Como é a vida sen fútbol? Cal é o impacto do Coronavirus no noso balompé? Son dúas preguntas que calquera tolo do balón se pode facer nestes momentos de incertidume. Dende Futbolinlugo propuxémonos darlles resposta. Non é unha tarefa sinxela. E polo tanto, consideramos que precisa un enfoque pluriangular.
Unha visión dende os distintos axentes principais que compoñen todo este fermoso circo. Así que, despois de poñernos mans á obra, aquí temos o testimonio e as achegas dun directivo, un adestrador, un xogador e un fiel seguidor.
SOFÁ PRESIDENCIAL
Antonio Feijoo é un home máis que coñecido no panorama provincial. Actualmente ostenta o cargo de presidente do Incio, un dos conxuntos revelación da Segunda Galicia Sur. Amosa unha visión moi clara:


«Ao club aféctalle ao 100%. Ao ser un club pequeno, o impacto principalmente afecta a un tema meramente de actividade deportiva. A nivel económico supoño que as axudas igual se retrasan. Pero o importante agora e a saúde de todos e non queda outra que aportar o pouco que podemos».
UN BANCO QUE SORRÍ
José Antonio López Lolo vén de conquerir o único ascenso ata esta data no noso fútbol. O técnico do Lucense non puido nin gozar dun só corredor de xogadores despois de firmar o salto de categoría na última xornada. Agora valora a situación a distintos niveis, eso sí vendo os toros dende a barreira.

«O feito de non adestrar provócame unha sensación de baleiro a nivel persoal. Agradezo o descanso e aproveito o tempo para adicarllo a certos aspectos deixados por falta de tempo: descanso, estudar fútbol, reciclarme… A nivel adestrador, a situación é diferente xa que planificas a temporada en función dalgunhas variables. E no fútbol afeccionado, cos condicionantes que ten a maiores…».
«A nivel de club a situación é pouco agradecida. O que debía ser unha semana de alegría converteuse nunha etapa de dúbidas. Non saber cando se reanuda a competición, a falta de relación grupal a nivel equipo… Non podemos celebrar o ascenso conquerido de maneira brillante. É o que menos agardabamos. Temos a satisfacción do traballo ben feito, tanto a nivel grupal como individual. Iso ninguén nolo podrá sacar».
O BRAZAL DUN POBO
Óscar Reigosa é unha institución en Foz. Polas súas mans pasaron a metade da xuventude do pobo. ‘Canario’ leva anos portando orgulloso o brazal do cadro do Martínez Otero. Sendo o seu mellor embaixador posible.
«Despois de 23 anos xogando, non concibo o meu día a día sen perseguir ou ter nos pés un balón. É raro non facer a mochila, elixir as botas axeitadas para o campo… Fáiseme moi raro non disfrutar dos meus compañeiros cada día, porque me fan feliz. Estou ben e protexido con eles. Paga a pena o esforzo, é unha vía de escape. Amamos o fútbol. Cal será o segredo de estar tan enganchado a un deporte? Si non o vives, non o entendes…»
«O Coronavirus aféctame porque temos que aparcar costumes por un tempo. Un cambio de chip polo noso ben. No tocante ao Foz, quizais temos que darnos conta de que hai cousas máis importantes que gañar. Cada domino expoñémonos a riscos físicos e psicolóxicos, que non se valoran o suficiente. Merece a pena loitar por un escudo, o teu pobo e a túa xente pero hai cousas máis valiosas e importantes. Coa saúde non se xoga».
O AMOR MÁIS PURO Á PELOTA
Quen non coñece a Víctor Valiño ‘Valigol’? Leva máis kilómetros de fútbol nas pernas que a maioría de nós na súa vida diaria. Un home que trona, chova ou neve, percorre a provincia vestido de vermello. A definición de fiel seguidor feita persoa. Sempre animando ao seu ben querido Monterroso, no que tamén xoga no filial.
«Non sei que se fai un sábado sen fútbol. E un domingo sen ir ver ao equipo do teu pobo. Agardemos que pronto se recupere a calma e volvamos a facer vida normal. Para min agora é como cando a un neno lle quitan un xoguete e se sinte mal. Quitáronme o meu fútbol. Non dou estado case tres días sen el e agora… Fáiseme duro, xa que como din por aí: «nacín cun balón debaixo do brazo». Ademais miña nai métese comigo pola pouca roupa que traio para lavar. Pero xa lle dixen que pronto lle volvo dar traballo e ela rise».
«O fútbol é a miña vida. Quítache todos os problemas que tes. Bótanse de menos as charlas de Omar e Iago. Tamén as broncas que caen ás veces. Pero pronto voltaremos máis fortes que nunca».