#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Celeiro e Bóveda acadan a primeira vitoria da temporada

No grupo norte, o Racing Vilalbés B abre un oco de cinco puntos no liderado, mentres que o Mondoñedo perde comba coa súa segunda derrota consecutiva. No sur, o Castroverde igualou co Rubían na primeira praza, á que se achega un Incio en racha. Celeiro e Bóveda estrelaron o seu casilleiro de vitorias.

grupo norte

O Racing Vilalbés goleou ao Rioaveso, aínda que o resultado non reflexou o sucedido ao longo dos noventa minutos (0-4). O encontro púxose moi de cara para os de Iván Lamas. Antes do primeiro minuto de xogo, Diego Ferreiro transformou un penalti cometido sobre o xuvenil Carlos. Gabri aproveitou unha indecisión entre a zaga e o porteiro para facer o segundo e antes do intermedio outro penalti cometido sobre un protagonista Carlos aproveitouno desta vez Gabri para sentenciar. A segunda metade resultou moi diferente. O Rioaveso apretou e o filial racinguista defendeuse. O gardameta Pedro tivo que desbaratar varias ocasións claras e Cadra sacou un balón da liña. No desconto, Gabri fixo o cuarto nunha contra.

O Friol B gañou na Canteira e achégase á zona de privilexio (2-3). Os visitantes foron superiores na primeira metade, sobre todo a raíz do primeiro tanto anotado por Suso. Telmo fixo o segundo antes do descanso, e nada máis comezar a segunda metade Roca anotou o que parecía o gol da sentencia. A partir de aí o Catro Roldas foi superior e foi quen de marcar dous goles, obra de Samu e Santi. O marcador apretouse pero o Friol B aguantou para sumar tres importantes puntos.

O Celeiro sumou o primeiro triunfo diante do Mondoñedo (1-0). Moi bo encontro do Celeiro, que lembrou aos da fase de ascenso da pasada temporada. Os de Martín Rodríguez superaron ao Mondoñedo, un dos favoritos ao ascenso, que colleitou en Trasvías a súa segunda derrota consecutiva. O cadro mindoniense apenas tivo presenza ofensiva e viu como a falta de once minutos para o final Mora anotaba o tanto da vitoria celeirense.



Triunfo contundente do Cazás na súa visita ao campo da Comercial B (0-3). O partido púxose de cara para o cadro chairego moi cedo cun bo gol de Iago de volea aos cinco minutos. Tras varias ocasións, Álex Muñiz aproveitou un centro lateral para marcar o segundo de cabeza. Na segunda metade, a Comercial B xogou máis en longo e tentou rachar a ordeada defensa do Cazás. Un tiro desde a frontal de Álex Muñiz sentenciou o encontro.

O Abadín gaña no feudo do Nuevo Nausti e suma o segundo triunfo consecutivo (1-3). Primeira metade igualada na que ámbolos dous porteiros estiveron atinados. Malia todo, os visitantes foron quen de marchar ao descanso con vantaxe, cun bo gol obra de Carra. O Nuevo Nausti non lle perdeu a cara ao encontro e meteu en moitos apuros ao seu rival. Na segunda parte, o Abadín fíxose paseniño co dominio do encontro e Seco con dous goles, un deles de penalti, sentenciou. A falta de cinco minutos para o final, un bo disparo de Cristian supuxo o tanto local.

grupo sur

O Rubián mantén o primeiro posto logo de gañar no campo do Taboada B (1-3). O cadro local comezou asustando cun tiro ao longueiro, pero pouco a pouco o Rubián fíxose co dominio e xusto antes do intermedio foi quen de marcar por medio de Javi. Na reanudación Rodri abriu brecha no marcador. Álex Pita recurtou diferencias, pero o veterán Miguel fixo o terceiro e acabou coas esperanzas do filial.



O Castroverde apreta a cabeza da táboa logo de superar pola mínima ao Páramo (1-0). Os de Fran Veiga non ceden e suman os mesmos puntos que o Rubián. Fronte ao Páramo, a falta de puntería fixo que o encontro se decidira cun solitario tanto de Samu antes dos vinte minutos de xogo. Dous man a man errados e un tiro ao longueiro foron as ocasións máis claras do cadro local. O Páramo colgou balóns á área na procura do empate, aínda que sen éxito.

O Incio oposita ao liderado logo de vencer no difícil campo do Palas (0-2). Encontro moi serio dos de Julio Corral, que fixeron gala da súa solidez defensiva. A primeira metade rematou sen goles e sen apenas ocasións. Na reanudación, Pombo adiantou ao Incio ao rematar un saque de falta. O Palas apretou na procura do empate e tivo boas ocasións, pero a boa actuación do gardameta Castro impediuno. Xa no desconto, nunha contra, Darwin anotou o segundo.

Quinto empate da temporada para o Monterroso B fronte ao Quiroga (3-3). Resísteselle o triunfo ao filial monterrosino, que foi quen de adiantarse no marcador por medio de Manel logo dun saque de falta de Burgo. Era mellor o cadro local, ata que preto do descanso, un erro en mediocampo aproveitouno o xuvenil Alejandro para igualar. Tan só dous minutos máis tarde, o propio Alejandro fixo o segundo. Logo do descanso, o Quiroga abriu brecha cun tanto de Sergio Pollo. A partir de aí o Monterroso B foi superior. Os trocos sentáronlle ben aos de Javichu e con media hora por diante Álex fixo o segundo. A falta de quince minutos para o final, Toni fixo a igualada. Puido chegar o cuarto, pero os monterrosinos non tiveron atinados.

O Sober iguala na segunda metade unha desvantaxe de tres tantos diante do Santa Comba (3-3). Un tempo claramente para cada equipo. Malia que o Sober saiu ben ao encontro foron os visitantes quen golpearon con dureza ao rival con tres tantos, os tres obra de Jorge. A segunda metade ofreceu un troco radical. Ibán Lagoa trocou de sistema e o Sober dominou por completo ao seu rival. Dous tantos de Sergio e un de Brais serviron para igualar a contenda e mesmo gozaron de ocasións para levar os tres puntos. Os de Ángel Merino tamén tiveron as súas opcións nos últimos intres, pero o marcador non se moveu.

O Bóveda sumou os seus primeiros puntos fronte ao Relámpago Taboada (3-0). Os dous conxuntos chegaban a este encontro sen estrear o seu casilleiro de puntos, e foi o cadro local quen levou o gato á auga. O encontro púxose de cara para os locales cun penalti aos tres minutos que transformou Ángel. O Relámpago pagou o seu exceso de confianza e viuse castigado pola lesión do seu gardameta Iván, que tivo que ser remprazado por un xogador de campo. Ego e Viana sentenciaron o encontro.



Celeiro e Bóveda acadan a primeira vitoria da temporada

Unha imaxe icónica e a docena de

Celeiro e Bóveda acadan a primeira vitoria da temporada

A Porra de Futbolinlugo, 10

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *