#Fútbol afeccionado #Terceira Futgal

Ascenso e campionato para o Racing Vilalbés B

O filial chairego logrou o gran oxectivo na súa primeira tentativa e con dúas xornadas de marxe. Temporada sobresaínte para un Racing Vilalbés B que non deixou a primeira praza desde o comezo do campionato. O segundo posto do grupo norte ocúpao o Mondoñedo, con catro puntos de vantaxe sobre un Rioaveso ao que se enfronta nesta xornada. Todo o que non sexa un triunfo do Rioaveso suporía o ascenso matemático do Mondoñedo. Abadín, Celeiro e Nuevo Nausti defenden os seus postos de play off, co Catro Roldas e Friol B aínda con opcións.

No grupo sur a emoción é máxima. O Palas é líder e un triunfo no campo do Monterroso B podería darlle o ascenso directo. Dependerá do resultado do terceiro clasificado, o Quiroga, que visita ao Taboada B e ao que avantaxa en dous puntos. O Incio, segundo clasificado, tamén mirará de reollo o que pase na Medela, pero debe gañar ao Sober, que se xoga o seu posto no play off. O Rubián, coa promoción garantida, aínda mantén opcións de ascenso directo. Páramo e Sober defenden o quinto e sexto posto.

grupo norte

O Racing Vilalbés B convertiuse en campión no Catro Ventos (2-3). Encontro moi disputado nun terreo de xogo que co paso dos minutos se puxo impracticable. Nun rexeite de Pedro que aproveitou Héctor adiantouse o Cazás, pero o Racing non tardou en empatar cun bo remate desde a frontal de Diego López, que culminou unha boa xogada do xuvenil Alfredo. Tan só dous minutos máis tarde, o defensor local Efrén empurrou o balón para a súa propia portería despois dun remate ao longueiro de Freire. O partido calmouse ata que no minuto 34 Carlos Fole rematou dentro da área unha boa xogada por banda dereita. Era o debut do xogador despois dunha longa lesión de xeonllo. Na segunda metade ámbolos dous conxuntos optaron por un fútbol directo e aos dez minutos Bruno, cun bo testarazo recurtou distancias para un Cazás que someteu aos de Iván Lamas no seu campo , pero o marcador non se moveu.

O Mondoñedo non pasou do empate no Viñas da Veiga fronte á Comercial B (0-0). O cadro mindoniense deixou pasar unha boa oportunidade de deixar o ascenso case sentenciado. Os de Isra sumaron a quinta xornada sen encaixar, pero non fixeron un gran encontro, e mesmo puideron caer derrotados nos últimos intres, cando a Comercial B contou coas súas mellores oportunidades. Foi o conxunto local o que tivo as mellores ocasións, cun penalti errado e tres balóns que se estrelaron no longueiro.



O Rioaveso desaproveitou o pinchazo do Mondoñedo e caeu diante do Abadín (2-0). O conxunto local puxo a primeira pedra para xogar a promoción de ascenso ao sumar tres puntos vitais cos que se colocou cuarto na clasificación. O Rioaveso comezou mellor e foi superior ao rival durante a primeira metade. Os de Manu Veiga contaron con tres claras ocasións que desbaratou un inspirado Cristian. Nunha das poucas chegadas á área contraria, o Abadín foi quen de adiantarse cun tiro cruzado de Gayoso. O tanto descolocou ao Rioaveso, que non estivo á altura na segunda metade. O Abadín foi superior tras a reanudación e aos dez minutos Esteban anotou en propia porta ao intentar evitar o remate de Pedro. Nos últimos intres o cadro local puido ampliar o marcador.

O Celeiro gaña con comodidade ao Matela e xogarase o play off na vindeira xornada (1-4). O cadro viveirense, que descansa na última xornada ligueira, porá boa parte das súas opcións de xogar a promoción de ascenso no encontro que disputará diante do Catro Roldas, ao que aventaxa en dous puntos. O partido en San Lourenzo de Aguiar foi de superioridade visitante. Malia todo os de Martín Rodríguez tardaron en abrir a lata. Sobrepasada a media hora de encontro Abraham fixo o primeiro, pero nunha indecisión o Matela empatou por medio de Rubinos. Na segunda metade a gran actuación de Cora, con dous tantos, deixou o encontro visto para sentencia. Brais Maseda culminou a goleada no tramo final.

O Nuevo Nausti golea no campo do Friol B (1-5). Encontro vital para ámbolos dous conxuntos. O conxunto local deixou na Reigosa boa parte das súas opcións de xogar a promoción, mentres que os chairegos chegan ás dúas últimas xornadas defendendo un dos postos de play off. O Friol B contou con varias ocasións para marcar na primeira metade, que desaproveitou e o Nuevo Nausti foi quen de marcar dous tantos, obra dos seus grandes goleadores: Cristian e Juan. Recurtaron diferencias os de Bruno Castro cun tanto de Rober desde o punto de penalti. Na segunda metade o gol de Brayan noqueou ao cadro local e o Nausti foi superior e o dúo atacante voltou a golear para culminar a manciña.



grupo sur

O Palas vence ao Bóveda e afronta a traca final no liderado (5-1). Sorprendeu o Bóveda de saída aos de Brais Vázquez. Os visitantes foron quen de adiantarse cun tanto de Nahum e o marcador non se volveu a mover ata o descanso, malia que o Palas tivo o control e varias ocasións para igualar o choque. Na segunda metade comezou o recital goleador de Álvaro, que foi suficiente para levantar o encontro con catro dianas.

O Incio mantén a segunda praza logo de derrotar ao Castroverde (2-1). Encontro máis gris que os últimos do Incio, pero que baseou a éxito na fortaleza defensiva e deulle bo resultado. O Castroverde deixou no Carboeiro as opcións que mantiña de xogar a promoción, logo dunha segunda volta na que os de Fran Veiga non foron quen de gañar. Pombo adiantou ao cadro local nun rexeite á saída dun córner e Samuel empatou noutro saque desde o curruncho. Non se viron moitas ocasións de gol ata que, xa na segunda metade, Vila de tiro cruzado superou ao gardameta visitante establecendo o marcador definitivo.

O Quiroga vence ao Sober e non desiste na pelexa polo ascenso directo (2-1). Gran saída ao encontro do conxunto local que desarbolou ao Sober e froito dese dominio chegaron os gole de Álex Mavilo e Sergio Pollo. Despois do 2-0, o Sober reaccionou e non tardou en recurtar diferencias por medio de Martín. Antes de chegar ao descanso o Quiroga quedou con dez pola expulsión de Polín. No segundo tempo o Sober apretou na procura do empate e contaron con ocasións para poder empatar. O gardameta Marquiños voltou a ser determinante con varias paradas de mérito.

Rubián e Santa Comba asinan un empate que non contenta a ningún dos dous (0-0). Encontro moi trabado, sobre todo na primeira metade, na que ámbolos equipos buscaron un fútbol directo, que lles proporcionou escasas ocasións. Na segunda metade o Santa Comba dominiou e contou con varias ocasións para poñerse por diante, as máis claras nas botas do goleador Jorge e un balón ao longueiro nunha indecisión da zaga visitante.

O Páramo golea ao Taboada B para practicamente garantir a súa presenza na promoción de ascenso (4-0). Encontro de claro dominio local. O Páramo foi superior ao longo dos noventa minutos e gozou dun partido plácido diante da súa afección. Antón, en dúas ocasións, e Hugo Gallego sentenciaron o choque nunha primeira metade na que o cadro local desperdiciou varias ocasións. Na segunda metade o encontro seguiu o mesmo guión, aínda que cunha menor intensidade. Dieguito pechou a conta cun golazo.



O Monterroso B vence con comodidade ao Relámpago Taboada e sitúase a un punto da zona de play off (0-4). O filial monterrosino acadou tres puntos vitais para continuar na pelexa por entrar na promoción de ascenso fronte a un Relámpago que chegaba plagado de baixas. Malia todo, o conxunto local plantoulle cara ao rival nos primeiros minutos e contou cunha boa ocasión de gol que detivo Alexis. Pero non tardou o killer Yoni en abrir o marcador, coa axuda dun defensor, e pouco despois o propio Yoni puxo terra de por medio cun bo disparo. O Monterroso B contou con varias ocasións que non foron quen de concretar ata que Isma sentenciou preto do descanso logo dunha boa xogada colectiva. Na segunda metade, nun centro medido de Sergio un defensor local anotou en propia porta pechando así o marcador.

Ascenso e campionato para o Racing Vilalbés B

A Porra de Futbolinlugo, 26

Ascenso e campionato para o Racing Vilalbés B

Sesión Plenario 18: Lourido – Chapu

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *