Comezaba unha solleira mañá no Viñas da Veiga, cando as tres representantes da SD Chantada se persoaron no impecable céspede mindoniense. Había ganas de All Star Futbolinlugo e, sobre todo, de fotos. Elas foron as primeiras en chegar á Vila de Cunqueiro e sacaron a primeira das moitas que se lanzaron durante todo o día (atentos á web esta semana).
Mentres tanto, nos apurabamos os últimos flocos dun momento histórico: a creación e participación do primeiro equipo de Fútbol a pé da provincia de Lugo. E non foi tan mal a cousa, o equipo de Futbolinlugo empatou no primeiro envite ante os inventores da modalidade. Despois de outra igualada a vinte minutos corridos, era o momento dun dos pratos principais do día: o partido feminino.
O bo ambiente estivo presente desde o quecemento. E os goles desde o minuto 2. Nuria Louzao, omnipresente na primeira metade, sorprendeu a Nei cun tremendo zapatazo. A igualdade reinaba sobre o céspede. Porén, a Selección Sur golpeaba de novo. Sabe Gómez facía un bo gol e demostraba que o talento da Ulloa tamén se reflicte por Vigo.
O tanto das do Norte era cuestión de tempo. Lombardero tecía e tecía mentres que María Valcárcel buscaba os ocos na ordeada defensa de Pili Neira. E así chegou o gol desta última, cun fermoso lanzamento desde dentro da área. Cando o empate parecía máis preto que nunca, as do Sur mataron o partido. Moji realizou un gran cambio de xogo e Ana Lamas tirou dunha das especialidades da casa: disparo lonxano e axustado ás rentes do pau. O último zarpazo dun encontro moi nivelado, quizais o que máis desde que se creou o invento do All Star Futbolinlugo. Resultou difícil elixir MVP que sucedese a Yanire. Tivo que ser outra defensa: Nerea Chantada.
A mañá ía morrendo e o sol apertaba aínda máis. Como lle apertaron as bágoas a Sementa. O adestrador do Carballedo, que colga as botas esta tempada, tardou tres segundos en chorar coa súa homenaxe. Escoitar á túa avoa de primeiras é o que ten… Unha vez entregado o trofeo, fómonos a xogar outra vez cos de Cangas ao Fútbol a pé. Con algo de experiencia xa no tema e coa mente no churrasco de despois. Competimos ata o final pero unha cousa vos direi: os de Cangas corren cando o colexiado non mira! A nós non nos enganan!
E con esta boa xente corredora degustamos o marabilloso churrasco de ‘Chopa’ (grazas de corazón ao Mondoñedo e ao seu concello), previa empanada de verza de Mondoñedo. Delicia de comida e exquisita sobremesa. A mellor antesala a unha intensa sesión de tarde.
Os de Guntín, que trouxeron unha numerosa expedición, coparon o protagonismo nos xogos. Diego Neira e Álvaro Buján impuxéronse no Futgolf mentres que o propio Buján rozou o dobrete nun intenso ‘Rápido de cabeza’. Despois dunha pequena parada para coller folgos, Vicente (do Abadín) mostrou que a cabezón non lle gana naide.
Acto seguido, chegou a segunda homenaxe do día. O incombustible Asier puxo punto e final a media vida no Santa Comba e tivo o seu merecido recoñecemento. Duro por momentos, co seu fillo visiblemente emocionado e entregándolle xunto ao seu irmán o obsequio desta casa.
Iso si, aínda quedaba o concurso estrela da man de Don Plenario Veiga. A final de Sesión Plenario non defraudou. Ambos contricantes viñan estudados e o campión decidiuse na última pregunta. O excolexiado David Rodríguez venceu pola mínima a un combativo Lourido (poderedes vela nos próximos días nesta web). Lote de paleta ibérica de Torre de Núñez, mochila de A Chaira, varios libros, un balón e camisetas de Tibor e Hermo para o gañador desta primeira edición. E, por suposto, o sempre colaborativo Lou tivo o seu agasallo a pesares da derrota.
Faltaba un dos momentos máis agardados da xornada: o encontro masculino. O de máis nivel que recordamos desde que temos uso de conciencia. O ‘borollismo’ das rapazas estendeuse aos homes, que batallaron con intensidade e sen apenas patadas. Marcos cun tanto en propia porta, adiantaba ao cadro de Preferente e Terceira. Os de Primeira e Segunda bailaban ao ritmo dos Diegos e Novás mentres o indetectable Romy lanzaba desmarques sen sorte aproveitando o traballo de Fito Periale.
Na reanudación, Mauro realizou un novo truco cun soberbio testarazo tras un centro lateral de Marino. Porén os de Bruno Gómez e Paco Corredoira estaban moi vivos. Como demostrou Guedes, ao recurtar diferenzas a menos de dez minutos do remate. Máis emoción imposible, ata que Edu matou o partido cun remate de cabeza á saída dun córner. O MVP caeu nas mans de Diego Santín, claro partícipe en dous dos goles do combinado de Preferente e Terceira.
Soberbio punto e seguido para a traca final. A das derradeiras homenaxes a Recalde (que portou o brazal de capitán en territorio ‘inimigo’) e Isma. Dous mariñáns que remataron manteados polos seus compañeiros como veredes na infinidade de fotografías que subiremos nos próximos días. O que si, non teremos vídeo. A festa hai que vivila e non vela desde o sofá da casa!
P.D: Queremos agradecer a Gabri e Tichu a súa entrega no verde a pesar de vir xogar en plena recuperación das súas mancaduras.