#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

A Sarriana volve ao liderado e o Ribadeo acariña a permanencia

Na pelexa polo ascenso a Terceira, a Sarriana obtivo tres puntos fundamentais diante do Dubra e mantén un loita encarnizada con Paiosaco e Arteixo. Tres equipos que pelexarán ata o final por dous postos de ascenso. Lonxe xa dos postos de privilexio está o Lemos, que caeu derrotado na Pinguela diante do Arteixo. Na fase de permanencia o Ribadeo gañou nun encontro reñido diante do Estudiantil e ve o obxectivo máis preto. O Foz rachou a súa boa xeira no campo do Laracha e caeu a postos de descenso e o Escairón non foi quen de sumar na súa visita ao Boiro.

Un solitario tanto de Brais outórgalle o triunfo e o liderado á Sarriana (1-0).

A Sarriana volve ao máis alto da clasificación, aínda que cos mesmos puntos que Paiosaco e Arteixo, logo dun axustado triunfo diante do Dubra. O marcador non reflexa o visto sobre o céspede da Ribela, xa que, os de Edu Rodríguez contaron con ocasións moi claras para gañar por un marcador moito máis abultado, nun partido no que contaban con numerosas baixas.

O conxunto local foi moi superior ao seu rival durante todo o encontro, cun xogo fluido e con moitas chegadas a área rival, sobre todo con entradas por ambas bandas que remataron en claras opcións de gol, pero non foi o día no que os atacantes sarriaos estiveron máis atinados.



O único gol do encontro chegou a falta de vinte minutos para o final. Nun saque de banda o balón chegou a Omar, que deixou de cara para que Brais fusilara a Minibugy. Nos últimos dez minutos o Dubra buscou o empate e meteu na súa área á Sarriana, aínda que sen xerar excesivo perigo.

O Lemos viuse superado polo poderío do Arteixo (0-3).

O conxunto monfortino afástase da pelexa polos tres primeiros postos logo da clara derrota sufrida na Pinguela. Os de Alberto López non puideron realizar o seu fútbol diante dun Arteixo que amosou no feudo monfortino que é un clara aspirante a xogar a vindeira temporada en Terceira.



O cadro visitante dominio o encontro desde o comezo e xerou ocasións de gol gracias á movilidade en campo contrario da liña de creación. Malia a todo o Lemos aguantou a primeira metade co marcador inicial.

Na segunda non tardou en chegar o primeiro tanto do Arteixo, obra de Pablo Ramos logo dun desaxusto defensivo local. O ex do Racing Vilalbés Diego Vela fixo o segundo noutro erro da zaga monfortina e Bandera xa co tempo cumprido sentenciou o encontro.

O Ribadeo sumou tres puntos para encarrilar a permanencia diante dun correoso Estudiantil (3-4).

O Ribadeo deixou a permanencia vista para sentencia na súa visita a Vista Alegre. Non foi un encontro doado diante dun Estudiantil que chegaba logo de caer con estrépito fronte á Residencia. O cadro santiagués amosou unha boa imaxe e dificultou por momentos o triunfo ribadense. Xa son dezasete os encontros sen coñecer a derrota dos de Dani Moirón.

Igualdade no primeiro tempo. O Ribadeo tivo máis o balón, pero o Estudiantil era capaz de chegar con perigo á área mariñán. Preto de cumprirse a primeira media hora un centro lateral empurrouno Diego Núñez para dentro da portería do conxunto local nunha acción desafortunada do gardameta. O encontro cambiou nos últimos compases da primeira metade. Nunha contra chegou o empate obra de Lucas e a falta de dous minutos para o intermedio nun dubidoso penalti o Estudiantil púxose por diante. Lucas transformou a pena máxima.



Na segunda metade os de Dani Moirón logrou o empate nunha xogada a balón parado. Iván foi o autor do tanto nunha xogada moi protestada polo bando local ao reclamar falta en ataque. O colexiado, cunha actuación bastante excéntrica durante os noventa minutos, non sinalou nada. A remontada chegou co tanto de Criss ao aproveitar un balón á espalda da defensa. Nun momento de desconcerto do conxunto santiagués Xairo acadou un auténtico golazo e sentenciou o encontro. A falta dun minuto para o final o Estudiantil recurtou diferencias por medio de Xandre.

O Foz acusou as baixas e saiu derrotado do campo do Laracha (2-0).

O cadro mariñán rachou a súa boa xeira de dúas vitorias consecutivas. As numerosas ausencias foron un lastre para o Foz, que non foi quen de xerar ocasións claras de gol diante do Laracha.

Nunha primeira metade de dominio local, os de Gayol acusaron o tanto do Laracha nos últimos intres . O chamado gol psicolóxico de Parafita fíxolle dano ao Foz, que saiu na segunda metade na procura do tanto do empate.

Non foi o día e moi preto do final Gaye sentenciou para o Laracha. Con esta derrota o conxunto focense volve a postos de descenso directo.

O Escairón non puido sumar no campo do Boiro, líder do grupo (2-0).

Os do Saviñao non puideron sacar nada positivo da súa visita a Barraña para estrear o casilleiro nesta segunda fase. O Boiro foi superior ao Escairón durante a maior parte do encontro e contaron con numerosas ocasións para que o resultado final fora máis amplo. O gardameta Álex Ávila foi o xogador máis destacado dos do Saviñao.

Juanma e Piñeiro tiveron as ocasións máis claras para os de Luis Carro nunha primeira metade na que tan só Javi Domingo foi quen de superar ao gardameta canario do Escairón. Foi cun bo remate logo dunha falta lateral.

A segunda metade seguiu un guión semellante á primeira. Juanma aproveitou un servizo de Javi Domingo para facer o segundo antes que se cumprira o cuarto de hora da reanudación. Álex Ávila agrandou a súa figura ao deter un penalti lanzado por Saviola, que suporía a sentencia. O Escairón apenas inquedou a área rival e non contou con grandes ocasións para reducir diferencias.

A Sarriana volve ao liderado e o Ribadeo acariña a permanencia

O anecdotario: «A xeira do gafe», por

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *