Para ti, que estás lendo estas liñas, o fútbol é unha parte importante da túa vida. Se non fose así, non estarías un 31 de decembro co teu móbil mirando a ver que publican hoxe os de Futbolinlugo. Pois toca unha reflexión parva, pero necesaria.
O día de fin de ano é unha data para celebrar. Seguramente moitos de vós brindedes pola noite cos vosos seres queridos por outro ano xuntos, cheo de cariño e de éxitos para todos os que esteades arredor da mesa (moitos seguirán brindando de madrugada).
Eu hoxe tamén quero celebrar, e quero brindar. En primeiro lugar, o 2022 trouxo de volta a normalidade ao noso fútbol. Recuperamos as cantinas, os chascarrillos e os nervios previos aos partidos, a ilusión e, en xeral, todas esas sensacións que rodean á pelota. Por iso, o primeiro brindes que propoño é por esa normalidade. Canto botamos en falta os adestramentos dos venres cando non podiamos xuntarnos! Canto botamos en falta as coscas antes de chegar ao campo o domingo pola tarde!
O fútbol afeccionado mantén un importante atractivo porque mantén a súa autenticidade: traballadores que se visten de curto para desfrutar dun rato cos seus amigos, veciños que se xuntan para representar a unha vila, amigos e ex-compañeiros que se atopan no verde… Esa é a esencia do fútbol, que tanto nos gusta e que tanto desfrutamos.
Unha das cousas obvias do fútbol é que dos dous equipos que xogan, un gaña e outro perde. De cando en cando empatan. O deporte leva consigo ese factor competitivo que lle aporta emoción e interese. Porén, a competición non debería facer que perdésemos o norte.
Por exemplo, fai pouco tempo tiveron lugar preto da nosa provincia incidentes moi graves derivados dun partido de fútbol. Hoxe é raro o partido no que non hai un rifi-rafe ou tensións entre distintos protagonistas: xogadores, adestradores, colexiados, afeccionados, directivas… Escoito a rapaces de catorce anos dicir: “A ver si hay bulla que esto es un coñazo” mentres presencian un partido da Segunda Galicia. Vexo adestradores enfrontados cos seus propios xogadores, presidentes enfadados cos seus adestradores e xogadores tensos coas súas directivas…
Porén, todos os estamentos necesarios para un partido de fútbol comparten varios trazos: son (somos) xente apaixonada e ilusionada, invertemos moitas horas “libres” nos adestramentos e nos partidos, temos que traballar ou estudar os luns, gústanos a lama, sacrificamos as noites do sábado (algúns máis que outros) para competir o domingo… A maioría de nós nin vive nin quere vivir disto.
Compartimos paixón e dedicación. Compartimos os adestramentos nun horario duro e en condicións que invitan a quedar na casa, quentiño. Compartimos moitos quilómetros na estrada para facer o que máis nos gusta. Compartimos provincia e comunidade. Compartimos o mundo da pelota, que xira en torno a todos nós.
Por suposto, un pouquiño de picante está ben para o espectáculo. Pero cando o guiso leva demasiado pemento picante, perde todo o seu sabor. Por iso, a segunda cousa pola que brindo hoxe é a amizade. Brindo por unha comunidade do fútbol lucense que saiba apreciar a todos os que a compoñemos: técnicos, directivas, futbolistas, árbitros… que celebre hoxe un ano máis e que aproveite para deixar atrás roces que poidan ter a súa orixe no campo.
Brindo por un Mondoñedo-Lourenzá que sexa unha festa na categoría que coincida, polo ambientazo dun Celta Barreiros-Iberia, por un torneo entre os catro clubes de Xermade, por un Cospeito-Muimenta cheo de risas, por un PM Friol-CD Lugo que esqueza o pasado, por un Monterroso-Taboada no que a loita sexa entre os cánticos de cada afección, pola paz no Sangoñedo e porque todos repasemos unha temporada marabillosa no III All Star Futbolinlugo.
Ninguén no noso fútbol xoga para ser profesional nin para triunfar. Dentro duns anos miraremos atrás e pensaremos o felices que eramos no campo, como ocorreu durante o parón da pandemia. Por iso, temos que evitar loitas nas que non estea de por medio o balón, ou choques máis aló das disputas por facerse coa posesión. Brindo por un 2023 de apertas ao rematar os adestramentos e os partidos.
Os éxitos de cada club son e serán os éxitos do fútbol lucense. Cada hora adestrando, conducindo de noite, traballando rebentado o luns… contribúe a que os distintos conxuntos da provincia triunfen e medren. Porque somos iso, unha familia, a familia do fútbol lucense, e temos que minimizar as tensións para seguir medrando, todos xuntos.
Porque hoxe todos cenamos na mesma mesa. Unha mesa redonda, sen ninguén na cabeceira. Brindo porque ninguén estea ausente nesta mesma cita, dentro de 365 días, e brindo por todos aqueles que decidan incorporarse á nosa aventura. Brindo polo fútbol afeccionado, brindo polo fútbol lucense.