IMAXE DE PORTADA: WEB PM FRIOL
O PM Friol supriu esta semana unha dolorosa derrota en Mareo ante o Sporting de Gijón (3-1), un dos clubes referencias a nivel nacional. As lucenses chegaban ao duelo co obxectivo de saír da parte baixa da clasificación, e o mesmo facían as locais. As asturianas, de feito, aínda non coñecían a victoria nesta 20/21.
Porén, hai días que as cousas non funcionan. Non por non traballalas, senón porque simplemente o partido non está para ti. No minuto 1 de xogo, o Sporting adiantábase nunha acción a balón parado, e o tanto descolocou ás visitantes durante o resto da primeira metade, que foi de dominio sportinguista e puido rematar con máis goles.


Si reaccionaron as nosas tra-lo paso polos vestiarios, e conseguiron a igualada por medio de Ángela no minuto 47. As de Xixón reaccionaron ben ao gol e, tras gozar de varias ocasións, asinaron o 2-1 no minuto 65. Foi aí cando o partido se volveu tolo: un «box-to-box» que supuxo oportunidades para ambos bandos e que podía ter terminado no 2-2, cando un tiro do Friol deu no longueiro.
Finalmente, coas lucenses volcadas, o Sporting conseguiu o 3-1 definitivo a cinco minutos do final. O adestrador Abraham Rodríguez non continuará como técnico do conxunto, polo que será o presidente Ángel Villar o que dirixirá ás rapazas o próximo domingo en Santander, ante o Rácing. Xa nas vacacións de Nadal, o clube traballará arreo para conseguir un novo preparador! Alén dito, tampouco continuarán no equipo as xogadoras Ariadna e Noemí de Andrés.

Abraham Rodríguez declarou para Futbolinlugo que «estou contento co traballo realizado e do meu corpo técnico. Competimos en todos os partidos. Incluso no último puidemos levar os tres puntos. Fixemos bo fútbol contra equipos como o Madrid CF B ou o Parquesol. Sabemos que é un club dunha localidade pequena que compite nunha liga como a Reto. Con xogadoras que se estaban formando na categoría. O club crería que podiamos sacar máis resultados e tomou esa decisión. Non temos outro remedio ca aceptala«