Arquivo histórico do fútbol provincial

Esta fin de semana circulou polas redes sociais unha reportaxe sobre o fútbol chairego realizada no ano 1996 polo programa de Canal +, “El Día Después” (programa que se mantén a día de hoxe pero na canle Vamos de Movistar). O documento recolle un partido da coñecida como Liga da Terra Chá (cando aínda a maior parte dos equipos non estaban federados) entre o San Julián (da parroquia de Mos en Castro de Rei) e o Samarugo (da parroquia vilalbesa co mesmo nome). A paixón que había naquel momento polo fútbol interparroquial, a ausencia de vestiarios, pero a presenza de carballeiras son algúns dos detalles que garda este arquivo que forma parte da historia do fútbol da provincia.

A reportaxe foi elaborada polo coñecido Raúl Ruiz que aínda continúa realizando reportaxes deste estilo en Vamos. Raúl foi futbolista e xogou entre outros, no CD Lugo na temporada 1993-1994. O reporteiro recordou tamén esta reportaxe sobre a Liga da Terra Chá no seu twitter.

“Bolos non me quedan, váleche unha rosca?”

O xogador do Viveiro, Xaime fíxolle un guiño ao seu traballo e marcou un gran gol que significou unha das chaves da vitoria do cadro celeste no derbi ante o Foz. Algúns din que poida que falte un home na barreira, pero a rosca ao “estilo Roberto Carlos” xa é viral entre os afeccionados ao fútbol na provincia. O futbolista de Outeiro é o máximo goleador do equipo logo de marcar o décimo segundo gol da temporada. A vitoria permítelle ao Viveiro seguir nos postos de ascenso da Preferente.

As inclemencias do tempo

É habitual que nestas datas o mal tempo modifique os plans para algúns. O fútbol, ao ser practica ao aire libre, vese afectado en moitos casos. Esta xornada suspendeuse na provincia o Castroverde – Quiroga. Non obstante, tamén fóra dos límites da provincia afectou o tempo. O PM Friol CD Lugo non xogou o seu encontro ante o Gijón Fútbol Feminino pola nevarada que caeu sobre o terreo de xogo asturiano. O resto dos rivais directos do equipo friolés si xogaron e venceron polo que o Friol saíu momentaneamente dos postos de ascenso á Primeira B.

Non obstante, aínda que a neve fixo acto de presenza nalgún sitio foron quen de apartala para poder xogar. Algúns dos futbolistas do Meira aplícaronse para xogar a 18ª xornada da Segunda Rexional ante o Xermade. O cadro meirego protagonizou unha das sorpresas da xornada ao derrotar 3-1 a un dos candidatos ao ascenso.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario