Damián foi un dos futbolistas de referencia do Brollón nun triunfo clave co Santa Comba. Damián anotou dous goles e o club dos Medos colocouse líder no tramo decisivo da tempada. Con todo, o seu liderado opacouse esta semana coa decisión do Comité de Competición de repetir parte do seu partido co Rubián.
Tamén no grupo sur, pero na zona baixa, logrou unha vitoria moi importante o Chantada B. Superou a un rival directo como o Lemos B. Pedro Iglesias, habitual nas convocatorias co primeiro equipo como defensa, baixou axudar aos seus compañeiros no ataque e marcou tres goles.
O Chantada B, así como todos os equipos da zona baixa, tanto no norte como no sur, están pendentes dos arrastres. Un descenso dun equipo lucense de Primeira supón un arrastre en Segunda. A maiores dos que descendan por descenso directo (no peor dos casos 4, pola situación da Mila) podería baixar un por arrastre. O descenso dun equipo galego da 2ª RFEF provoca que baixe o peor 4º clasificado dos seis grupos da Primeira.
Tanto na 2ª norte como na sur, liberaríase un arrastre no caso de que o 2º clasificado ascenda na promoción. Lembremos que este ano cambiou o formato. Xogan dúas eliminatorias a dobre partido contra rivais de Ferrol, A Coruña, Santiago ou a Costa da Morte.


O Iberia exerce de líder en San Cibrao
O partido estivo marcado pola lesión do porteiro Javi Madariaga ‘Mada’. Nunha acción na que pretendía atallar un balón que caía na área, rompeu o tendón de Aquiles. O gardamallas foi operado o propio domingo e xa inicia o proceso de recuperación na súa casa. Dende Futbolinlugo mandámoslle todo o ánimo posible ao capitán do Sanci, cancerbeiro de referencia na Mariña e participante no I All Star de Futbolinlugo.
O partido comezou mellor para o Iberia, que acabou gañando 1-2. Adiantouse no primeiro tempo por medio de Iván García antes do cuarto de hora. Xeraron máis ocasións os visitantes, pero non materializaron.
Segundo foi avanzando o encontro, o Sanci medrou no partido. Creou oportunidades de gol no comezo do segundo acto. Á hora de xogo, aconteceu a lesión de Mada e o fútbol detívose máis de media hora á espera da ambulancia.

Sen máis porteiros no banco, o técnico local botou man do mediocentro Antón para colocarse baixo paus. Tivo algunha acción destacada, o Sanci tamén puido igualar, pero nunha contra o Iberia marcou o segundo tanto por medio de Ángel. Cara o final, Aleixo fixo o gol da honra.
O triunfo permítelle ao Iberia seguir na primeira posición. Acumula 56 puntos, continúa sen perder esta tempada fóra da casa e presentarase no duelo directo co Folgueiro deste domingo (As Valgas, 17:00 h) con tres puntos máis que o seu rival e cun partido pendente de xogar.
Pola súa parte, o Sanci mantense con 40 puntos na 6ª praza. Xa case sen opcións de mellorar este posto, tratará de mantelo nas catro últimas xornadas.
O Folgueiro volve sumar de 3 xusto antes do partido clave
O equipo do Vicedo superou ao Xermade (3-0). Os locais puxéronse por diante cedo, o que favoreceu ao desenvolvemento do partido cara o seu lado. Os tres goles chegaron por medio do balón parado. Os dous primeiros naceron en cadansúa acción de saque de esquina.
O terceiro marcouno Oki de falta directa. A expulsión de Álex Gimeno, do Xermade, permitiulle aos locais controlar aínda máis o partido no segundo tempo.

O Folgueiro chega á cita do domingo nas Valgas con tres puntos menos ca o Iberia. É segundo con 53, ocupa a única praza de promoción de ascenso e está igualado co Celta Barreiros (ten un partido menos) e co Riotorto; e conta con tres puntos máis que o Casás.
O Xermade é 7º con 39 puntos. Agora mesmo a ambición clasificatoria máis real é alcanzar a sexta praza para poder igualar a posición do curso anterior. Iso si, esta finde hai un aliciente máis, xógase o derbi co Cabreiros (sáb. no Municipal ás 18:00 h).
Novena vitoria do Celta Barreiros en 2025
O conxunto preparado por Rubén Acebedo venceu no Pichón ao Muimenta por 1-5. Sumou a súa cuarta vitoria seguida e non perde en liga no que vai de ano. Xogou dez partidos, gañou nove e empatou co Cabreiros. É 3º, empatado co 2º (que ten un partido máis) e a tres puntos do líder. A próxima semana recupera o cita co Cospeito e continúa dependendo de si para ascender. Na última xornada hai derbi co Iberia.
