#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Dani Pedrosa recoñece que a clave para estar nos postos altos é mellorar fóra da casa

Os equipos da Terceira Galega xa preparan a novena xornada de Liga. Os tres conxuntos da provincia preparan os encontros a domicilio desta finde. Aí precisamente é onde ten materia pendente o Racing Villlabés. O cadro chairego xoga este sábado ante o Silva e buscará o primeiro triunfo do curso lonxe da Magdalena.

Este martes, no Ser Deportivos Lugo, a presentadora do programa, Sara Meijide, e o redactor de Futbolinlugo, Iván Calaza conversaron co xogador do Racing Dani Pedrosa. O dianteiro de Ribadeo é o actual máximo goleador da categoría con seis goles.

Pódese escoitar o audio da entrevista no SER Deportivos Lugo no seguinte enlace: Entrevista Dani Pedrosa (29/10/2021).

A pasada fin de semana marcou un dobrete na goleada dos pupilos preparados de Simón Lamas ao Arnoia. «Este ano parece que están entrando. Estou moi contento. Tentaremos que sigua a boa xeira. É importante anotar goles e axudar ao equipo deste xeito», comenta o atacante.



No tocante ao encontro da pasada xornada, Pedrosa cre que o prepararon a conciencia. «Sabiamos que ían vir repregados que ía ser complicado atopar eses espazos ao xogar eles cunha liña de cinco en defensa. Penso que o míster leu ben o encontro. Puxo xente de máis posesión e de máis ir ao ataque», explica o dianteiro.

Dani Pedrosa salientou o bo inicio do equipo nos primeiros minutos aínda que nese tempo non chegou o gol. «Púxemonos por diante nunha acción de estratexia. A partir de aí, eles ao estar nunha mala dinámica tamén xa se lles fixo costa arriba. A Magdalena é un campo moi complicado para os visitantes. Faise grande e cun ritmo no que o balón vai moi rápido. Antes do descanso marcamos o segundo. Na segunda metade desfrutamos dun partido máis tranquilo que facía tempo que non o tiñamos«, apunta Pedrosa.

Con este triunfo, o equipo está na zona media da clasificación. Suma xa tres vitorias na casa aínda que Dani opina que sempre pode haber un plus máis. «Imos na xornada 8 e hai que facer moitos máis adestramentos todos xuntos. Na casa estamos nun bo momento de forma os partidos estannos saíndo ben xogando de diferente maneira: máis repregados e a contra contra o Barco e o Somozas; e outros como ante o Sofán e o Arnoia con máis control de pelota».



O curso pasado o Racing só foi quen de gañar en catro escenarios lonxe do seu feudo. Un deles precisamente foi na Grela onde o equipo xoga este sábado. Naquel partido, Dani Pedrosa tamén marcara gol. «A clave vai estar nos partidos fóra da casa para poder situarnos arriba. O ano pasado foi unha circunstancia que nos penalizou moito», sinala Pedrosa.

O máximo goleador da Terceira trata de buscarlle explicación a ausencia de vitorias a domicilio nesta campaña.«Quizais temos que ter máis ambición, esa que temos xogando na casa. Erros sempre vai haber pero se se xoga igual ca na Madalena temos moito que gañar tamén a domicilio. Podemos ser tamén un equipo moi perigoso«, concluíu.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *