Non acompañaron os resultados aos conxuntos lucenses de Terceira e Preferente. Tan só a Sarriana foi quen de sacar adiante o seu encontro diante do Sofán. O Racing Vilalbés caeu na súa visita ao Arzúa e o Viveiro fixo o propio en Cantarrana diante do UD Ourense. Ribadeo, Lemos, Residencia e Portomarín caeron a domicilio fronte a Dubra, Montañeros, Victoria e Sigüeiro respectivamente.
Mereceu máis un Racing Vilalbés qeu non puido sumar no campo do Arzúa (2-0)
Chegou rápido o primeiro tanto local. Antes do minuto dez o viveirense Aldán adiantou ao Arzúa logo de aproveitar un erro defensivo do Racing. Este tanto condicionou o encontro para os de Simón Lamas, que tiveron que ir a remolque. O gardameta arzúan Chema resultou decisivo en dúas claras ocasións de Javi Rey e Rares, mediante as cales os chairegos puideron darlle a volta ao marcador.
Na segunda metade o dominio foi dun Racing Vilalbés que embotellou ao Arzúa, pero os de Alberto Mariano co marcador a favor non se sentiron incómodos sobre o céspede do Viso. Marcos Álvarez e Rares gozaron de claras ocasións para cando menos acadar o empate. Moi preto do final, cos chairegos volcados na procura do gol, o Arzúa foi quen de sentenciar cun tanto de Brian.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
A melloría do Viveiro non foi suficiente para puntuar diante da UD Ourense (1-2)
Comezou mellor o Viveiro, que dominou os primeiros compases do encontro e chegou con perigo á área rival. Contou cunha boa ocasión de Sane para adiantarse no marcador. Os visitantes non foron quen de inquedar a portería viveirense con perigo, ata que xusto do paso por vestiarios, logo dun saque desde o curruncho, Jose empurrou o balón ao fondo da portería.
Co marcador en contra, Alberto López trocou de sistema e as variacións déronlle os seus froitos. Un balón colgado á área por Yepes, recolleuno Iker Hurtado, que controlou e rematou lonxe do alcance do monfortino Ramón. A falta de dez minutos para o final a UD Ourense fixo o segundo por medio de Raúl Melo, cun bo remate desde dentro da área.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
A Sarriana marca de catro en catro e suma a segunda vitoria consecutiva (4-1)
Os de Edu Rodríguez foron moi superiores ao Sofán, un conxunto recén descendido da Terceira RFEF. Os de Carballo aproveitaron un momento de desconcerto dos locales para adiantarse no macador por medio de David Bandera a balón parado. A Sarriana recompúxose de inmediato e antes de chegar á primeira media hora de xogo Adri Díaz nivelou o encontro. Tan só tres minutos máis tarde Santín deulle a volta ao partido desde o punto de penalti e antes do intermedio o propio dianteiro puxo terra de por medio.
Na segunda metade, a Sarriana continuou cun completo dominio do encontro e foron quen de defender con acertos nos momentos nos que o Sofán deu un paso adiante. Preto do final unha boa xogada á contra de Santín que asistiu a Brais que só tivo que empurrar ao fondo da portería.
O bo partido do Lemos non tivo premio diante do Montañeros (1-0)
A posesión e dominio do xogo foi monfortina na primeira metade, nunha visita sempre complicada ao feudo do Montañeros. As rápidas transicións do cadro local foron sofocadas pola zaga lemista sen demasiadas complicacións.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Na segunda metade, os de Josito Jul saíron coa mesma idea de xogo, pero no minuto 53, nun centro lateral logo dunha pérdida de balón, Rubén Rivera, un histórico do fútbol galego, superou a Losada. O Lemos asumiu maior risco na procura dun empate que non chegou. Malia expulsión de Dani Arias, os monfortinos mantiveron opcións ata o final.
Derrota dun Ribadeo que non aproveitou as súas ocasións no campo do Dubra (2-0)
O cadro mariñán entrou ben ao encontro, cunha posta en escea que presaxiaba un marcador final máis positivo. Pero as mellores ocasións no periodo inicial foron para o Dubra, que foi quen de adiantarse no marcador preto da media hora de xogo. Martín, en estado de gracia, aproveitou un erro garrafal da defensa ribadense.
Á volta de vestiarios, cando aínda non se gastara un minuto da segunda metade, de novo Martín foi quen de sacar partido dun balón embarullado dentro da área para batir a Dos Santos. Non se rendiron os de Dani Moirón, que tentaron recurtar diferencias ata o final. Asier e Criss gozaron das ocasións máis claras, pero non estiveron atinados de cara a portería contraria.
A Residencia caeu nos últimos intres na súa visita ao Victoria (3-2)
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/09/RESI_RENDA.jpg)
De novo as baixas lastraron aos de Dani Galán, que foron moi superiores ao seu rival nos primeiros corenta e cinco minutos. Dani Renda manexou o xogo no medio campo e tamén foi quen de marcar. Un pase de Yago ao espazo aproveitouno o talentoso mediocampista para poñer por diante aos seus. Tebi cun bo testarazo e Dani Renda tiveron ocasións para ampliar as diferencias. Pero foron os locales quen anotaron no desconto do primeiro tempo por medio de Andrés nunha xogada embarullada.
Na segunda metade a Residencia acusou a baixa por lesión de Adrián e recibiu o segundo tanto por medio do ex viveirense Dani Carnota. Cinco minutos máis tarde Dani Renda puxo as tablas no marcador ao transformar un penalti. Moi preto de chegar ao tempo regulamentario un balón longo á espalda da defensa recolleuno Xabi Souto que decidiu o encontro para os coruñeses.
O Portomarín cae diante do Sigüeiro cun gol nos últimos intres de encontro (1-0)
Non entrou ben ao partido o Portomarín que se viu superado polo conxunto local, sobre todo nos primeiros compases. Os de Fiz Rodríguez saíron cun mellor ritmo e gozaron de boas ocasións para adiantarse no marcador, pero non estiveron atinados. Hugo tivo a máis clara para os miñotos no primeiro tempo.
O segundo tempo foi moito máis nivelado e ámbolos dous conxuntos tiveron ocasións para levar o gato á auga. Diego Fente cun lanzamento preto da escadra tivo a máis clara para o Portomarín. No minuto noventa, un lanzamento de Parcero cólase na portería de Chumi logo de tocar nun defensor.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2022/09/XORNADA-2.png)