Hoxe traemos unha entrevista cun porteiro goleador. O pasado martes, Ivan Provedel, gardamallas da Lazio, foi noticia a nivel global por anotarlle un gol ao Atlético de Madrid na Champions League, pois non é doado que un porteiro marque un gol. Iso mesmo pensarían no Julio Mato o pasado domingo. No partido da Preferente Norte que enfrontaba ao Noia CF e ao CD As Pontes, un lucense con luvas postas emerxeu como protagonista.
Corría o minuto 60′ do choque cando Javier Pita Calvo (O Vicedo, 1991) sacou en largo desde a súa meta e o coiro, impulsado polo bote, rematou no fondo das mallas rivais. Era o 0-2 ao favor do seu equipo, o CD As Pontes, que terminaría vencendo por 1-2. Un gol para a historia do conxunto pontés e que nos serve de pretexto para falar cun dos gardamallas máis destacados da provincia na última década.
Futbolinlugo: Gol e segunda victoria consecutiva. Arrancou forte o CD As Pontes.
Javi Pita: Si, a verdade é que estamos fortes a nivel de resultados. Pero aínda somos un equipo en construcción, chegamos moitos xogadores novos este ano e aínda estamos afianzando relacións deportivas e asociativas… todo vai mellor se os resultados son positivos.


FIL: Foi con intención o disparo en Noia?
JP: (ri) Era un día destes típicos de inverno adiantado, con auga, vento racheado, o campo estaba moi rápido… eu quería buscar á nosa última liña con un saque largo, e xuntáronse o aire e o bote que sorprendeu ao porteiro rival. A min tamén me colleu por sorpresa o desenlace, pero é o primeiro gol da miña carreira.
«Foi unha sensación rara, nin o celebrei.»
FIL: Que sinte un porteiro cando marca un gol?
JP: Foi raro. Non é algo que busques con esa acción técnica concreta, así que non é o mesmo que un gol como o que meteu o da Lazio, subindo a rematar, que xa vas con esa intención. Neste caso a sensación foi rara, nin o celebrei de feito. Cando te das conta dis, mira 0-2, perfecto! Pero no momento foi estraño.
FIL: É a túa segunda experiencia fóra da provincia. Que che levou a tomar a decisión?
JP: É un club que leva varios anos interesándose por min, sempre mostraron moito interese… e cando chegamos ao acordo de que non ía continuar en Sarria pois pensei en vir para aquí. Teño compañeiros que xogaron aquí, é un club histórico, volveron mostrar interese e se deron todas as circunstancias para facelo posible.

FIL: O proxecto das Pontes semella ambicioso, con xogadores da entidade de Rubén Rivera.

