O Atlético Escairón conseguiu sorprender ao Cidade de Ribeira e conseguir unha vitoria por 0-3 que lles permite aferrarse ao tren da permanencia na Preferente Futgal antes dunha semana decisiva ao ter tres encontros nunha semana. Os da Ribeira Sacra xa están a sete puntos do Ribadeo, quen marca a permanencia, aínda que tamén está na loita o Lemos, ao que se enfrontarán na penúltima xornada da competición.
Unha das chaves da mellora é o traballo de Brais Prados dende a súa chegada. O adestrador do Atlético Escairón pasou polos micrófonos do Ser Deportivos Lugo desta semana e enfrontouse ás preguntas de Álex Gato, presentador do programa, e Eros López, redactor de Futbolinlugo. Na entrevista falaron do último encontro, a situación do equipo, o calendario, a loita pola permanencia e o seu próximo encontro ante o Negreira.
Ultimo encontro: «Foi un encontro moi bo pola nosa parte. Houbo xente coa que falei que se sorprendeu, pero nós non fixemos nada fóra do común. A moeda esta vez caeu do noso lado xa que materializamos as ocasión e Canario estivo moi ben baixo os paus. Estamos moi contentos».
Situación do equipo: «A vitoria é un chute de motivación, pero as nosas contas da leiteira só as podemos facer con nós e dependemos do que fagan O Val, Ribadeo e Galicia Mugardos. Agora estamos centrados en gañar ante o Negreira que é un rival moi complicado».


«O Escairón vai loitar mentres teña opcións»
Calendario: «Temos un calendario complexo esta semana ante Negreira, Arzúa e San Tirso. Si que é verdade que o encontro ante o Lemos pode ser decisivo porque ao mellor nos estamos xogando todo ambos nun partido moi especial pola rivalidade».
Loita pola permanencia: «Sabemos que é moi difícil, pero imos pelexar mentres teñamos opcións. A chave estará en non cometer erros defensivamente e aproveitar as ocasións que teñamos para sumar goles».
Choque ante o Negreira: «Creo que estamos no mellor momento no que levo eu no Atlético Escairón para este tramo da tempada. Levamos unha derrota nos últimos seis encontros e competindo en todos pola vitoria. Temos confianza e despregando un moi bo xogo.
