Xa só quedan catro equipos na competición. Esta próxima fin de semana xogaranse por así dicilo as finais territoriais, a do norte e a do sur, ou o que veñen sendo as semifinais para decidir quen optará polo título no último partido. Sporting Pontenova – Lourenzá será a semifinal do norte, mentras que Brollón – Friol a do sur.
O ás: Rubén do Pontenova
O porteiro Rubén Acebedo foi decisivo no campo da Mina para decantar o partido a favor do Pontenova fronte o Guitiriz. Os 90 minutos regulamentarios de encontro remataron cun empate a cero goles, polo que a eliminatoria tívose que decidir nos penalti. Foi aí cando apareceu a figura de Rubén, quen parou dúas penas máximas, unha delas, a primeira coa que se inaugurou a tanda. Agora, o campión da Segunda Galicia Norte afrontará o reto de redondeala temporada e estar na final.
A figura: Diego Blanco do Brollón


Cando xa todo pintaba a que os penaltis serían os xuíces no campo dos Medos para decidila eliminatoria de cuartos entre o Brollón e o San Lázaro, apareceu o cabezazo de Diego Blanco no minuto 89 para desequilibrala balanza e anotalo gol que lle daría o pase ás semifinais ao conxunto da Pobra. Despois de loitar case ata o final de temporada polo ascenso, o Brollón ten agora unha oportunidade para resarcirse e buscar a final da Copa.
Nin pé con bóla: A eliminación do Xermade
Despois dunha gran temporada do conxunto chairego que culminou co ascenso á Primeira Galicia, non puido pasar ás semifinais da Copa e caeu eliminado na súa casa ante o Lourenzá por 1-4. Aínda que os locais conseguiron empatar o golazo inicial de Recalde, víronse superados nos últimos vinte minutos do enfrontamento, onde os laurentinos fixeron tres goles.

A anécdota: Ningún equipo de Terceira
Tan só chegou aos cuartos de final o Castroverde como representante dos equipos que este curso militaron na Terceira Galicia, pero o conxunto verdiblanco quedou eliminado ao perder por 1-3 ante o Friol. Polo tanto as semifinais xogarana catro equipos da zona alta da Segunda Galicia.