Un xoves máis, velaquí a sección na que repasamos toda a actualidade do fútbol feminino lucense. Como sempre, comezamos pola Segunda División Nacional, na que compite o PM Friol-CD Lugo, que superou con moita contundencia e claridade ao Sporting de Gijón, 3-0.Con este resultado, as de Friol mantéñense na cuarta posición, que da acceso á promoción polo ascenso á Primeira División Nacional.
Na Primeira Galicia, no derbi lucense entre SD Antas e SCD Milagrosa, ambos conxuntos necesitados de puntos, os mesmos repartírons, 3-3. En canto ao choque, a primeira parte foi das do Castro Seoane, que chegaron ao descanso por diante no marcador, 1-0. Tras a pausa agrandaron a diferencia ata o 2-0. Porén, lonxe de baixar os brazos, a SCD Milagrosa remontou o resultado chegando a poñerse 2-3, e as locais lograrían o definitivo 3-3 tras un saque de banda nos intres finais.
Xa na Segunda Galicia, o Carballedo CF perdeu 3-0 ante o Sporting Burgo, nun partido máis igualado do que mostra o marcador. As lucenses, mermadas por varias Baixas, deron a cara en todo momento e deixaron a pel sobre o campo. A mala fortuna cebouse con elas no primeiro gol e, a partires de aí, as locais aproveitaron mellor as súas oportunidades de facer gol. Destacaron Marquina e Mayte, que xogou de porteira pese a non desenvolverse habitualmente nesa demarcación!
Pola súa banda, a SD Chantada volveu vencer, neste caso por 2-0 á Unión Campestre, con goles de Marina e Iria na primeira metade. Igualmente, seguindo os pasos do «A», o PM Friol-CD Lugo «B» venceu por 1-4 na casa do Portazgo, manténdose así na primeira posición. O outro equipo lucense, a SG Comercial, tamén venceu, neste caso por 0-1 ante o Imperator.
No que atinxe ao fútbol 8, a SD Burela apisonou á Unión Campestre (0-6), nun partido nos que as protagonistas foron a forte choiva e Ana González, autora de dous goles! A SCD Milagrosa «B» tamén superou ao Sporting Burgo «B», 3-0.