#Feminino #Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Segunda Futgal

As nosas redes falan

Abrimos con goles marcados nos últimos días na Preferente e coas historias que hai detrás de cada un deles: Chumi e Bossa. Ademais salientamos os resultados de dous equipos do fut fem que destacaron esta semana e que tiveron o seu protagonismo nas redes sociais: Friol B e Carballedo. Por último, rescatamos a unha desas persoas de club, que engadiu un ano máis as súas pernas.

De Primeira a Preferente, de gardamallas a dianteiro, de goles a golazos

Hai varios porteiros que marcaron goles, pero sen deixar de ser gardamallas. Para seguir xogando ao fútbol, David Díaz «Chumi» tivo que tomar este verán a decisión de abandonar a súa posición baixo paus por mor dunha lesión. Deixou o Monterroso na Primeira Rexional e o Castro chamouno para o seu proxecto in extremis na Preferente como xogador de campo. Co paso das xornadas, Chumi foi collendo máis minutos e tamén protagonismo. O xoves pasado marcaba o seu primeiro gol ante o Foz e este domingo marcou o seu primeiro golazo ante o Negreira. Un encontro que supuxo a primeira vitoria do equipo de Ribeiras de Lea no que vai de temporada.



O líder dun líder

Non é unha sorpresa que o viveirense Juan Manuel Pena Louzao «Bossa» marque un gol de falta, pero tampouco renega ninguén de ver outro gol del a balón parado. A unha xornada para finalizar a primeira volta, o As Pontes ten a marcha metida cara a Terceira Galega. Gañou dezasete partidos, perdeu un e conta con trece puntos de marxe sobre o segundo (Viveiro). Un dos pilotos do equipo pontés é Bossa que foi titular na maioría dos partidos e leva catro goles. O último que marcou foi o xoves diante do Puebla. E como apuntamos naquela entrevista do verán, este domingo a semana volveu rematar cun gol de Bossa no En Xogo.

Campioas de inverno

O título recolle a designación habitual coa que se lle coñece ao líder dunha clasificación ao remate da 1ª volta. Realmente, non supón ningún trofeo e o fútbol pode cambiar tanto que tampouco serve para predecir nada. Non obstante, si demostra en resultados o feito ata o momento. Rematou o primeiro tramo de competición no grupo I da Segunda Galega e o Friol B é o líder cunha vantaxe de seis puntos sobre o Vioño (ten un partido menos). Ademais, o cadro adestrado por Covi é o único que non perdeu, o máis goleador con 48 goles e o menos goleado con 7 tantos encaixados. Na pasada xornada empataron no campo do Xuventude Crendes de Abegondo, equipo do lugar considerado o xerme do fútbol feminino galego.

Cada finde unha aprendizaxe, cada vitoria unha festa

No mesmo grupo ca o Friol B atópanse a SD Chantada, a Comercial e un Carballedo que convirte cada encontro nun sentimento de esforzo colectivo ou polo menos así o transmiten nas súas redes sociais. Nesta xornada conseguiron a segunda vitoria da temporada, a primeira fóra do Catro Ventos. O triunfo foi pola mínima con gol de Diana Picos ante o cuarto clasificado do grupo, o Silva. O cadro silvista non perdera ningún partido como local. Cos tres puntos, a festa no vestiario e nas redes sociais do Carballedo estaba asegurada.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Gran traballo

Una publicación compartida de Carballedo CF (@carballedocf) el

Os corenta e tantos de Manel

Foi ponte festiva para os equipos da Segunda e da Terceira Rexional que están a espera de afrontar a última xornada do 2018 a vindeira fin de semana. No Goiriz aproveitaron o descanso para celebrar o aniversario do xogador máis veterán do cadro de futbolistas. José Manuel Cornide Souto «Manel» naceu na parroquia do equipo no que xoga hai 45 anos. O equipo regresou esta tempada á Segunda e Manel continúa portando o brazal de capitán de maneira incombustible polo lateral esquerdo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *