#Fútbol afeccionado #Feminino

A dimisión de Santi Vieitez non frea ao líder no derbi

Lugo

Sorprende que un adestrador dimita tendo ao seu equipo líder invicto. Así sucedeu no PM Friol B. Santi Vieitez deixaba o cadro da Reigosa despois do derbi ante o San Roque e agora as amarelas vivirán unha nova etapa ás ordes do omnipresente Geluco Villar. Nesa etapa tampouco estará Mahine, que deixa o equipo por motivos persoais.

O presidente-adestrador Geluco xa se fixo cargo esta semana do filial friolés, mantendo a tónica reinante neste primeiro terzo ligueiro. O PM Friol B volveu gañar. Superou a unha combativa Milagrosa a domicilio nun choque no que lle custou abrir a lata. Pasada a hora de xogo, Nuria Meijide aproveitouse dun fóra de xogo non sinalado pola colexiada para situar o 0-1 no marcador. Co aire de cara, as visitantes buscaron o segundo gol para sentenciar, o cal chegou a dez minutos do remate. Obra de novo, de Nuria Meijide.

No outro duelo de rivalidade desta pasada fin de semana, o Carballedo levouse o gato á auga no último terzo de encontro. A igualdade marcou unha primeira metade con escasas ocasións. Na segunda, o Monte Forte foi cedendo ante a superioridade física local. E a estratexia das do Catro Ventos desenivelou a balanza. As de Adrián Rodríguez volveron marcar dous tantos en accións ensaidas desde o curruncho.

Irene Rebolo, bigoleadora do San Roque

O San Lázaro mellorou as súas prestacións para impoñerse ao Cruces. As de Luchi tiraron de contundencia e bo xogo, como o mostrado nos dous primeiros tantos. Sendas accións corais que remataron nos pés de Annie e Eukene. Unha pequena dose de relaxación nos minutos previos ao descanso propiciou o 1-2 para as locais. Despois do intermedio, as capitalinas aguantaron as acometidas do Cruces nun bo exercicio defensivo. E Jenni sentenciou co terceiro e definitivo gol na prolongación.



Por último, analizamos tres goleadas. O Chantada fixo un set en branco ao EF Silleda. Cinco dos tantos chegaron no segundo acto, con sendos ‘dobretes’ de Laura Carnero e Tania Gómez. Tamén houbo boas novas desde A Polvoreira, onde o San Roque regresou á senda da vitoria ao grande. As de Quiroga xa vencían aos dous minutos de partido e marcharon 6-1 ao tempo de lecer. Irene Rebolo asinou catro tantos e María, outros dous. A nota negativa desta data púxoa a Comercial, que non tivo opción en Arzúa. As de Vivian Dors acudiron á terra do queixo con só nove xogadoras.

O Lugo desátase ante un frouxo Narón O Freixo

O Lugo impuxo a lóxica na Cheda ante un Narón O Freixo claramente inferior. As de Joaquín Blanco non especularon en momento algún e sentenciaron o encontro ao descanso (4-0). Lideradas por unha espectacular María Valcárcel, autora de cinco tantos, as albivermellas perdoaron unha malleira de escándalo. Goico tamén aportou dous tantos na goleada lucense.

No polo contrario, o Antas regresou de baleiro do seu duelo ante as ‘cebras’ do Victoria CF B. Varios erros individuais lastraron ás do Castro Seoane, que esta xornada tiveron unha nula aportación en ataque.



O PM Friol perde pola mínima ante un rival directo

O PM Friol volveu ao amargo sabor da derrota despois de caer na casa ante o Torrelodones. As rapazas de Covi adiantáronse xusto antes do descanso, cun gol de Okoye. No entanto, a resposta das madrileñas foi instantánea poñendo o 1-1 antes do paso polos vestiarios. Na reanudación, as da Reigosa viron como o Torrelodones aproveitaba unha das súas ocasións para levar os tres puntos en xogo. O PM Friol desaproveitou a oportunidade de superar a un rival directo na táboa.

Nati, posa para a IV Guía Futbolinlugo

Nati, xogadora torre de núñez do mes de novembro

Non é doado facer un pleno. Pero aquí o temos! Nati foi a xogadora máis destacada do mes de novembro, a nosa xogadora Torre de Núñez. Durante as catro xornadas diputadas neste mes, Nati sobresaiu en todas. Por esa mesma razón, leva un lote de produtos do referente cárnico da provincia, Torre de Núñez. Agora só agardamos que a súa Comercial consiga puntuar moi pronto na Liga. E que, mentres non o faga, Nati desfrute do seu merecido agasallo.

Nuria Meijide fixo os dous goles do PM Friol no derbi ante a Milagrosa

resultados da xornada

PM Friol 1-2 Torrelodones

CD Lugo 7-0 Narón O Freixo

Victoria CF B 4-0 Antas



Milagrosa 0-2 PM Friol B

Carballedo 3-0 Monte Forte

San Roque 8-2 Bandeira

Chantada 6-0 EF Silleda

Cruces 1-3 San Lázaro

Arzúa 7-1 Comercial

A dimisión de Santi Vieitez non frea ao líder no derbi

Máxicos Luca’s Grill. Xornada 12

A dimisión de Santi Vieitez non frea ao líder no derbi

Unha fixache de renome e movementos anticipados

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *