#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Brilla o sol en Vilalba: O Racing comeza este domingo a fase de ascenso

Foto de portada: Carlos Castro

‘Siempre brilla el sol’ será un dos temas que máis resoen esta fin de semana en Vilalba. A capital da Terra Chá celebra unha nova edición do FIV, o festival independente vilalbés. Á par, o Racing inicia o seu camiño na promoción de ascenso á Segunda RFEF

O vestiario racinguista pódese apuntar á filosofía que Lori Meyers transmite na canción mencionada (“pero siempre brilla el sol”, non se cansan de repetir).  Logo de dúas temporadas quedando á beira da fase, lograron clasificarse nunha das campañas máis igualadas da categoría por mor de ser tan só dezaseis equipos. 

Este domingo ás 17:00h o Villalbés recibe na Magdalena ao Rápido de Bouzas. Trátase do partido de ida da primeira eliminatoria das tres que tería que xogar o club para conseguir o ascenso. 



O corpo técnico do Racing Villalbés poderá contar, en principio, con todos os integrantes do cadro de xogadores. Si é certo que Javi Rey arrastraba nos últimos días problemas nun xemelgo. De feito, o talentoso mediocentro non tivo minutos ante o Arousa. Precisamente, logo do encontro co conxunto vilagarcián tamén se queixou Rares dun golpe no xeonllo. Prevese que os dous estean na convocatoria deste domingo. 

Simón Lamas: «Sentimos liberación ao clasificarnos»

Na previa do encontro tivemos a oportunidade de conversar con Simón Lamas, adestrador do Racing (como xa o fixeramos no inicio da campaña): “Foron sensacións encontradas. Primeiro de alegría porque estabamonos afacendo nas últimas tempadas a estar na zona alta e non lograr o play off; é un fito importante. Pero tamén sentimos liberación porque estivemos toda a tempada nos postos altos e a segunda volta foi moi complicada”, salienta o técnico. 

O Racing é un equipo asentado na categoría cuxa liña dos últimos cursos é a de estar da metade da táboa cara arriba. O pasado verán conformou un equipo que moitos marcaron nas quinielas do play off. Mantívose a base do grupo e a maiores chegaron futbolistas como o porteiro Álex Santomé, o regreso de Santi Gegunde, o defensa Joel, o atacante Álex Pérez ou os expertos Marcos Álvarez e Pablo Rey



A pesar do potencial dos xogadores, Simón di que “o club transmitiu sempre un discurso tranquilo. Evidentemente eramos conscientes de que xuntáramos un bo equipo e a primeira volta realizada tamén alimentou a ilusión«. Non obstante, remarca que “a presión é a que nós nos poñemos; o club en ningún momento nos obriga a ascender”. 

De máis a menos para volver a un gran nivel

O cadro chairego rematou a competición da Terceira Galega na 4ª posición con 46 puntos. Unha diferenza de cinco puntos con respecto ao 6º. Realizou unha gran primeira volta de campionato e despois pasou por unha fase máis irregular de resultados. 

Con todo, os catro puntos conseguidos nas dúas últimas xornadas ante os dous primeiros clasificados (Fabril e Arousa) impedíronlle abandonar a zona de privilexio na que estivo a maior parte do curso.

“A categoría demostrou o igualada que é. A liña do éxito maior ou menor é moi fina. Teño a sensación de que houbo varias decisións arbitrais que nos prexudicaron ao longo da tempada. Igual podiamos estar metidos antes na fase de ascenso. Pero o mesmo pasa con nós mesmos. Certas decisións puntuais dos xogadores e miñas que fan que non sexas capaz de enlazar unha serie de bos resultados”, analiza Simón. 

Simón Lamas: «O equipo antepuxo o interese grupal»

Simón dirixe o Racing Villalbés dende 2018. Foto do ano 2021 no Estadio Municipal da Madalena

Preguntado por se houbo algunha diferenza esta campaña con respecto ás anteriores para chegar a tan privilexiada zona, o adestrador teno claro: “O equipo antepuxo o interese grupal ao individual, creo que o último ano non o fixemos de todo e iso privounos de facer as cousas un pouco mellor”. 



