Xornada sen triunfos lucenses na Terceira. O Polvorín e o Viveiro acadaron sendos empates a domicilio. O filial do CD Lugo igualou no campo do Arzúa e os mariñáns fixeron o propio no feudo do Atlético Arnoia. O Racing Vilalbés volveu de baleiro da súa visita ao Estradense. Na Preferente a Sarriana venceu no campo do Betanzos e rematará a primeira fase no liderato. O Lemos gañou diante do Victoria e garantizou a súa presenza na fase de ascenso, mentres que o triunfo do Ribadeo no Poboado manteno con opcións de pelexar polo ascenso ata a última xornada. A Residencia gañou o derbi provincial no feudo do Foz e o Santaballés igualou no seu campo co San Tirso. O Escairón saiu goleado do enfrontamento co Montañeros.
O Polvorín empata no Viso diante do Arzúa e segue segundo na clasificación (1-1).
Segunda xornada consecutiva na que o Polvorín non é quen de gañar. Visitou un sempre difícil campo do Arzúa, onde o encontro non tardou en poñerse costa arriba para os lucenses. Aos cinco minutos Torrado comete penalti sobre un atacante local, pero Chiño enviou fóra o lanzamento. Os de Álex Ortiz comezaron a medrar no encontro e foron quen de impoñer o seu ritmo de xogo. Froito do dominio chegou o tanto do filial albivermello. Un pase atrás de Rojo foi empurrado ao fondo da portería por Leandro. O Arzúa soamente xerou perigo con tiros lonxanos.
Gastado un cuarto de hora da primeira metade chegou o empate. Un saque desde o curruncho rematouno de xeito preciso Bilal e nen Brais, que volveu á portería, nen Castrín poden deter o balón.


O Racing Vilalbés perde o seu primeiro encontro do 2022 no campo do Estradense (1-0).
Encontro igualado e moi condicionado polo mal estado do terreo de xogo, debido á choiva que caeu nos últimos días e tamén durante o partido. Na primeira metade non se viron demasiadas ocasións de gol. O Estradense tivo a súa mellor opción nos primeiros compases. A volea de Mateo saiu fóra por pouco. O Racing contou con ocasións de Otero, Pedrosa e Jose Varela que se atoparon coas boas intervencións de Koke.
Na segunda metade chegou o único tanto do partido. Un desmarque de Borja Míguez rematou co centro deste e o remate desde o punto de penalti de Edu Taboada, ante o que nada pode facer un Ángel Fraga que, con molestias no xeonllo, tivo que deixar o seu sitio a Javi Rumbo. Tivo Pedrosa o empate en dúas ocasións consecutivas, pero non estivo atinado diante do gardameta local.

O Racing Vilalbés cae á sexta praza, empatado co Barco quinto clasificado.

O Viveiro araña un punto no difícil campo do Atlético Arnoia, rival directo pola permanencia (1-1).
Sétima xornada sen perder para o conxunto mariñán que ve como a permanencia está máis preto. Desta volta foi quen de sumar un punto no sempre complexo campo da Queixeira. Durante a primeira metade apenas se viron ocasións de gol. Foi lixeiramente superior o conxunto local, sobre todo nos primeiros compases, pero o Viveiro defendeuse sen excesivas complicacións. Superada a media hora de xogo, Rucho nunha xogada embarullada foi quen de anotar para o Arnoia.
Na segunda metade David Páez reestructurou o equipo e os mariñáns chegaron con máis perigo á área rival. Cun cuarto de hora gastado chegou o empate, obra de Tichu. O remate do viveirense bateu nun defensor e colouse na portería de Borja. No último tramo de encontro o Arnoia tivo o balón, pero o Viveiro saiu á contra con certo perigo, aínda que o marcador non se moveu.e
A Sarriana rachou a gran xeira do Betanzos e garante o liderado do grupo (1-2).
O cadro sarriao rematará a primeira fase no primeiro posto logo de vencer ao Betanzos, segundo clasificado no seu campo. Os de Edu Rodríguez comezaron o encontro con tres centrais, ante o previsible xogo ao contragolpe do cadro local, pero o técnico monfortino tivo que variar o estilo de xogo, xa que a Sarriana non se atopaba cómoda sobre un García Hermanos que non estaba para florituras.
A Sarriana optou por un fútbol máis directo que lle deu os seus froitos. Aos vinte minutos de xogo o colexiado sinalou penalti por man dun defensor local e Gerardo non errou desde os once metros. O segundo tanto non chegou ata os primeiros compases do segundo tempo. Nunha boa transición dos sarriaos, un bo balón de Óscar Rivas sobre Omar remata co pase da morte deste a Torres que define diante de Guillermo. O tanto local chegou nun libre indirecto dentro da área que transformou Óscar Martínez. Nos últimos intres a Sarriana puido sentenciar, pero o Betanzos non se deu por vencido e contou con opcións de igualar o choque.