Os visitantes controlaron ben o xogo na primeira parte. Os locais plantáronse adiantados e sufriron cos ataques rápidos do Celta Barreiros. Dese xeito marcaron dous tantos por medio de Diego e Nico.
No segundo tempo, debutou Oladipo Oladapo ‘Dapo’ co Muimenta e a súa presenza notouse nas chegadas con máis perigo dos celestes. Con todo, nun saque-pase do porteiro visitante Iñaki cara Javi Andina, este anotou o teceiro.
Minutos despois, Jairo Gegunde logrou marcar o tanto local. O encontro entrou nunha fase de ida e volta da que volveron saír vitoriosos os de Barreiros. Javi Andina e Rocky de penalti sentenciaron no tramo final.
O Muimenta continúa en descenso directo e cada vez complica máis a súa permanencia. Ten 16 puntos, está a catro da Piringalla (que ten un partido menos) e a oito do Mondoñedo (con quen ten un partido na última xornada). Aínda así, estes postos poderían ser todos de arrastre.
O Riotorto, a espera do fallo dos rivais
Cuarto triunfo seguido do Riotorto e oitavo encontro sen perder logo de superar a Piringalla (0-2). O cadro riotortense suma 53 puntos, os mesmos que Folgueiro e Celta Barreiros (que ten un partido menos). Sabe que os rivais teñen que errar para poder ascender directo ou xogar play off.
A pesar da diferenza clasificatoria, a Piringalla estivo ben plantada. Antes do descanso, Manu Carreira marcou nun dos poucos achegamentos visitantes a balón parado. Cristóbal puido igualar para os locais inmediatamente despois, pero o seu remate foi detido por Parapar.
No segundo tempo, os da casa quedaron cun xogador menos pola expulsión de Simón. Aínda así, o encontro entrou nunha fase sen dominador claro. Na recta final, chegou a sentencia visitante co gol de Óscar López, o seu vixésimo tanto no que vai de liga.
O Casás, último convidado na loita polo ascenso
Xunto co Celta Barreiros, é a outra gran revelación da tempada. Ambos equipos están na parte alta da clasificación, a pesar de ser recén ascendidos. O cadro capitalino pasou por un tramo de liga no que parecía que se descolgaba, pero a mellor xeira da categoría sitúao novamente na parte alta. O Casás leva sete vitorias seguidas, a última ante o Sporting Pontenova (1-4). É 5º con 50 puntos, a 3 do Folgueiro, do Celta Barreiros (un partido menos) e do Riotorto.
Con todo, foi o Sporting Pontenova o que comezou mellor e adiantouse no marcador. O Casás botou man do fútbol ensaiado e Cristian marcou un gran gol para empatar antes do minuto 20. Os visitantes foron a máis e remontaron xusto antes do descanso cun gol de Herrero.
No segundo tempo, os pupilos preparados por Merino tentaron seguir metidos no partido e puideron igualar cunha pelota que petou no pau. Logo, Juan faría o terceiro visitante nun rexeite. Xa no final, Brayan marcaría outro gran gol nun lanzamento de falta.
O Sporting Pontenova é 9º con 36 puntos.
Terceira vitoria consecutiva do Alfoz
Cada vez máis consolidado na zona media, o Alfoz venceu á Candelaria (0-2). Superou o seu rival na clasificación e tamén ao Sporting Pontenova. Colócase na oitava praza con 37 puntos. Iguala a súa mellor xeira de triunfos, que se producira a inicios de ano.
Comezou ben o conxunto alfocense na Rúa. Os locais colleron o timón no último tramo do primeiro tempo. Con todo, foi aí onde chegou o primeiro gol do Alfoz por medio dun gran lanzamento de falta directa de Iván García.
No segundo acto, a Candelaria foi a polo empate e o Alfoz xerou perigo á contra. Non tiveron fortuna os locais e os pupilos preparados por Javi Chinchón sentenciaron cara o final. Novamente gol de Iván, desta vez de penalti.
A Candelaria é agora décima con 35 puntos. Acumula tres encontros sen gañar, ten un punto máis que o Cabreiros e está catro por riba do Guitiriz (que ten un partido menos). Nunha situación normal, o club da Rúa estaría salvado. Todo fai indicar que así será. Non obstante, a día de hoxe o equipo que finalice 12º non ten asegurada a súa continuidade na división.
Suma o Cabreiros e suma Chema
Segundo triunfo do Cabreiros que alcanza unha puntuación de máis tranquilidade (34 puntos) tras vencer ao Mondoñedo (3-0). Queda con dez puntos de marxe sobre o 13° (que podería ser arrastre), posición que ocupa precisamente o seu rival na pasada finde. Ten tres puntos máis que o Guitiriz (12º e cun partido menos). Na última xornada hai un Guitiriz – Cabreiros no que ambos agardan non ter xogar a esquivar un arrastre.
