#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira Futgal

O Racing Vilalbés ao play off, o Viveiro perde a categoría.

Unha de cal e outra de area na derradeira xornada de Terceira RFEF. Ledicia na Madalena, onde o Racing Vilalbés dobregou a un Arousa que se xogaba o ascenso directo e disputará o play off de ascenso. Final de temporada cruel para o Viveiro. Logo de sobrepoñerse a moitas adversidades, os mariñáns xogarán en Preferente o vindeiro ano logo de perder no campo do Arteixo e non verse favorecidos polos marcadores doutros campos.

Na Preferente a Sarriana mantén o liderado pero sumou a segunda derrota consecutiva diante dun Boiro que se achega a seis puntos. O Ribadeo venceu ao Portomarín no derbi provincial, mentres que a Residencia perdeu no campo do As Pontes. O Lemos empatou na Pinguela diante do Mugardos e mantense fóra do descenso directo.

O Racing Vilalbés vence ao Arouse e é equipo de play off (2-1)

O conxunto chairego rematou a temporada regular en posto de promoción de ascenso, e fíxoo logo dun encontro vibrante na Madalena diante do Arousa, conxunto que chegaba con opcións de acadar o ascenso directo. Os de Simón Lamas foron mellores na primeira metade, sendo quen de chegar a área rival con certo perigo e defendendo con éxito os envites dos pupilos de Luisito. No ecuador do primeiro tempo chegou o primeiro tanto local, obra de Álex Pérez, logo dunha boa combinación entre Rares e Javi Varela. O Arousa en ataque apenas xerou perigo sobre a portería de Álex Santomé.



Trocou o encontro na segunda metade. O cadro visitante, consciente de que só lle valía a vitoria, buscou a remontada. A ocasión máis clara tívoa nun testarazo de Iñaki á saída dun córner que detivo providencial o gardameta local. A falta de dez minutos para o final un centro de Fajardo cabeceouno Sylla e Hugo Losada rematou ao fondo da portería. Nada máis sacar de centro, nun balón á área de Marcos Álvarez o colexiado sinalou penalti por man de Pacheco. A decisión foi moi protestada polo conxunto visitante. Pablo Rey non errou desde os once metros.

O Racing Vilalbés enfrontarse co Rápido de Bouzas na primeira rolda do play off de ascenso a Segunda RFEF. Será eliminatoria sobre; primeiro encontro na Magdalena e logo no Baltasar Pujales.

O Viveiro non foi quen de sumar en Arteixo e xogará en Preferente a vindeira temporada (3-1)



O conxunto mariñán, que se mantivo boa parte da temporada alonxado dos postos de descenso pagou cara a mala xeira no tramo final, e malia non rematar en postos de descenso directo, cae irremediablmente a Preferente por mor dos descensos desde a Segunda RFEF.

A primeira metade na Ponte dos Brozos resultou igualada, gozando o Arteixo dunha gran efectividade, sendo quen de convertir en gol os dous achegamentos á portería de Casillas. Á media hora de xogo Edu fixo o primeiro tras un bo centro de Vela e dez minutos máis tarde Pablo Ramos fixo o segundo desde dentro da área. Antes do intermedio Lucas Fanego recurtou diferencias cun bo tiro cruzado.

O Viveiro arriscou na segunda metade. Alberto López deulle entrada no campo a xogadores ofensivos como Rolle e Anthony na procura dun punto que podía valer unha permanencia. Sergio Otero contou cunha oportunidade moi clara para empatar cun tiro desde dentro da área. Pero foi o Arteixo, de novo por medio de Pablo Ramos, quen logrouo gol nunha fermosa xogada individual. O Viveiro non se veu abaixo, pero non foi quen de recurtar diferencias e Casillas logrou, con varias paradas de mérito, que o marcador non fora máis abultado.

Segunda derrota consecutiva da Sarriana diante dun rival directo polo ascenso (1-0)

A Sarriana encadea por primeira vez na temporada dúas derrotas consecutivas. Desta volta foi en Barraña diante do Boiro. A falta de cinco xornadas para o final, os de Brais Prados manteñen un punto de vantaxe sobre o Noia, cinco sobre o Betanzos e seis sobre o Boiro.



