras xornadas:
- Equipos que non perderon: Racing Villalbés B e Xermade.
- Equipos que non gañaron: Cabreiros, Roupar e Chantada B.
- Equipo que máis puntou: Racing Villalbés B (16 pts)
- Equipo que máis goles marcou: Racing Villalbés B (20 goles)
- Equipo que menos goles encaixou: Iberia e Palas (3 goles)
- Máximo goleador: Mario Puerta – Oural (8 goles)
- Porteiro que menos encaixa: Javi – Palas (2 goles en 494 minutos)
Tendo en conta as últimas tres xornadas…
Equipo na mellor xeira: Racing Villalbés B e Brollón (tres vitorias seguidas)
Futbolista na mellor xeira: Álex Diéguez – Antas (5 goles)
Xa é o Racing B o rival a batir?
Na zona norte, o filial do Racing Villalbés aumenta momentaneamente a distancia cos seus perseguidores. Acumula dezaseis puntos, cinco máis que os que veñen por detrás. Sumou a súa quinta vitoria da campaña ante o Cospeito, na casa do seu míster Iván Lamas.
Os locais pagaron caro os erros defensivos ante un equipo que conta con varios futbolistas con gran capacidade goleadora. Ao descanso o filial xa gañaba 0-4. Cuarto gol de Samu López, os dous primeiros de Alfredo e un do defensa Dani Yáñez.
Tras seis xornadas, o filial volverá ter este domingo outra boa proba para calibrar se é o rival a batir. O San Ciprián visita ao Roca o domingo ás 16:30h.
O Sanci, dos máis beneficiados na zona alta
O Pastoricense e o Iberia empataron sen goles no Acebreiro. Os locais chegaba con baixas e Raúl non puido xogar o segundo tempo por mor dun golpe nunha zona na que xa tiña doenzas previas.
Os paus impediron o gol local no primeiro acto. Na segunda mellorou o equipo de San Miguel de Reinante. Os trocos axudaron e xeraron oportunidades para marcar.
Dos primeiros clasificados, o San Ciprián foi o único que gañou xunto co Racing B. Derrotou ao Abadín, o que lle permitiu entrar na zona de promoción.
Un penalti transformado por Borja Mella desequilibrou un encontro espeso ata ese momento. Aínda que xa o Abadín tivera dúas boas oportunidades.
No segundo tempo os locais amosaron unha mellor cara. Lograron dous goles máis de remate tras xogadas por banda. Borja Mella anotou un dobrete. Antes do final o Abadín conseguiu o gol da honra por medio de Noé.
A Comercial e un Xermade invicto, ás portas da promoción
A Comercial segue mantendo unha certa regularidade. Sumou o terceiro triunfo do curso. Gañoulle a Candelaria nun encontro igualado.
O contragolpe foi clave para marcar a diferenza nos locais. Brandán adiantou aos seus no primeiro tempo. Noutra xogada rápida no segundo acto chegou o outro gol. Marcou o xuvenil Nico por segunda vez consecutiva xogando na casa.
Terceiro encontro con minutos e segundo gol tras xa marcar no seu debut. Un espello a seguir para outros xogadores xuvenís que están irrumpindo nos primeiros equipos, como o famoso caso de Marc Giau.
O Xermade continúa sen ser derrotado, aínda que si perdeu dous puntos na recta final do derbi co Cabreiros. Nun encontro con alternativas, os pupilos preparados por Borja Bouza conseguiron adiantarse nada máis comezar o segundo tempo. Hossu ‘Juan’ anotou o seu primeiro tanto da campaña.
Nos últimos intres, a estratexia deulle un empate de valor ao Cabreiros. Un saque de curruncho foi medido para a chegada con forza da cachola de David Otero.
Precisamente, a regularidade do Xermade e da Comercial ponse a proba este domingo. Non poderá ser da partida Seco que foi expulsado no derbi e debe cumprir sanción.
O Folgueiro e o Mondoñedo saen provisionalmente da zona baixa
O Folgueiro escapa dos postos inferiores ao derrotar con contundencia ao Muimenta. Os locais comezaron ben e controlaron amplamente a primeira metade.
O Muimenta deu un paso adiante no segundo tempo e tivo ocasións. Unha vez os locais marcaron o terceiro, sentenciaron o partido. Erni anotou un dobrete.
O Mondoñedo logrou un importante triunfo ante un Roupar que tivo que xogar con Wasi de porteiro. Marcaron moi cedo os locais. Foron máis competitivos que noutras ocasións e deron unha boa resposta defensiva ante un Roupar que si insistiu cun xogo vertical e directo.
Álex Gacio tivo unha boa tarde goleadora. O dianteiro de San Simón marcou un dobrete, os primeiros goles no regreso do xogador á Segunda Rexional.
Primeira vitoria do Alfoz que sae do descenso directo
O Alfoz sumou de tres por primeira vez no curso. Foi ante o Sporting Pontenova que mantén o seu posto na fase de ascenso.
