A pasada semana deixounos unha gran nova: a primeira victoria do PM Friol no 2021. Pero tamén deixou malas noticias: cando xa semellaba que botarían a andar, a Xunta prohibiu as competicións autonómicas, como a Primeira Galicia Feminina, onde competirían PM Friol «B», SD Antas e CD Lugo. De momento, porén, terán que agardar.
Pese a esta triste situación, o PM Friol protagonizou a alegría da semana, tras superar por 2-1 ao CD Parquesol e achegarse así á permanencia no Reto Iberdrola. As xogadoras de José Manuel «Ponfe» saíron ao campo coma un furacán e, froito esa intensidade, conseguiron o 1-0 no minuto 6, obra de Fanny.
A partires de aí, o PM Friol dominou o xogo, aínda que sen demasiadas ocasións. Co 1-0 chegouse ao descanso. Na segunda metade, unha boa xogada de LP e Nerea traduciuse no 2-0, asinado por esta última. Co resultado favorable, as lucenses comezaron a sufrir os arreóns das visitantes, que conseguiron o 2-1 no 63′. O empate tornouse unha ameaza, pero as da Reigosa loitaron coma guerreiras nos últimos minutos para evitar perder dous puntos.
E así foi. Conseguiron manter a diferencia mínima ata o asubío final do colexiado. Con estes tres puntos, o PM Friol achégase ás súas rivais, e incluso pode saír dos postos da promoción de descenso. Eso sí, non hai marxe para o erro. Quedan catro xornadas que poden ser decisivas.


Destacou Nerea Lombardero, unha rapaza do filial que está a asinar grandes actuacións co primeiro equipo e que anotou o 2-0 ante o Parquesol. Tamén Noemí de Andrés, futbolista que abandona o PM Friol pero que fixo un gran partido para despedirse, chegando incluso a salvar un gol. Foi, en liñas xerais, un bo partido de todas as xogadoras.
Tamén queremos destacar á colexiada lucense Tania Fente, que será asistente no primeiro clásico (FC Barcelona-Real Madrid) da historia do fútbol feminino que terá lugar no Camp Nou.