Triunfo do Lemos no campo do Victoria que lle asegura a súa presenza na fase de ascenso (0-1).
Un madrugador tanto de Sidibé foi suficiente para que o Lemos garantizase a súa presenza na fase de ascenso a Terceira. Foi aos cinco minutos de partido. O conxunto monfortino sorprendeu ao rival cun rápido saque de banda e Sidibé, que se prantou só diante do porteiro, resolveu no un contra un. Os de Alberto López dominaron o encontro a primeira media hora de encontro e contaron con ocasións para facer o segundo. Nos últimos intres da primeira metade o Victoria fíxose co mando do encontro, cunha boa circulación de balón, aínda que sen profundidade para inquedar á defensa lemista.
A segunda metade resultou igualada. O Lemos buscou o segunda tanto á contra, sobre todo pola banda dereita de Borja Castro. O conxunto coruñés soamente inquedou nunha ocasión a Losada, que respostou á perfección.
O Ribadeo gaña no Poboado no último suspiro e mantén opcións de xogar a fase de ascenso (0-1).
O conxunto mariñán sumou a décima xornada sen perder e fíxoo nun encontro decisivo diante do As Pontes, rival directo na pelexa por evitar os postos de promoción de permanencia. Na primeira metade o dominio foi alterno e ningún dos dous conxuntos tivo claras ocasións de gol.
Despois do paso por vestiarios os de Rafa Casanova fixéronse co timón do partido, aínda que sen xerar demasiado perigo ante a portería dun Dos Santos que solventou con éxito as chegadas do cadro pontés. Nos últimos dez minutos, coa necesidade imperiosa dos dous contendentes de lograr os tres puntos, o encontro abriuse e foi cando o Ribadeo estivo máis preto do gol. De tódolos xeitos chegou no derradeiro suspiro. No minuto 94 nunha contra levada por Criss, o focense asistiu e Santi batiu por baixo ao gardameta Paco.
Cos tres puntos, os de Dani Moirón xogaranse no Pepe Barrera diante do Betanzos o pase á fase de ascenso. Deberán contar coa colaboración do Lemos, que xoga diante do Mugardos, que conta con un punto máis que os ribadenses.
O Foz caeu pola mínmina diante da Residencia no derbi provincial (0-1).
Dominio visitante nunha primeira metade na que o único tanto do encontro non se fixo agardar. Aos sete minutos de xogo Dani Renda botou unha falta desde o perfil dereito que se colou polo pao curto da portería defendida por Alonso. No ecuador do primeiro acto un centro de Xabi rematouno Txiki moi preto do pao, acción na que puido chegar o segundo tanto lucense. O cadro local non xerou perigo ata a segunda metade, na que tivo moita máis presencia na área contraria.
Gonzalo tivo unha clara ocasión de gol, pero o seu remate despexouno a córner Diego nunha boa actuación e pouco despois Andrés Bustelo rematou fóra.

Un dos mellores partidos da temporada do Santaballés remata en empate diante do San Tirso (2-2).
Encontro moi atractivo para o espectador e que comezou co conxunto local dominando o xogo e xerando numerosas ocasións de gol. Miguel, en dúas opcións e Palomo tiveron as máis claras. Non tardou en chegar o gol. Yago transformou un penalti que cometeron sobre él mesmo. Antes da media hora de xogo, Roberto Prieto en acción individual fixo o empate. Non lles afectou o tanto aos chairegos que seguiron chegando con perigo á portería rival. Chechu e Palomo estrelaron dous balóns no pao. Xusto antes do intermedio o San Tirso puido adiantarse no marcador, pero erraron un lanzamento de penalti.
Na segunda metade o dominio seguiu correspondendo ao Santaballés, así como as ocasións, nas botas de Josiño e Miguel. Malia todo foi o conxunto coruñés quen se adiantou no marcador nun lanzamento de falta de Xian. Reaccionou ben o conxunto adestrado por Juan Rodríguez e non tardou en empatar cun tanto de Palomo. Nos últimos intres os dous conxuntos tiveron opcións de marcar. A máis clara tívoa Muñiz para o Santaballés cunha chilena á que respondeu moi ben o meta David.
O Escairón veuse abaixo na segunda metade diante do Montañeros (0-7).
Dura goleada recibu o Escairón no seu campo diante dun dos candidatos ao ascenso. Na primeira metade os de Jorge Rodríguez amosaron unha boa imaxe, pero a pegada do conxunto coruñés fixo que xa marcharan ao intermedio con dous tantos de vantaxe.
A segunda metade só tivo cor visitante, que foi un ciclón en ataque e foi quen de anotar cinco tantos, tres deles de Xavi Foliadoso.