Case que calquera dos dous equipos puido gañar no Municipal. De feito, ambos conxuntos marcaron gol. Aínda así, os locais foron máis efectivos. Volveu o olfacto goleador de Ayoub que marcou o primeiro tanto da tempada.
O Cospeito e o Abadín teñen seis puntos. O Alfoz é antepenúltimo con cinco puntos. Polo momento non conseguiron gañar e están en descenso directo o Cabreiros (3 pts.) e o Roupar (1 pto.).
O Oural volve ao liderado
No Luis Pallín o Oural e o Becerreá competiron de ti a ti. Foron os visitantes quen se adiantaron no marcador. Antes do tempo de lecer, Mario volveu marcar para empatar. O seu oitavo gol na temporada.
No segundo acto, a estratexia provocou a remontada. Un córner pateado por Cayuela rematouno Abreu a gol. Na recta final, o Becerreá buscou o empate. Tivo ocasións a través de centros e de varias accións a balón parado.
O regreso ao primeiro posto do Oural foi facilitado pola derrota do Friol e tamén do Ferreira, que desaproveitou por segunda semana seguida a oportunidade de ser líder.
O Palas agárrase a zona de privilexio
O cadro da Ulloa continúa reafirmando o seu bo inicio de liga. Gañou pola mínima ao Quiroga, ambos equipos recén ascendidos. É a súa terceira vitoria na liga. Está a dous puntos do liderado, detrás do Friol e do Ferreira.
O Palas púxose por diante no segundo tempo. Xestionou a vantaxe aínda que non foi capaz de sentenciar. Na recta final, os visitantes puideron empatar pero Javi respondeu ben baixo paus.
O Brollón entra en fase de ascenso
O Brollón superou ao Friol para lograr o terceiro triunfo seguido e con dez puntos meterse entre os cinco mellores. Foi un encontro moi desputado nos Medos.
Non houbo moitas ocasións para ningún dos dous equipos. A polémica estivo servida. Un penalti resultou ser chave para decantar o marcador a favor do Brollón. Miguel Casanova acertou dende os once metros.
Na última acción do encontro, o porteiro local Dani evitou a igualada.
O Antas achégase á zona alta
Segunda vitoria seguida do Antas que está aproveitando o bo momento goleador do seu xogador máis diferencial, Álex Diéguez ‘Show’. Venceu pola mínima ao Lemos B cun gol de falta directa do ex xogador de Bergantiños ou Paiosaco.
O cadro dirixido por Melendo queda empatado coa zona de promoción (10 pts.). Un punto por baixo está o San Lázaro. Venceu por segunda vez no curso; desta volta ante o Chantada B.
O San Lázaro marcou moi rápido. O filial non lle perdeu a cara o partido. Incluso no segundo tempo con 3-0 logrou un gol para tentar meterse no partido. Os locais foron efectivos cun gran Armesto pola banda e un dobrete de Jul.
O San Roque queda na metada da táboa, a dous puntos do play off. Segundo triunfo ao levar o derbi capitalino ante o Sporting Lucense. O cadro preparado polo tándem Fernando Corredoira – Piru marcou tres goles ante un rival con pouca presenza no primeiro tempo. Dun partido cómodo, acabou pedindo a hora.
Cambiou o conto no segundo acto. Foi o Sporting o que puxo máis intensidade e estivo a piques de igualar o resultado. Nunha xogada de estratexia marcou Sergio. O segundo foi da autoría de Ousmani nunha acción individual.
Puido o San Roque ampliar a diferenza pero foi o Sporting quen tivo a última a balón parado. Raúl non precisou ben o golpeo.
A gran tarde de Weimar no Incio
O Incio sumou o segundo triunfo do curso. Foi ante un Paradela que non gaña dende a segunda xornada. No primeiro tramo de encontro sobresaíu a calidade individual de Weimar. Marcou tres goles. Os visitantes anotaron dous e estaban no partido.
Con todo, o cadro amarelo estivo máis serio na segunda metade. Anotou tres goles máis. Dobrete de Marcos Vila e un tanto de Darwin.
A primeira vitoria do Carballedo
O Carballedo superou ao Ferreira para sumar de tres por primeira vez no curso. Foi un encontro que tivo case que de todo: penaltis, expulsións, alternativas no marcador, etc.
Mediada a primeira parte púxose por diante o Carballedo cun penalti marcado por Roberto. O Ferreira protestou moito a acción. protestado polo Ferreira. Roberto volveu marcar antes do descanso cando tamén os locais quedaron con 10.
No segundo tempo, o Ferreira estivo volcado en campo rival. O Carballedo buscaba sentenciar a contra. Marcou o Ferreira. Logo foi o propio cadro de Pantón o que quedaría con dez. Moncho anotou o terceiro para os seus e antes do final o segundo do Ferreira.
O Lemos B e o Carballedo teñen cinco puntos. O Chantada B é antepenúltimo con catro puntos. En descenso están o Sporting Lucense e o Paradela (tamén con 4 pts.). Polo momento non conseguiu gañar o Chantada B.