Salienta o papel importante que xogou a actitude de futbolistas como Pablo Rey ou Marcos Álvarez: “Á hora de medir un futbolista non ten nada que ver a categoría para falar de humildade. Pablo Rey ou Marcos Álvarez, que teñen experiencia a un nivel maior, teñen moita máis humildade ca outros xogadores que estan en categorías máis baixas. A súa experiencia futbolística e a integración que tiveron no vestiario veunos moi ben”. 

Ademais tamén apunta o míster que “o equipo sabía que os dous últimos encontros ía competir ben ante Fabril e Arousa. Dásenos ben ese tipo de encontros. Outras temporadas quedamos ás portas, precisamente nesas últimas xornadas”. 

Compañeiros do corpo tecnico traballando exactamente igual que agora, futbolistas que pasaron por aquí a mellorar. O que máis ilusión como estaba. 

A eliminatoria co Rápido de BOUZAS COMEZA EN VILALBA

O Racing afronta a eliminatoria co Rápido logo de non ser inferior aos outros equipos que quedaron por riba del na táboa. Non obstante, Simón advirte do perigo do cadro vigués: “Os catro equipos da fase somos bos, pero o Rápido é moi peculiar”.

Na liga houbo empate a dous goles na Magdalena e o Rápido gañou pola mínima no Baltasar Pujales: “Trátase dun conxunto que encaixa moi poucos goles, non lle importa estar con todos os xogadores por detrás do balón, ponse por diante e resiste nun repregue intensivo moitos minutos e a maiores ten grandes individualidades. Tamén o contexto do seu campo artificial é diferente ao do resto”, analiza o preparador vilalbés. 

Un posible ascenso á cuarta categoría estatal

É a terceira vez que o conxunto chairego xogará un play-off de ascenso dende a Terceira Galega. Non obstante, desta volta non é unha fase ao uso como as de antes. A creación en 2021 dunha nova categoría entre a 3ª de Galicia e a antiga Segunda B, provocou que a propia división en si baixase un chanzo. 

Cando o Racing xogou a promoción en 2011 e en 2018 pelexaba por subir á terceira categoría do fútbol estatal. Agora faino por ascender á cuarta: “Non é unha Segunda B como antes; é unha categoría intermedia”, comenta Simón que cre que o Racing está capacitado para estar nela: “Pola idiosincrasia que temos, o club sería competitivo. Que che dea para salvarte iso xa se vería. Pero con algún retoque non teño ningunha dúbida que podería competir”.

 

Simón Lamas
Simón Lamas, criado en Vilalba e no Racing Villalbés. Foto 2021

Un adestrador con ADN racinguista 

A situación deportiva do Racing tamén é especial para Simón, un adestrador formado no ADN racinguista do que lle gusta presumir. Chegou en 2018 xa coa temporada comezada cando o equipo estaba na zona baixa da clasificación. 

Logrou a salvación ese curso, logo veu a tempada paralizada pola pandemia, dous cursos marcados aínda polo efecto do virus nos que o equipo se quedou ás portas da fase e este no que a liga foi máis curta ca nunca. 

“Vivín os outros play offs dende outro prisma. No primeiro era xogador xuvenil e no segundo coordinador da base. Vivilo agora como adestrador supón un obxectivo cumprido na miña carreira”, salienta o técnico. 

Con todo, o adestrador recoñece que “non o estou a desfrutar como debería. Porque estamos co foco en chegar o máis lonxe posible”. Máis aló do rendemento deportivo, “quédome co ambiente que houbo o outro día na Magdalena. Fíxome moita ilusión ver os xogadores do fútbol base coa camisola dos futbolistas do primeiro equipo, a celebración final con eles,… quédome con ser partícipe disto”.

“Darlle continuidade ao vivido contra o Arousa en Vilalba faime especial ilusión. Conseguir que a xente se enganche un pouco máis”, conclúe Simón Lamas. 

Brilla o sol en Vilalba: O Racing comeza este domingo a fase de ascenso

A última xornada da 2ª Rexional en

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *