A Axenda: o Racing xoga dous partidos na Magdalena

Esta finde a hora permitida para recollerse aumenta. Así que pode ser unha razón de peso para desprazarse pola provincia e ver fútbol. Sempre cumprindo coa normativa vixente e coas peticións que fagan dende os distintos campos. Actualmente, está autorizada a mobilidade por todos os concellos da provincia de Lugo.

As coincidencias fan que tanto o PM Friol na Reto Iberdrola como os tres equipos lucenses da Terceira xoguen na casa. #OPartidoFisioterapiaRonda situámolo esta semana no duelo directo que ten o Viveiro en Cantarrana. A previa completa aquí. O encontro da Primeira Galega do CD Lugo na Cheda e o da Segunda Galega no Rodríguez Lago da Comercial serán a porta pechada. Pero hai máis fútbol na provincia:

Reto Iberdrola:

PM Friol – Espanyol B (sábado ás 18h na Reigosa): O Friol precisa a vitoria na pelexa pola salvación. Vén de dous partidos aprazados e de perder ante o Collerense (último clasificado). O positivo é que a salvación segue estando a dous puntos con dous partidos menos. Quédanlle vinte e catro puntos en xogo.

O negativo é que os conxuntos que estaban practicamente descartados ao inicio da 2ª fase, metéronse de cheo na loita pola permanencia. Un exemplo é o filial do Espanyol B. O cadro catalán chega igualado a puntos ca o friolés. Suma dúas vitorias consecutivas.

Terceira Galega:

Racing Villalbés – Estradense (sábado ás 18h na Magdalena): partido de altura na pelexa por meterse no play off de acceso á Segunda RFEF. O Racing lidera o grupo con corenta puntos e un partido menos. Buscará recuperar a mellor versión logo da derrota ante o Choco.

Non poderá contar con Vérez que cumple ciclo de amonestación. Tampouco se poderá sentar no banco Simón Lamas. O adestrador foi sancionado cun partido logo de ser expulsado en Santa Mariña. En cambio, recupera a Buyo. O lateral esquerdo levaba varias xornadas sen poder entrar na convocatoria por mor dunha lesión.

A tres puntos sitúase o cadro da Estrada. Suma dous triunfos nesta 2ª fase. Pablo Porrúa será baixa por sanción. Xunto co Choco, teñen a intención de tentar desestabilizar a posición do Racing. Á espera tamén de como responde o Rápido de Bouzas nos dous encontros suspendidos, pode haber catro equipos pelexando por dúas prazas.

Cando remate o xogo no campo, o Racing inicia outro partido. Posteriormente ao encontro, o club ten programado unha nova Asemblea Xeral Extraordinaria dirixida aos socios da entidade. Na reunión a xunta directiva informará do resultado das consultas establecidas coas institucións ante a non continuidade dos dirixentes actuais.

Polvorín – Alondras (domingo ás 18h no Anxo Carro): O filial do CD Lugo tentará aproveitar as súas opcións de poder entrar entre os dous primeiros. Ao perder no Carballiño, quedou a seis puntos do Bergantiños. Dáse a circunstancia que os dous equipos da cabeza (Arenteiro e Bergan) xogan entre eles este domingo. Antón Escobar e Marcos González son baixa no Polvorín. Cumpren ciclo de amonestacións.

Unha vitoria do Polvorín achegaría si ou si aos pupilos de Álex Ortiz ás posicións de privilexio. O Alondras chega a Cheda case sen opcións de acceder directamente á Segunda RFEF. Buscará a mellor posición posible dentro do grupo. Vén en forma porque foi quen de derrotar na anterior xornada ao Somozas.

Ao encontro poderán asistir socios do CD Lugo.

Preferente:

Santaballés – Foz (domingo ás 17:30h na Liga): xogan os dous últimos clasificados do Subgrupo C da Preferente Norte. O Santaballés vén de dala talla ante a Sarriana e dunha vitoria de prestixio no Pepe Barrera.

Pola contra, o Foz chega logo de caer no derbi mariñán. O colectivo focense só foi quen de empatar na segunda xornada ante a Residencia. Javi Chinchón non se poderá sentar no banco da Liga. Foi sancionado cun partido. Tamén o seu axudante Israel Cruz.

Ribadeo – Residencia (domingo ás 17:30h no Pepe Barrera): os dous chegan despois de cadanseu triunfo importante. O Ribadeo vén de gañarlle ao Foz e busca a primeira vitoria na casa. A Residencia xa demostrou do que é capaz ao derrotar ao Lemos. Unha vitoria do cadro capitalino, podería colocalos na zona de privilexio.

Lemos – Sarriana (domingo ás 18h na Pinguela): O duelo estelar nestes momentos do subgrupo. Á certa rivalidade por mor da proximidade, engádeselle que os dous conxuntos tamén están moi preto na clasificación. A Sarriana lidera, pero só cun punto de marxe ante o Lemos.

Precisamente o Lemos perdeu o liderado ao caer na Cheda. As consecuencias foron maiores. Pablo Losada e Manu Rodríguez son baixa por sanción. Pola súa banda, a Sarriana quere dar un golpe na mesa. Gaña, pero só nun partido fíxoo por máis dun gol.

Ao encontro poderán asistir só socios do Lemos.

Primeira Galega

Antas – Villestro (domingo ás 17h no Castro Seoane): Partido que lembra ao ano do ascenso. Na tempada 2017/2018 o Antas e o Villestro dominaran un dos grupos da Segunda Galega. O cadro da Ulloa ascendeu directamente e o de Santiago na fase de ascenso.

Agora xogan o cuarto partido deste ano diferente. O Antas chega nun bo momento logo de dúas vitorias consecutivas. A primeiro con dobrete de Nuria Louzao. A segunda con dobrete de Rebeca Quiñoy. Pola súa banda, o Villestro é o equipo máis destacado do Subgrupo B. Gañou os tres partidos xogados. O aforo do Castro Seoane está limitado ao 30%. O club pon a disposición un número de whatsapp para a reserva de entrada por orde de solicitude: 697 113 870.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario