No ano da creación da súa sección sénior, o CP Casás xa acadou o seu primeiro gran éxito: o ascenso á Segunda Galicia. O conxunto da capital provincial reuniu un cadro de bos futbolistas e amigos para comezar un proxecto que xa se erixe como un dos máis prometedores do fútbol lucense.
Aos mandos do conxunto afeccionado estivo a dupla formada por Álex Cortón e Diego Barreiro, dous homes que respiran fútbol e que souberon transmitir os seus coñecementos ao grupo de xogadores para acadar o salto de categoría a falta de tres xornadas para o remate da liga regular. A victoria diante do Catro Roldas na Canteira (2-3) valeulle ao cadro amarelo para festexar un ascenso histórico.
Futbolinlugo: Chegar e bicar o santo.
Diego Barreiro: É raro que salga tan ben o primeiro ano: un equipo recén feito, xogadores que chegan desde distintos sitios… é complicado chegar e acadar o ascenso xa tan cedo.


Fil: Era o ascenso un claro obxectivo ao comezo da temporada?
Álex Cortón: O día que coñecín a Diego, a comezos de xullo no local do Casás xunto a Juan, e xa desde o primeiro momento sabiamos que o obxectivo tiña que ser este: eu xa sabía que o grupo que subía desde xuvenís era bo, e Diego xa estivo ás portas do ascenso con todos os que chegaron do Nausti. Sabiamos que ía ser difícil, pero ao final conseguímolo.
Fil: Cal foi a chave para acadar un éxito tan temperán para o conxunto?

AC: Os adestramentos foron un «gusto». Adestramos martes e xoves de 22.30 a 00.00, un horario moi complicado para xente que estuda e/ou traballa, que ten que madrugar ao día seguinte. E aínda con ese horario, non baixamos case ningún día dos 18 futbolistas, sempre 18, 19, 20… un luxo para a categoría.
«A IDEA ERA CREAR UN CASÁS RECOÑECIBLE CON BALÓN«

Fil: Como foi o proceso de captación?
DB: Foi un pouco máis doado que comezar de cero, porque eu cheguei xunto co bloque de xogadores cos que xoguei a final de ascenso o ano pasado defendendo as cores do Nausti; con Álex chegaron os que eran xuvenís, ademais de outros que chegaron por outros lados. Aínda así foi unha mestura de xente, moi nova, e ese tipo de cousas teñen que saír e cadrar ben.
AC: A xuventude do cadro de futbolistas foi chave: o máis maior é Nacho, que ten 25 anos, e iso é algo que tivo peso á hora de unir os grupos.
Fil: E o de transmisión das ideas futbolísticas?

AC: A idea era crear un Casás recoñecible con balón. Os nosos xogadores son moi bos a nivel técnico para a categoría, sobre todo do medio do campo cara adiante. Traballamos ben o físico, pero tamén lle dimos importancia ás conservacións, aos xogos reducidos… e en certo modo conseguímolo. É certo que fóra da casa xogas en campos moi complicados, pero sobre todo como locais conseguimos ser un equipo con moita posesión, apostamos polo fútbol asociativo… e esa é a nosa identidade principal, o que buscamos desde o principio.
Fil: Temos entendido que o ambiente dentro do vestiario é excepcional.
DB: Si, falo en nome dos dous cando digo que a nosa ética tira cara ter un grupo unido, que haxa bo ambiente, que todos crean na nosa idea e na nosa forma de traballar… Temos que ir co teu estilo a morte e conseguir que os 24 xogadores crean en nós. Logramos un bo ambiente, adestramentos dinámicos, moita xente adestrando pese ao horario… algo que sería imposible sen levarse ben entre eles. Xente que non se coñecía pode dicir hoxe que son amigos, e iso é o máis importante.
Fil: Estades moi vivos na Copa.
DB: Xa cumprimos o noso obxectivo principal: saír rápido da Terceira Galicia. De cara a Copa, cantas máis roldas superes é unha motivación extra para os xogadores e unha axuda para o club. Pero non queremos meter esa presión aos futbolistas nin a nós mesmos, queremos desfrutar do proceso. Como xa te mides a equipos de Segunda Galicia, vas metendo na cabeza dos rapaces o que se vai atopar o Casás o ano que vén: o nivel de competición, o resto dos equipos… canto máis avancemos, mellor; pero o obxectivo xa o conseguimos.
Fil: Como é formar un tándem de adestradores?
AC: Creo que falo en nome de ambos cando digo que ambos estivemos moi a gusto traballando así. Delegamos o un no outro diariamente, falabamos e comentabamos o que necesitaba o equipo en cada sesión de adestramento, acordabamos que tipos de tarea implementar… Outra parte boa foi que eu xa coñecía a un núcleo de xogadores que xa estaban no Casás e Diego a outro, de xeito que fomos unindo todo pouco a pouco ata o momento no que nos atopamos agora.
Fil: Manterase o proxecto do CP Casás na vindeira campaña co mesmo bloque?
DB: Ese é un tema que ten que xestionar o club. Pola nosa parte, ou polo menos pola miña, estaría contento de probar en Segunda con este mesmo grupo, pero todas as partes teñen que estar de acordo. Creo que sí hai que premiar ao bloque completo de xogadores por ter conseguido o ascenso cun equipo de nova creación. É certo que terías que dar algunha pincelada en posicións concretas, pero creo que xa estamos demostrando que o Casás está preparado para competir ben na Segunda Galicia.