O Cabreiros foi superior, tras un inicio no que o Mondoñedo tivo os seus acercamentos. Os locais marcharon gañando só 1-0 ao descanso.
No segundo tempo, os visitantes marcaron un gol que foi anulado por fóra de xogo. O dominio era local e Chema cun dobrete cerrou o partido. O futbolista pontés leva 21 goles e volve ser esta semana o máximo goleador do grupo.
O Mondoñedo estaría agora mesmo en posición de arrastre, tal e como está a clasificación na Primeira. Ten 4 puntos máis que a Piringalla e a está a 7 do Guitiriz. Ambos rivais teñen un duelo directo pendente, que xogarán o Xoves Santo.

O Guitiriz máis cerca da salvación
O cadro guitiricense derrotou ao Cospeito por 5-1 e chega aos 31 puntos. Ten sete máis que o Mondoñedo e once con respecto á Piringalla, rival co que ten que recuperar un partido en Semana Santa. Agora mesmo, o club guitiricense case que ten que estar máis pendente do Compostela, ca dos equipos do seu grupo.
A súa 12ª praza debería ser de salvación sen apuros. Con todo, existe a posibilidade de que dous descensos da Primeira Futgal caian para a 2ª norte, o que provocaría dous arrastres (14º e 13º). A maiores, o descenso dun equipo galego de 2ª RFEF (situación que ocupa agora mesmo o Compos) provoca un descenso en cascada na Terceira, en Preferente e na Primeira.
Na Terceira aféctalle ao equipo que finalice na 15ª posición, na Preferente ao peor 14º dos dous grupos e na Primeira ao peor 15º dos seis grupos. Se na Primeira ese equipo resulta ser de Lugo e da zona norte, provocaría outro arrastre.
No peor dos casos daríanse tres arrastres. Un sempre se podería evitar se o equipo que finalice na 2ª posición da 2ª norte logra o ascenso na fase. Hai que lembrar que se trata dunha promoción de dúas eliminatorias a dobre partido ante equipos de Ferrol, da Coruña, de Santiago ou da Costa da Morte.
No encontro co Cospeito, por parte do Guitiriz marcou os dous primeiros tantos Jose Lorenzo, que encamiñaron a vitoria e certificaron o descenso do club da Fonte. Esta semana o seu capitán e álma máter deste curso, Tito, repasou en Futbolinlugo a situación que vive a entidade.

O Brollón volveu ao liderado despois da 4ª xornada
Foi unha semana máis difícil do que se presupoñía para o Brollón. O domingo recuperaba unha posición, da que gozara nas catro primeiras xornadas de liga. Superou a un rival directo como Santa Comba (3-1) e asumía en solitario a cabeza da clasificación, con dous puntos de marxe sobre o San Roque e tres máis gol average co Santa Comba.
Con todo, a resolución do Comité de Competición sobre a nomeada reclamación do Rubián trucou o estado de ánimo dun club, que se ve vítima dun acreditado erro arbitral. Se non hai cambios, o Brollón terá que volver xogar media hora do partido co Rubián co resultado de 2-0 ao seu favor, pero cun xogador menos. Esa repetición está prevista para o xoves 1 de maio, a tan só dous partidos de rematar a liga.
O partido co Santa Comba foi moi desputado. Os visitantes puxéronse por diante por medio de Brian. Pouco despois, tras unha boa xogada de Mario, Damián igualou o resultado.
No segundo acto, os locais fixéronse máis dominadores do balón, pero as ocasións eran rivais. Non acertaron e Maza nunha contra colocou un centro que un xogador rival enviou cara a súa propia portería. O Santa Comba seguiu empurrando, pero os locais termaron do resultado. Nos úlimos intres, Damián anotou o seu segundo gol nun gran lanzamento de falta para delicia dos seareiros locais.
O San Roque reduce as posibilidades do Paradela
Outro duelo directo xogouse no Gandarón. O San Roque e o Paradela igualaron (1-1) e os locais quedan con menos opcións de pelexar polos dous primeiros postos. O San Roque ten 53 puntos e ocupa posición de play off, mentres que o Paradela queda 5º con 48 puntos. Con todo, nas dúas últimas xornadas teñen encontros tamén directos co Santa Comba e co Becerreá.
A primeira parte foi tamén moi desputada. O San Roque marcou primeiro e o Paradela empatou antes do descanso con gran gol de Romy, tras pase de Samos.
No segundo acto, futbolistas como Yelko ou Vigo puideron anotar o segundo visitante, pero o resultado xa non se moveu máis.
O Becerreá posiciónase para visitar ao San Roque
O Becerreá logrou a súa terceira vitoria consecutiva ao superar ao Friol (2-0). Queda 4º con 51 puntos, a catro do líder e a dous do San Roque, o seu rival este sábado (no Polvorín ás 16:00 h).
O Becerreá aproveitou ben as súas ocasións no primeiro tempo. Dominou e marcou dous goles. O Friol mellorou moito na segunda metade, xerou algunha ocasión, pero os locais souberon termar moi ben da vantaxe.
O cadro friolés é 8º con 38 puntos, lonxe de calquera posto de perigo e coa posibilidade de alcanzar ao 6º (Ferreira, con 42 puntos).
O Antas dá un paso de xigante pola permanencia tras golear ao Ferreira
O Antas viviu unha fin doce, tanto o seu sénior masculino como feminino. Sumou o seu noveno triunfo da temporada ao gañarlle ao Ferreira (6-2). Acumula 32 puntos, oito máis que o 12º, posición que nun hipotético caso podería ser arrastre.
O encontro comezou con gol visitante, tras un erro defensivo local. O Antas foi de menos a máis cunha exhibición dos máis novos da casa. O xuvenil Alejandro García ‘Portu’ puido empatar nun lanzamento olímpico de córner que petou no pau. O tamén xuvenil Jorge Veiga si empatou nun man a man co gardamallas rival.
Posteriormente, nun gran lanzamento de falta directa de Portu chegou o 2-1 ante do descanso.
No segundo acto, unha nova combinación entre Jorge e Portu acabou co segundo gol de Jorge. O Ferreira logrou o segundo tanto por medio de Fagín e fixo pasar aos locais por uns minutos de incerteza.
Con todo, no último tramo de xogo Luis marcou o cuarto logo dunha asistencia de Portu. Nos últimos intres, o Antas logrou dous goles máis por medio de Portu e Xurxo.
Cuatro triunfo seguido do Palas
O Palas presenta a segunda mellor xeira do grupo neste tramo final de campionato. Superou ao Quiroga (2-0) e continúa asentado na zona media da clasificación. É 7º con 41 puntos, ten a un ao Ferreira (6º).
O cadro local amosou a súa superioridade, principalmente nun segundo tempo onde xerou máis ocasións e chegaron os goles.
O Quiroga, con poucos efectivos e moita xuventude, tratou de pelexar ata o final, gozou dalgunha opción pero non logrou anotar. O máis destacado no cadro quirogués foi a estrea do cadete Vidi. Con 15 anos debutou co Quiroga e xogou pola banda esquerda.
O Portomarín aséntase na zona media
O Portomarín alcanza os 37 puntos tras vencer ao Incio (0-1). É 9º, atópase nunha posición tranquila coa ambición de poder escalar aínda algunha praza máis na táboa clasificatoria.
Os futbolistas preparados por Diego Rey controlaron ben o encontro. Sen gozar de moitas ocasións, marcaron o único tanto do partido no primeiro tempo por medio de Martín Ares cun gran lanzamento.
O Incio nunca se atopou cómodo. Apertou máis no tramo final para intentar sacar algo positivo, pero non foi capaz. Queda nesa 12ª posición, que podería ser un hipotético arrastre. Lidera esa loita pola permanencia con 24 puntos, un máis que o Chantada B, dous con respecto ao Lemos B (seu próximo rival) e catro de vantaxe sobre o Rubián.
O Páramo finaliza a mala xeira e albisca a permanencia
Oito partidos levaba sen gañar O Páramo. Logrou a terceira vitoria do 2025 en liga nun encontro clave. Superou ao Rubián (0-1) e avanza moito na consecución da salvación. Suma 31 puntos, sete máis que o 12º (O Incio), posición que podería ser de arrastre.
Un gol de Julio puxo por diante ao Páramo nunha primeira parte moi seria. Na segunda metade baixaron fisicamente, ao contar tan só cun cambio. Pola contra, o Rubián si lle resultou efectiva a entrada de novos xogadores dende o banco. Estiveron moi cerca de igualar en varias ocasións, pero non o lograron.
Á espera da recuperación desa media hora de xogo co Brollón, o Rubián queda en descenso directo con 20 puntos. A dous do Lemos B, a tres do Chantada B e a catro do Incio.
O Chantada B leva os tres puntos e o average co Lemos B
Duelo de filiais crítico por salvar a categoría. O cadro chantadés impúxose por 3-1 e supera ao club lemista na clasificación. Aínda así, todo continúa moi igualado. Ambos teñen que estar pendentes do descenso e dos arrastres. O Lemos B volve ter outro duelo directo este sábado (ás 20:00 h co Incio).
O filial chantadés adiantouse cedo cun disparo dende fóra da área de Pedro. En dúas accións de centro remate Pedro marcou outro dous goles máis. Tivo o acerto o cadro local, ante un Lemos B que mellorou moito na segunda metade e completou un gran encontro.
Tourón marcou nada máis iniciar o segundo acto. Só lle faltou marcar máis goles ao Lemos B para igualar, porque por ganas, xogo e ocasións non foi. O Chantada B termou do resultado e o marcador non se moveu.
