Semellaba a temporada máis curta do noso fútbol pero, para moitos, fíxose a máis longa. Ningún dos adestradores que comezaron o curso nos nosos equipos repetirán no mesmo banco a vindeira campaña.
Un dos cambios xa se realizou durante a propia temporada. A Sarriana prescindía de Charly a falta de dúas xornadas para a conclusión do grupo de ascenso. E inclinouse por Jaime Paz, que a pesares de conquerir dous triunfos quedou sen ascenso. Aínda así, o coruñés non repetirá no banco da Ribela. O novo inquilino é Edu Rodríguez, que pechou un exitoso ciclo no Lemos.
O cadro de Monforte apostou no relevo por alguén con experiencia. Alberto López chega a Pinguela avalado pola súa última experiencia competitiva, deixou o Arzúa como equipo revelación na Terceira antes da chegada da covid.
Dani Moirón é o único adestrador que se mantén na categoría e adestrando na provincia. Logo de vivila experiencia co Santaballés, chega ao Ribadeo. No Pepe Barrera produciuse a inesperada saída de Rafa Casanova. Agora quedará no banco da veciña As Pontes.


O oco de Moirón no Santaballés será ocupado por Juan Rodríguez. Que se asenta na Chaira despois da súa chegada ao Rácing Villalbés na pandemia. O preparador chantadino, que non chegou a estrearse co Monterroso, debutará así na Preferente.

En Lugo tamén hai novidades importantes. Álvaro Meilán rematou unha longa traxectoria coa Residencia para deixar paso a un home da casa: Dani Galán. O antigo ‘dez’ compaxinará o primeiro equipo branquiazul coa base do Lugo. No norte, volta a casa un vello coñecido. Bebo liderará un Foz que foi de menos a máis da man de Javi Chinchón. Por último, volve a escena o Atlético Escairón. Julio Corral, confirmado na pandemia, será o xefe no Saviñao.