Malia todo a Sarriana realizou un bo encontro, experimentando unha importante melloría con respecto ao encontro da pasada xornada fronte ao Betanzos. Diego Rey contou coa mellor ocasión para os sarriaos no primeiro tempo pero o gardameta Mario saiu vitorioso no man a man.

Ao pouco de comezar a segunda metade o goleador Pedro Beda marcou o único tanto do encontro. Foi á saída dun córner, o balón quedou morto na área e o atacante remata ao fondo da portería de Javi Liz. O Boiro pechouse atrás e a Sarriana contou con ocasións para poder sacar algo positivo de Barraña. Diego Rey, Marino e Herrero contaron coas máis claras.

A Residencia racha coa xeira de dúas vitorias consecutivas ao perder no campo do As Pontes (1-0)

Non comezou ben o encontro para o cadro lucense. Aos dez minutos nunha boa xogada de Tijan rematou co gol de Brais. A partir de aí, a Residencia estivo ben con balón, pero con escasa profundidade.

Txiki contou cunha gran oportunidade, nun balón ao espazo, no que o extremo se plantou só diante de Valentín, que sacou o un contra un. Poratti contou con outra boa opción para marcar, pero o seu disparo, a pase de Artai, saiu alto.

O Ribadeo acada tres puntos de ouro diante dun combativo Portomarín (4-2)

O derbi provincial saldouse con triunfo dun Ribadeo que segue na procura dos postos de tranquilidade. Os de Dani Moirón comezou moi ben, movendo o balón con velocidade e atopando espazos na defensa rival. Criss avisou aos dous minutos e aos tres xa non perdonou. Un balón longo de Santi, reconvertido a central, que Isma colocou á perfección para o remate de Criss ao fondo da portería. Álex Meitín contou con outra boa ocasión nun remate de volea, antes de que Criss fixera o segundo logo dun bo servizo de Asier. O Ribadeo pecou de exceso de confianza e o Portomarín non lle perdeu a cara ao encontro. Nunha xogada aillada Pardo marcou un golazo pola escadra cun potente lanzamento desde fóra da área. Pouco despois Carrera tivo que esforzarse para deter o lanzamento de Martín e resultou decisivo nun man a man diante de Nel. Na última acción do primeiro tempo o centro de Javicho rematouno Pardo libre de marca ao fondo da portería.

A segunda metade comezou de forma semellante á primeira e o Ribadeo non tardou en marcar. Un erro defensivo do Portomarín aproveitouno Aitor que serviu para que Álex Meitín puxera por diante aos mariñáns. Xurde puido ampliar diferencias, pero errou o man a man diante de Chumi. Na seguinte xogada Asier conectou con Álex Meitín que sentenciou o encontro.

O Lemos iguala co Mugardos na Pinguela e evita caer a postos de descenso directo (1-1)

Encontro igualado no que o conxunto visitante foi quen de adiantarse cun tanto de Artai que aproveitou un bo saque do gardameta para plantarse diante de Losada e definir no man a man. O Lemos igualou por medio de Youness á saída dun córner. Os monfortinos tiveron fases de bo xogo nas que o Mugardos non lle perdeu a cara ao encontro e foi quen de xerar perigo nas transicións.

Na segunda metade o colexiado anuloulle un gol a Diego Torres por fóra de xogo e Mauro contou cunha boa ocasión cun disparo que saiu lixeiramente desviado. Miguel tamén puido marcar, pero o seu lanzamento detívoo o gardameta visitante nunha boa intervención. O Mugardos tamén xerou dúas opcións de gol á contra.

O Racing Vilalbés ao play off, o Viveiro perde a categoría.

A técnica do arrastre pode volver tocar

O Racing Vilalbés ao play off, o Viveiro perde a categoría.

Máxicos Futbolinlugo. Xornada 31

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *