A Segunda Norte, moita incerteza e a maioría do non

O tema futbolístico no final do 2020 está claro. A volta ou non do balompé máis afeccionado nesta situación de pandemia. A Federación deseñou unhas planificación que moitos clubs poñen en dúbida. Á espera de ver como se resolve definitivamente, hai unha serie

de competicións ás que o ente federativo lles puxo data de inicio a finais de xaneiro. Entre elas estarían a Preferente ou a Primeira Rexional. Sen data definitiva en riba da mesa están divisións como a Segunda ou a Terceira. Aínda que o primeiro pensar da Futgal sería que comezasen logo de facelo as categorías que as anteceden. Ante unha situación incerta facemos rolda polos equipos da zona norte da Segunda Rexional. A maior parte dos clubs situánse na negativa ao comezo.

SD Viveiro: Non vai saír nas condicións actuais.

San Ciprián: Tomaron a decisión entre directivos, corpo técnico e xogadores de non iniciar a competición. Teñen moita xente estudando e traballando. Non ven moi lóxico comezar a liga nestes momentos.

Candelaria: Agora mesmo veno innecesario. Non ven lóxico que se lles obrigue a xogar nestas condicións. Apuntan que viven dos traballos que teñen e que non se lles pode obrigar cando son afeccionados e moito menos ameazar con descender. Afirman que o curso pasado a Federación quixo quedar ben con todos habendo ascensos e non descensos e que non o conseguiron.

Iberia: Non o teñen claro. Hai versións diferentes e entenden que nisto ninguén ten a resposta definitiva. Polo de agora optan por seguir esperando. Acutarán en consecuencia conforme a evolución da pandemia.

Celta Barreiros: Máis partidarios do si. Din que o primeiro é a saúde dos xogadores. Pero despois de levar varios meses adestrando, comentan que se se fan as cousas ben son conscientes de que é moi difícil ter contaxios durante un partido ou adestramento. Pensan que  a Federación non vai correr o risco de empezar a competición sen garantir a súa saúde. Por iso cren que cando eles poñan luz verde para comezar, será con garantías e que tocará traballar para levalas a cabo.

Mondoñedo: Apurará ata o final para ver como evoluciona todo. Antes de tomar unha decisión firme reunirase a directiva, o corpo técnico e os xogadores. Se se pode fisicamente e senón telematicamente.  Cren que, sobre todo, deben ter en conta a opinión dos xogadores xa que o fútbol é dos futbolista sempre. Co engadido de que neste caso son os que corren máis riscos no caso de competir.

Abadín: Os xogadores teñen moitas dúbidas a día de hoxe. A directiva compárteas. A balanza está bastante máis cara o non que o si.

Goiriz: Seguen opinando que non se dan as medidas axeitadas para poder competir con garantías.

Roupar: Non falaron en profundidade do tema. A situación de peche perimetral das Pontes (procedencia de moitos membros do equipo) tamén inflúe. Pero de primeiras posiciónanse cara o non.

Cabreiros: Son partidarios de xogar. Terían que falar cos xogadores, pero a gran maioría transmítelles que queren empezar.

Xermade: Non teñen unha decisión tomada. De primeiras, a idea é que así non poden competir. Economicamente parecelles inviable e sanitariamente bastante dubidoso. Comentan que hai xogadores que non poden arriscar o seu posto por un illamento derivado de xogar ao fútbol.

Guitiriz: Están agardando sen concretar nada polo momento.

Matela: Teñen diversas opinións e ningunha decisión tomada arestora.

Dende o 8 de marzo non hai fútbol das categorías afeccionadas na provincia

Cospeito: Posiciónanse en non xogar mentres a situación sanitaria non sexa outra.

Muimenta: Comprenden que os xogadores son os que teñen que tomar a palabra. Dixeron que optaban por non participar. Nin con PCR nin doutra maneira. A directiva respecta e comparte a súa decisión.

Meira: Ven o inicio complicado. Aínda que por eles non habería moito problema. Pero son conscientes de que moitos equipos queren renunciar.

Fonsagrada: Non o teñen claro. Hai algo de todo. Teñen medo dos traballos e da xente maior. Aínda andan debatindo. Pero de primeiras, tamén o ven complicado.

As dúbidas inundan moitos clubs. Algúns deles xa formaron parte do escrito presentado en outono no que se negaban a competir daquela. No seu momento abrían a porta a xogar en xaneiro, pero sempre tendo en conta o avance da pandemia. Semella que polo de agora non se cumpren as expectativas de resultados que moitos pensaban. Polo que varios equipos barallan retomar ese documento presentado e actualizalo.

Julio Castro: “Deberiamos ir moito máis da man”

A título persoal, Julio Castro, o adestrador do Mondoñedo FC quixo deixar unha reflexión e opinión sobre os acontecementos que estamos vivindo:

Creo que estamos creando unha división que non favorece a ningunha das partes. Penso que deberiamos intentar ir moito máis da man. Non todo é negro ou branco. A Federación son os clubs e todos os que os formamos. E os clubes son a Federación. Por separado non seremos nada“.

Apunta que “podemos criticar aos clubes que non queren competir. Pero se realmente non queren correr ningún risco pódese entender; e sobre todo respectar. E os clubes que queren empezar porque pensan que o protocolo está ben, ou opinan que non hai tanto risco e que hai que habituarse a nova realidade pódese entender e respectar tamén. E en canto a Federación escoito moito o tema económico. Non sei se iso ten que ver, pero imaxino que a Federación para subsistir necesita de ingresos e que as competicións empecen a funcionar. Pois entendendo estas tres “partes” deberíase encontrar un punto de encontro, porque repito que todos dependemos de todos“.

Logo de pedir unión, Julio propón de xeito persoal algunha opción. “Dende iniciar competicións cos equipos que así o desexen. Tendo en conta nesa competición ascensos e non descensos (nin para os últimos que queden na clasificación nin para os que decidan non competir). Esta idea non é nova. Xa se aplicou cando se cancelou a temporada anterior. Tamén se pode esperar a xuño, dar por pedida a tempada 20/21 e iniciar en aí a campaña 21/22. Xogar en verán e parar máis tempo en inverno. Sería esperar catro meses máis. E se nese periodo a Federación necesita ingresos propoñer que se adianten os pagos ou buscar unha solución entre todos“, conclúe.

Carbeta: “Non se pode vir enlamado por aí adiante no coche”

Tamén dende o Roupar, un dos xogadores e membros da directiva, Fran ‘Carbeta’ valorou dende varios puntos a situación que se vive dende as dúas funcións que el ten no conxunto verde:

Como directivo véxoo inviable economicamente debido a que creo que non se podería asumir os gastos dos test e demais nun equpo modesto. Como xogador as ganas de xogar son como o primeiro día, pero ata que se garanta a seguridade e a hixiene (uso de vestiarios) non penso xogar. Polo risco e porque non se pode vir enlamado por aí adiante no coche. A saúde é o máis importante. O fútbol afeccionado é por diversión. Por iso non o vexo imprescindible. Acordándome dos árbitros, da federación, das tendas deportivas e demais que igual dependen algo ou todo deste fútbol“, salienta.

Sobre a especie de desencontros xerados,  teno claro: “Respecto aos equipos que queiran xogar. Se hai algúns que investiron moitos cartos e presionan para xogar, que xoguen. Pero que non nos obriguen aos demais. E moito menos descender despois do apaño do ano pasado. É arriscar a saúde de moita xente innecesariamente“, finaliza.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 465

Deja un comentario