A Segunda Rexional encara xa o comezo do segundo tramo de competición. Todo despois de que na pasada finde finalizase a 1ª fase na zona sur. A Milagrosa e o Antas colleron os dous últimos postos que quedaban libres para xogar polo ascenso. Sabemos máis detalles nos #OncesFutbolinlugo.
Coa 1ª fase da zona norte xa rematada, o protagonismo desta volta vén da capital de provincia cara abaixo. Na zona sur, grupo 2A, era onde máis cousas quedaban por decidir. Tres equipos xogábanse dúas posicións e dous deles desputaban un partido común. A Milagrosa impúxose pola mínima ao Páramo e permitiulle subir ata a terceira praza. Chegoulle cun solitario gol de Zas.
Pola súa banda, o Antas xogou a súa baza. Estaba tres puntos por baixo do Páramo pero nun posible triplo empate tiña as súas opcións. Así foi, o cadro do Castro Seoane venceu no derbi da Ulloa ao Palas e colouse na cuarta praza. Adiantáronse rápido no marcador e xestionaron ben a vantaxe.
No resto de encontros o Becerreá volveu ao camiño da vitoria para entrar con mellor sabor de boca na 2ª fase. Derrotou ao Corgo e remata a primeira parte da liga con 39 puntos conseguidos. Cinco será cos que parta no reinicio da nova fase. O porteiro Álex foi o menos goleado do grupo.


Con 31 puntos na segunda posición rematou o Paradela. O cadro preparado por Rubén Bergantiños igualou nesta última xornada ante o Santa Comba. Marcáronse os catro goles na primeira metade.
Na zona sur, grupo 2B, estaba practicamente todo decidido. Só faltaba afinar algunhas posicións. O Ferreira rematou esta liga gañando e xa o fixo dez veces no que vai de campaña. Primeiro posto e 33 puntos. Derrotou cunha diferenza de dous goles ante un Quiroga que só puido conseguir un punto na 2ª volta. Precisamente o cadro quirogués parte cun punto na súa loita por evitar o descenso.
O Oural finaliza esta competición na segunda praza ao derrotar cun resultado apertado ao Brollón. O cadro dos Medos anunciou nas últimas horas a volta ao equipo do lateral Fran que lles axudará neste segundo prazo de competición. Pola súa banda, o filial da SD Chantada gañou pola mínima ao Río Sil. Permítelle queda 3º e o cadro de Sober queda 4º.

Ao Incio presentóuselle a oportunidade de finalizar 5º e non o desaproveitou. Venceu ao Bóveda e pasa cunha lixeira vantaxe a fase por evitar o descenso de categoría.
GRUPO POLO ASCENSO (ASCENDE O 1º)
1º Becerreá (5 pts)
2º Ferreira (5 pts)
3º Paradela (3 pts)
4º Oural (3 pts)
5º Milagrosa (2 pts)
6º Chantada B (2 pts)
7º Antas (1 pts)
8º Río Sil (1 pts)
GRUPO POLO DESCENSO (DESCENDE O ÚLTIMO)
1º O Páramo (4 pts)
2º Brollón (3 pts)
3º Sporting Lucense (2 pts)
4º Quiroga (1 pts)
5º Santa Comba (0 pts)
GRUPO POLO DESCENSO (DESCENDE O ÚLTIMO)
1º Incio (4 pts)
2º Palas (3 pts)
3º Bóveda (2 pts)
4º Corgo (1 pts)
Esta próxima fin de semana comezarán as segundas fases na zona norte. No sur, unicamente comezará a fase pola permanencia no grupo con cinco equipos. Os restantes dous grupos comezarán na semana seguinte.
De cara a 2ª fase, hai novidades no Diario dun Mercado que se abriu de xeito inesperado a estas alturas da temporada. O Matela lamentou nos últimos días a baixa de gravidade de Roberto, a quen lle desexamos unha boa recuperación. Únese as xa existentes de Brais, Nacho e Santi. Pola súa banda, o club informou da incorporación doutro Roberto. Desenvólvese na posición de central ou lateral dereito e conta con experiencia en equipos como o Guntín ou o Lugo Unión.
Tamén o Mondoñedo anunciou nas últimas horas a chegada de dous novos futbolistas. Fichou a Rubén procedente do Abadín e comunicou o regreso do mediocentro Brais Carrascal.