
O Monterroso vive unha situación límite. Quizais unha das peores que se recordan nos corenta e seis anos que leva en activo de maneira ininterrumpida (dende 1974). Todo por un «pésimo entendemento político». «Un feito gravísimo e irresponsable que levaría a perder tantos anos de traballo», sinalan dende a directiva do conxunto vermello.

A entidade é todo un referente na Ulloa e mesmo na provincia, ao contar con equipos en nove categorías distintas. Un auténtico luxo para un pobo de preto de 3.700 habitantes. Unha actividade que pronto podería chegar ao seu fin, xa que resulta «imposible levar adiante a próxima temporada sen a axuda do Concello». «Un Concello que non aproba os presupostos, ten ao pobo parado e ao club nunha situación límite«. De feito, de seguir así as cousas, o Monterroso estudaría seriamente a disolución do club na asemblea do próximo sábado 11 de xullo.
Dende o club achégannos máis datos para evidenciar esta lamentable situación. «A Deputación de Lugo concedeulle 302.947 euros ao pobo no Plan Único para repartir en diferentes ámbitos oportunos. 6.000 deses euros adxudicaríanse para o Torneo Promesas, que non se puido celebrar por mor da COVID-19. Aínda así eses cartos poderían terse destinado a arranxar o campo, que se atopa con toupas. O rego está fatal e as redes do campo…», engaden dende a directiva. Ademais, comentan que a resposta que se lles deu dende o Concello encabezado por Antonio Gato foi que «as toupas están, que lles imos facer… Se a oposición atopa algunha solución…».
O equipo de mando actual non tería problema en continuar á fronte do club sempre e cando se lle poña arranxo a todo este esperpento. De feito, evidencian o seu malestar despois de subsanar unha importante débeda nos últimos catro anos. «Despois de moitos anos subsanouse e comezamos a tempada pasada de cero. Agora que aparecía a luz do sol, puxéronnos unha soga ao pescozo», sinalan.


Agardemos que toda esta problemática teña unha pronta solución. Polo ben do fútbol da Ulloa e da provincia. O pobo de Monterroso non se pode permitir a desaparición dun dos seus motores e un soberbio emblema da actividade deportiva e social da vila. Dende Futbolinlugo tratamos de poñernos en contacto co propio Concello, pero non fomos quen de logralo.