Álex Antón, CD Lugo: “Os xogadores compaxináronse moi ben e moi rápido”

Hoxe falamos con Álex Antón, adestrador do Xuvenil A do CD Lugo, equipo que milita na División de Honra Xuvenil, enfrontándose con clubes tales como Celta de Vigo, Deportivo da Coruña, Sporting de Xixón, Real Oviedo, Racing de Santander… Este ano, o conxunto asinou unha brillante campaña, ao rematar a competición en cuarta posición, sendo tan só superados por Celta, Deportivo e Sporting.

 

Futbolinlugo: Ola Álex. Despois da gran temporada que completou o equipo, que destacarías dela?

Álex Antón: Pois destacaría o nivel competitivo dos xogadores, a súa capacidade de sacrificio, de mellora, de querer ir a máis cada día… todo iso foi o que nos levou a competir a este nivel.

 

Futbolinlugo: Contades cuns xogadores de moita calidade, iso tamén axudou á hora de estar arriba na táboa?

Álex Antón: Si, comparado cos equipos “grandes” estamos por debaixo en canto ao nivel de calidade, pero coas fichaxes realizadas e cos xogadores que viñan de competir en Liga Nacional (liga na que milita o Xuvenil B do CD Lugo) fixemos un grupo bastante técnico. A iso hai que sumarlle que entrenaron moi ben e foron una familia ao longo de todo o ano.

 

Futbolinlugo: Polo tanto, a pesares de proceder de distintas partes de Galicia ou incluso de España, os rapaces enténdense moi ben…

Álex Antón: Si, compaxináronse moi ben e moi rápido, sobre todo tendo en conta o enorme número de novas fichaxes, xa que só quedaban catro xogadores que o ano pasado competiran na División de Honra, e fixemos moi bo grupo, inclusive o corpo técnico. Levabámonos moi ben entre todos e todos os xogadores souberon aceptar o seu rol, sempre sumando e traballando ben no día a día.

 

O Xuvenil A asinou unha campaña perfecta.

Futbolinlugo: Pensas que algún dos xogadores pode chegar a xogar en categorías importantes (Primeira, Segunda, Segunda B…)?

Álex Antón: Eu creo que si, se fose por min para o ano todos estarían no filial, e si que vexo a algún que ten condicións de sobra para competir en Terceira, Segunda B… Non obstante, estamos a falar de rapaces de 18-19 anos. Cómpre darlles tempo, pero son xogadores que traballan moi ben. Nun futuro, terán que tomar decisións, posiblememente facer fronte a lesións… Moita xente fala de Escriche, que anotou 17 goles na liga sen xogar de dianteiro, adestra co primeiro equipo e non desentona… Pero aínda son moi novos.

 

Futbolinlugo: No teu caso, veste adestrando en categorías superiores?

Álex Antón: A verdade é que non. Estou moi contento de poder dedicarme a esto e poder estar no CD Lugo, pero en xeral gústame adestrar sen importar a categoría. Tentar vivir desto sería fantástico; teño un soldo razonable non obstante. O ano pasado axudei de cando en vez a José Durán cando adestrou ao primeiro equipo, podo dicir que é bonito pero á vez tes moita presión detrás. O día a día non é tan bonito como se pinta.

 

Futbolinlugo: Entón, que é o que máis che gusta de adestrar en División de Honra?

Álex Antón: Tes una responsabilidade ampla, porque o Xuvenil A é o único equipo do clube que compite fóra de Galicia, pero disfrutas moito cando vas xogar a Mareo, a Abengondo, ao Requexón… Xogas contra futbolistas que sabes que o día de máñá van xogar na élite.

 

Futbolinlugo: Imaxinamos, polo tanto, que che gustaría seguir á fronte do equipo a próxima campaña…

Álex Antón: Si… pero non é decisión miña. O plantel cambia por completo e amoldareime ao que o clube necesite. Levo tres anos e non teño nada que dicir respecto a isto. A temporada é boa polo nivel dos xogadores, e cando veña outra xeración, tal vez o Lugo teña que estar pelexando pola permanencia.

 

Futbolinlugo: No caso de continuar como adestrador, gustaríache sacar a espiña cravada de non entrar nos postos de Copa do Rei?

Álex Antón: Para iso téñense que dar moitos factores. Este ano déronse, pero aínda hai distancia para poder estar tan arriba. No meu primeiro ano conseguimos a salvación na última xornada. O Lugo está medrando moito e a pasos axigantados, pero aínda non estamos a iso nivel.

 

Futbolinlugo: Esperas finalizar o ano cunha victoria nalgún torneo?

Álex Antón: A verdade é que non creo… esta semana temos un amistoso contra o Dépor e houbo un torneo en Oviedo, a Oviedo Cup, na que estivemos a piques de entrar e na que xogaban grandes equipos como Osasuna, Real Sociedade… Polo momento non recibimos chamadas e é una mágoa, porque a competición acaba moi cedo e era una boa forma de pechar a campaña.

 

Futbolinlugo: Moitas gracias por atendernos Álex.

Álex Antón: A vós.

Agardamos que o Xuvenil A do CD Lugo siga a sorprendernos como esta tempada, e desexamos a Álex Antón moita sorte de agora en diante.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 458

Deja un comentario