A festa do centenario rematou como tiña que acabar. O partido 500 do PM Friol foi unha vitoria das de Covi Regueiro sobre o Gijón FF. O cadro amarelo sobrepúxose ao dominio visitante durante gran parte da primeira metade cun gol de Asia desde o centro do campo. Un despexe orientado transformado en gol. No medio do desconcerto tras este curioso tanto, Ana Castro rozou o segundo nun centrochut.
O PM Friol buscaba pechar o partido sen sorte. Peor fortuna tivo aínda o cadro asturiano, que viu como ata tres xogadoras se lle lesionaban no segundo acto. No tramo final, chegou a ansiada sentencia. Lynda lograba o 2-0 a pracer. Porén, minutos máis tarde Sara recurtaba diferenzas e deixaba todo aberto para o momento clave do encontro. Por sorte, ninguén puxo en perigo a festa do quinto centenario; e Ana Castro fulminou calquera pantasma co definitivo 3-1 nun contragolpe.
Ao CD Lugo saíulle cruz. O partido 100 das de Joaquín Blanco tivo de todo menos boas noticias. Os puntos marcharon ao Principado despois de noventa minutos de excesiva igualdade e alternancia no marcador. E as lesións quedaron no bando albivermello. E de suma relevancia, como xa se imaxinan ao citar os nomes de Yanire, Andrea e Esther.
Aínda así, as albivermellas coquetearon ata co triunfo nun final tolo e escaso de acerto. Un acerto que si tivo o Real Oviedo B. Por último, e por poñer unha nota positiva dentro de tanta desgraza, o CD Lugo recuperou esa versión na que nunca se rende e o pelexa absolutamente todo. Así chegarán moitas alegrías e pronto!
Primeira vitoria do pM friol b e a domicilio
O conxunto de Geluco Villar sumou os primeiros puntos da tempada tras unha traballada remonta nas Relfas. O Sárdoma adiantouse antes do cuarto de hora cun gol de Lucía Fernández. Thimote igualou no ecuador do primeiro acto para levar o 1-1 ao tempo de lecer. Tralo paso pola zona de vestiarios, Iona marcou nos primeiros compases da segunda metade. E Salazar fixo a sentenza definitiva a pouco máis de dez minutos para a conclusión. Importante triunfo para o PM Friol B.
o san roque logra o primeiro punto lucense na segunda
O San Roque levou un escaso botín ante o Santiso. As rapazas de Quiroga deixaron un gran fútbol na Polvoreira pero non foron capaces de pasar do empate na casa. As verdibrancas, con numerosas e importantes baixas, fallaron numerosos mans a mans na primeira metade ante unha das mellores porteiras da categoría. E encaixaron un duro golpe cando as visitantes neutralizaron o gol inicial de Mery nun saque desde o curruncho.
O Chantada regresou de baleiro da súa visita ao Pontellas. As do Sangoñedo viviron o típico partido parello, no que foron mellores aos puntos pero a sorte caeu para o bando contrario. As locais adiantáronse nun saque desde o curruncho no ecuador da primeira metade. As chantadinas topáronse co pau e viron como o 2-0 chegaba nun lanzamento desde fóra da área a cinco minutos do tempo de lecer. No segundo acto non se rexistraron moitas ocasións pero o Chantada volveuse encontrar co pau.
Dous equipos lucenses pechan a táboa da Segunda. O Antas é penúltimo despois de sucumbir na casa ante o Pastoriza. O balón parado visitante matou ás de Dani Abelairas. Os tres primeiros goles do rival chegaron así e deixaron en nada o tanto de María a pase de Nuria. Nos últimos minutos, Leire ratificou a vitoria do Pastoriza ante un Antas que desfrutou dun regreso especial. Eva Pacín ocupou a meta das da Ulloa despois de varios anos fóra dos terreos de xogo.
O derradeiro posto da táboa leva o nome dunha Milagrosa en construción. As branquivermellas non tiveron opción algunha ante un Brexo Lema superior en todo momento. O cadro de Iván Dobarrio apenas inquietou a meta das de Cambre.
O San Lázaro leva un derbi moi tenso no catro ventos
O San Lázaro venceu ao Carballedo no Catro Ventos nun encontro disputado e moi tenso, que ata tivo unha importante ‘tangana’ no segundo acto. As de Sementa foron de máis a menos ante un San Lázaro liderado por Eukene, autora dun ‘dobrete’ e as súas dúas centrais Lucía Devesa e Luanda. O xogo non resultou demasiado vistoso pero as mellores oportunidades caeron, case sempre, do lado das capitalinas.
Na Terceira Galicia, o CD Lugo B só sabe gañar. Novo triunfo das de Diego Rey a pesares de contar con só once xogadoras para esta xornada. De feito, a meta Yoli tivo que actuar de dianteira. O filial tirou de orde e control para asinar tres puntos cómodos ante o Taragoña. Nekane abriu a lata no primeiro acto cun auténtico golazo. Xa na reanudación, Iyore non se quedou curta co 2-0. O último dos tantos chegou a balón parado.
Pola súa parte, o Monte Forte petou co muro do O Pino. As monfortinas trataron de crear xogo e atacar por bandas e ás costas do rival; sen sorte algunha. O cadro de Cristian Penas apenas concedeu en defensa. Iso si, a única ocasión que tiveron as santiaguesas; foi gol. Unha xerra de auga fría para un Monte Forte que mereceu, polo menos, o empate.
A Comercial caeu na casa despois dun bo inicio de partido. As lesións lastraron ao cadro de Vicky, especialmente a da súa porteira. Na segunda metade, un Bandeira superior impuxo a súa lei.
eukene, primeira xogadora torre de núñez da tempada
O premio de setembro #XogadoraTorredeNúñez foi parar a Eukene, futbolista do San Lázaro. Todas as candidatas tiñan un só voto no pasado mes así que, despois dunha primeira selección feita por esta casa, abrimos a votación ao noso público. O xulgado popular de Twitter, deulle o triunfo a Eukene (44,8% dos votos) por diante da xogadora do Lugo Ana Seguín (23,9%), a do PM Friol Ana Castro (16,4%); e Candela Otero, do CD Lugo B (14,9%).
Resultados da xornada
CD Lugo 3-4 Real Oviedo B
PM Friol 3-1 Gijón FF
Sárdoma 1-3 PM Friol B
Pontellas 2-0 Chantada
San Roque 1-1 Santiso
Antas 1-4 Pastoriza
Brexo Lema 9-0 Milagrosa
Carballedo 0-3 San Lázaro
CD Lugo B 3-0 Taragoña
Monte Forte 0-1 O Pino
Comercial 0-3 Bandeira