JP: A nivel deportivo o club non quere pasar tantos apuros como estas últimas temporadas. Querían conformar un proxecto con xente da zona, mesturando xente nova e outros máis veteráns, para ter un ano tranquilo, sen sobresaltos. Somos moitos xogadores novos, estamos aínda asimilando o que nos pide o míster e coñecéndonos entre nós… Sería precipitado sacar conclusións con estes dous resultados. Eu sempre digo que en todas as ligas as cousas empezan a definirse a partir da xornada 5 ou 6, pero a Preferente é moi igualada e quizais ata xaneiro ou febreiro non haxa nada definido. O ano pasado foi en xaneiro cando Boiro, Nota, Betanzos e Sarriana comezamos a loitar en solitario polo ascenso, por exemplo.
FIL: 32 anos para un porteiro non son moitos. Contas con volver á Terceira División ou, se cadra, máis arriba?
JP: A idade é un número. Fisicamente as lesións sempre me respetaron, gústame moito facer deporte e coidarme para facelo ao mellor nivel posible, e despois vai un pouco na ilusión que teñas, e eu aínda teño moita. Pero non miro máis alá do proxecto do club no que estou ano a ano, desfrutar do xogo, dos compañeiros e da competición sen mirar máis alá. Non me poño metas por arriba e non penso máis alá do día a día.
«Non me poño metas por arriba e non penso máis alá do día a día.»
FIL: Chegaches a debutar no CD Lugo en Segunda División B. Pero non houbo continuidade.
JP: Fun titular en dous partidos de liga regular o ano que quedamos campións con Quique Setién. E o ano que estiveron Luis Milla e José Durán estiven en dinámica de primeiro equipo, fun a moitas convocatorias en Segunda División, e sempre está ese «runrún». Por exemplo Fran Vieites o outro día contra o Barcelona.
FIL: É difícil apostar por un gardamallas recén saído da base, pero pensas que é un erro recorrente no noso fútbol?
JP: Si, é difícil apostar. Chegar a esas categorías altas é relativamente fácil, enténdaseme. O complicado é manterse, porque hai competencia nacional e internacional nesas categorías. Teñen que apostar por ti, ti tes que dar o nivel e hai que ser realistas da dificultade que entraña consolidarse. A min, por exemplo, concidiume unha etapa na que o club deu un paso adiante a nivel deportivo e incorporou a un gardamallas como Diego Rivas, cun altísimo nivel, e a portería do Lugo deu un gran salto. Eu estaba aínda no meu proceso de formación, fun cedido ás Somozas, o club deu o salto ao fútbol profesional… Pero sempre digo que ese ano que fomos campións de Segunda B foi un dos meus mellores anos, disfrutei e aprendín moitísimo: de Escalona como porteiro, de Roberto Valeiro como adestrador de porteiros, de Setién como técnico… foi espectacular.
FIL: Tamén viviches un Play-off de ascenso á vella Segunda «B» co Rácing Villalbés.
JP: Si, a «segunda mellor temporada» da súa historia. Por sorte o ano pasado superaron esa fazaña que fixemos nós nun ano fantástico. O Racing é unha das miñas casas futbolísticas: a xente, a vila, o club… é un exemplo para toda a provincia, o sentimento de apego que temos todos os xogadores polo club… é un sitio extraordinario.

FIL: E o histórico ascenso da Sarriana.
JP: Si, a directiva xuntou a un grupo de xogadores que ademais son amigos, con moita calidade, iso ao final deu os seus froitos.
FIL: Se queres un proxecto gañador, ficha a Javi Pita.
JP: (ri) O colectivo é o que fai forte aos equipos. Eu trato de aportar os meus valores, a miña experiencia, os meus coñecementos… a disposición do equipo e do que o adestrador determine, para sumar e axudar a todos.
«Tratarei de explotar a saída de adestrador para seguir vinculado ao fútbol.»
FIL: Cando o fútbol se acabe, seguirás vinculado a el? Os adestradores de porteiros están moi cotizados.
JP: Si, tanto os porteiros como os adestradores de porteiros están cotizados. Eu levo desde os 17 anos como preparador de gardamallas, agás este ano que vai ser semi-sabático. Tamén como adestrador, estou rematando agora o Nivel III e é unha forma de poder seguir vinculado ao fútbol. Ultimamente estiven adestrando no CD Lugo e é unha porta que queda aberta e que tratarei de sacar adiante por medio da experiencia, traballo e a formación que vou adquirindo.
JAVI PITA EN CURTO:
Un partido: Recordo con cariño un partido benéfico amistoso en Riazor, entre Dépor e Lugo, con 14.000 persoas en Riazor. Vénseme á cabeza por sentir o máis parecido a ser profesional, pola calidade de ambos equipos, e xoguei todo o partido. Pero hai outros, como o meu debut en Terceira co Viveiro, con quince anos e no Vao, o debut en Segunda B…
Unha parada: Pois seguramente o conxunto da tanda de penaltis en Pulpí co Racing Villalbés, por axudar ao equipo a pasar de rolda.
Un adestrador: adestrador de porteiros Roberto Valeiro, e adestrador Luis Milla e Quique Setién, polos seus coñecementos e por como os transmitían.
Un compañeiro: na portería Javi Liz, no resto do campo Óscar Rivas. Teño unha gran amizade con ambos fóra do campo.