A xornada da fin de semana nas redes sociais deixounos un novo gol a balón parado de Bossa para o As Pontes, o cocido do Celta Barreiros despois do seu partido na Fonsagrada e o primeiro premio no que aparece mencionado Futbolinlugo.

Outro máis para a colección

Luns, martes, mercores, xoves, venres, sábado e gol de falta de Bossa. Así poderiamos nomear aos días da semana os máis futboleiros. Non imos mal encamiñados. O certo é que Juan Manuel Pena Louzao “Bossa” acude de xeito habitual a súa cita. Este domingo volveu deixar un deses para o recordo. Ademais o gol resultou decisivo porque supuxo a vitoria do As Pontes diante do Arzúa (2-1); o 21º triunfo da campaña para o cadro adestrado por Marco Roca. Por segunda xornada consecutiva os dous goles do equipo pontés, teñen firma viveirense, Bossa e Erni.

Se non se gaña o partido; gáñase o terceiro tempo

O Celta Barreiros perdeu na matinal do domingo ante o Fonsagrada a domicilio (2-1) nun duelo entre dous equipos que aspiran a rematar o curso con opcións de ascenso. A pesar de que o resultado non foi positivo, o cadro de San Cosme cumpriu no terceiro tempo. Xantou, como tiñan previsto na viaxe, un bo cocido en terras fonsagradinas. Isto será sempre o máis bonito do noso fútbol.

Futbolinlugo tivo a súa presenza na Gala do Deporte de Vilalba

O noso redactor, Iván Calaza, foi galardoado o pasado sábado co premio ao mellor labor comunicativo da temporada 17/18 na III Gala do Deporte organizada polo Concello de Vilalba. Entre outras funcións, foi recoñecido o seu traballo neste medio; en especial a súa cobertura de todo o relacionado cos equipos que practican o fútbol sénior no municipio vilalbés. Ademais de parabenizar a Calaza, queremos compartir este recoñecemento con tod@s @s que nos axudades diariamente a manter viva esta aventura.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario