Adrián Vázquez, novo adestrador do Castro

Adrián Vázquez (Castro): «As sensacións son moi boas para comezar a traballar»

O Castro foi un dos grandes protagonistas do verán lucense polos rumores sobre o futuro da entidade despois do seu descenso sorpresivo na última xornada da Segunda Futgal. Despois de que o club confirmase a súa continuidade polos campos da provincia, contan con unha gran figura dos bancos que volta ao fútbol senior, Adrián Vázquez será o encargado de construír o novo proxecto dun dos equipos máis históricos da Terra Chá.

Futbolinlugo: Pese a todos os rumores do futuro do equipo, a chegada de Adrián Vázquez foi un dos movementos do verán

Adrián Vázquez: Foi unha situación rara, pero en todas as conversas que tiven coa directiva deume boas sensacións. Intentaremos montar un equipo case de cero e cambiar un pouco o proxecto que había facendo as cousas ben.

FIL: Foi un dos veráns máis movidos que recordas?

AV: Ultimamente hai moitos movementos, pero a situación que se deu foi difícil. A implicación da xente da zona de Castro foi moi boa e tamén de todos os que quedan destes últimos anos. As sensacións son moi boas para comezar a traballar.

FIL: Que proxecto hai e cal é o teu reto?

AV: O reto é xerar un proxecto que implante unha idea nova de club. Pola miña parte, que voltar ao fútbol sénior e estar cómodo cómodo co traballo diario. A partir de aí, tocará ver onde nos deixa a competición. Non nos poñemos un teito elevado de partida, pero hai que ser ambiciosos ao ser un dos equipos que máis vai traballar e adestrar.

«Todos veñen ao Castro con ganas de darlle a volta á situación»

FIL: Claramente, estás falando dun equipo que vai ir de menos a máis

AV: Esa é a idea, ogallá fose todo de máis a máis. Normalmente, cando hai tantos cambios ao inicio costa a adaptación. É unha nova categoría e a dinámica é complicada despois dun descenso de última hora. A impresión é que todos veñen con moitas ganas para darlle unha volta a situación desde o sentido psicolóxico.

FIL: Sabemos do complicado que é o termo paciencia, pero aquí está garantida?

AV: Aparentemente si, estou moi tranquilo nese sentido. A xente ten confianza en nós e sabemos que no fútbol ten que haber resultados. O proxecto é a curto e medio prazo. Iremos sen présa, pero coa máxima ambición.

FIL: Falabas de xente que volve ao Castro, cales son eses reforzos para o novo cadro?

AV: Sobre todo buscamos xente nova que volve de outras experiencias. Temos un perfil de xuventude con renovacións importantes. Aínda pode haber movementos, pero non quero anticipar nada porque estamos pechando cousiñas. É un proxecto chulo e intentaremos que sexa o mellor posible.

Adrián Vázquez (Castro): «As sensacións son moi boas para comezar a traballar»

Diario dun mercado. Episodio 540