#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira Futgal

Adestrador novo, empate seguro

Os tres técnicos que debutan esta xornada fixérono con empate nunha xornada na que non podemos celebrar ningunha vitoria no Trío de Ases O Cantón. Na Segunda RFEF o Racing Vilalbés non puido sumar no campo do Ourense CF, líder da categoría. Un chanzo máis abaixo, o Polvorín igualou diante do Bergantiños no debut de Dani Galán no banquiño. Caeu derrotada a Sarriana nun encontro no que mereceu máis fronte ao Silva e o Viveiro fixo o propio en Cantarrana co Arteixo. Na Preferente, o derbi entre o Lemos e a Residencia rematou en táboas na estrea de Nando á fronte dos capitalinos. O Castro sumou un bo punto no difícil campo do San Tirso no primeiro encontro de Fernando Corredoira á fronte dos chairegos. O Ribadeo caeu na súa visita ao campo do líder, o Noia.

O Racing Vilalbés cae no campo do Ourense e segue en postos de descenso (2-0)

Oitava xornada sen marcar para un Racing Vilalbés que segue en posto de descenso a Terceira RFEF. A visita non era doada. O Ourense lidera a clasificación e faino con solvencia. Malia todo, o conxunto chairego realizou unha gran primeira metade sendo quen de anular ofensivamente aos locais. No único erro do Racing, un centro lateral rematouno Di Renzo ao fondo da portería.

No segundo tempo, o Ourense non tardou en facer o segundo, nunha boa xogada colectiva que culminou Hugo Sanz. O tanto fíxolle moito dano ao Racing Vilalbés que non foi quen de xerar situacións de perigo diante da portería de Marqueta, salvo nunha internada de Kiko que resolveu ben o gardameta.



A Sarriana perde no campo do Silva nun encontro no que foi claramente superior (1-0)

Terceira derrota consecutiva da Sarriana nun encontro no que foi moi superior ao rival. Os de Jorge Cuesta foron os claros protagonistas do primeiro tempo no que contaron con boas ocasións para marcar. Boedo, en dúas ocasións, e Brais puxeron a proba ao gardameta do Silva, o ex compostelanista Borja Rey. Cuadrado rematou alto de cabeza e Tijan rematou a pase de Keko e o porterio despexou a córner. O Silva non inquedou a Valentín, que debutaba na portería da Sarriana. O encontro seguiu o mesmo guión no segundo tempo. O cadro lucense seguiu xerando ocasións, as máis claras nas botas de Maxi e Boedo. A falta de cinco minutos para o final, chegou o único tanto do encontro chegou nunha falta lateral que rematou Diego Lamas.

O Polvorín iguala fronte ao Bergantiños no debut de Dani Galán (0-0)



Cuarto empate nos últimos cinco encontros para o filial albivermello, desta volta diante do potente Bergantiños. No debut no banquiño de Dani Galán, o Polvorín comezou cun ritmo moi alto e Rubal contou cunha gran ocasión que detivo moi ben Canedo. No minuto 19 Damián viu o cartón vermello directo ao interpretar o colexiado que cortou unha acción clara de gol. Con dez, o Polvorín estivo mellor que o seu rival no primeiro tempo cun 4-4-1 no que o filial non tivo demasiada profundidad, pero apenas sufriu en defensa. O Bergantiños tentou poñer moitos balóns na área na procura dun remate de Musy ou Longo.

Na segunda metade o Polvorín pechou o carril central e permitiu o xogo do Bergantiños por bandas, pero os balóns á área foron ben cortados pola zaga. Os de Dani Galán contaron con ocasións para levar os tres puntos. Maceira cun remate cruzado, un tiro ao pao de Lizancos e xa moi preto do final nunha contra de Guerrini puido chegar o tanto do triunfo local.

O Viveiro racha a súa boa xeira e cae en Cantarrana co Arteixo (1-2)

Logo de tres victorias e un empate nos últimos catro encontros chegou a derrota dun Viveiro que se atopou cun Arteixo moi eficaz diante da portería contraria. Foron mellores os de Alberto López no primeiro tempo e protagonizaron moitas chegadas á área rival por ambas bandas. O Arteixo logrou marcar no seu único achegamento á portería de Ayoub. Nunha contra ben levada por Sito, rematou ao fondo da portería o ex racinguista Otero.

O técnico local deulle entrada a Cora no intermedio e no primeiro minuto a piques estivo de igualar o partido, pero só ante o porteiro rematou lixeiramente desviado. O encontro entrou nunha fase de alternativas para os dous contendentes. Cañi rematou ao longueiro no que puido ser o tanto da sentencia e Gamarra foi quen logrou o empate en acción individual. A falta de dous minutos para o final, outro ex do Racing Vilalbés, Iago Blanco rematou unha falta lateral lonxe do alcance de Ayoub. Buscou a igualada o Viveiro no desconto e Diego Núñez, Franco e Diego remataron pero o balón non quixo entrar.



O Ribadeo cede na segunda metade no campo do Noia, líder da Preferente (4-1)

Non entrou ben ao partido o Ribadeo e aos dez minutos encaixou o primeiro tanto, obre de Iker Carril ao rematar un centro lateral. Non tardaron os mariñáns en igualar. Tichu, cun bo tanto de vaselina, logrou o empate. O Noia levou a iniciativa e chegou a área rival con certo perigo, aínda que se acadar ocasións claras de gol.

No segundo tempo, o Ribadeo aguantou as acometidas locais ata o minuto 70. O colexiado sinalou penalti sobre Iker Carril que él mesmo transformou. Faltáronlle folgos aos de Pichi no último tramo de encontro para tentar a remontada. Brian, un dos máximos goleadores da categoría, sentenciou o encontro e nos últimos intres André, nun rexeite de Carrera fixo o cuarto.

O derbi entre Lemos e Residencia rematou en empate na Pinguela (1-1)

O debut de Nando no banquiño da Residencia rematou cun empate no campo dun Lemos que comezou mellor o partido. Os de Juanlu Bernal conseguiron superar a defensa rival en varias accións ata que Armesto logrou o tanto tras unha boa xogada de Mauro. O Lemos chegou con certo perigo á área rival nun par de ocasións e a Residencia tentou respostar por medio de Yayo que puxo un bo balón a Pereira que non chegou a rematar por pouco.

No segundo tempo a Residencia contivo mellor o ataque dos monfortinos e puideron igualar nun córner botado por Edrosa que Pereira rematou ao pao. O Lemos contou con ocasións á contra para ampliar diferencias que non aproveitou e a falta dun cuarto de hora para o final un balón en profundidade de Rober recolleuno Pereira que batiu a Losada de tiro cruzado. Dafonte e Renda tiveron unha ocasión para cada equipo para lograr a vitoria.

O Castro sumou un valioso punto no difícil campo do San Tirso na estrea de Fernando Corredoira (0-0)

Encontro con dúas metades ben diferenciadas. Na primeira, o San Tirso foi superior cun fútbol directo que lles da os seus froitos nun campo de reducidas dimensións como é o Monte. Josema tivo que intervir con éxito nunha boa ocasión na que os locais a piques estiveron de adiantarse. O Castro non puido saír á contra e apenas inquedou a portería rival nos primeiros corenta e cinco minutos.

Na segunda metade, os chairegos foron mellores e tiveron o control do partido. O San Tirso perdeu precisión nos envíos longos e o Castro, por medio de Alvarito e Rober gañaron presencia en campo rival e chegaron á área rival con moito perigo. Nunha xogada entre Fito e Alvarito rematou co lanzamento deste último preto do pao e xa preto do final un disparo de Noel saiu demasiado cruzado. Foron as ocasións máis claras para un Castro que viu como o San Tirso puido gañar cun lanzamento de falta no último intre.

Adestrador novo, empate seguro

Álex Cortón, Diego Barreiro : «O Casás

Adestrador novo, empate seguro

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 24

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *