O refrán di que un non é de onde nace, senón de onde pace. Aínda que non sempre é certo, cando menos onde se pace queda un recordo especial. E en Vilalba paceu os últimos catro anos Óscar Gilsanz (Betanzos, 1973) facéndolle honra ós enxeñeiros de camiños e enlazando na súa ruta case diaria a A-6 coa A-8. Despois de catro anos sendo o adestrador do Racing Vilalbés, Gilsanz deixa o cadro chairego no mellor momento da súa historia. Recén rematada a fase de ascenso á Segunda B o preparador quere un cambio de aire no equipo para que se siga mantendo a esencia das últimas temporadas. Dende a súa chegada, ano a ano, o conxunto foi mellorando o seu rendemento ata colocar o Rácing nun lugar no que nunca estivera.
FUTBOLINLUGO: Porque decides deixar o Vilalbés?
ÓSCAR GILSANZ: Creo que é o momento de cambiar cousas para que nada cambie, para seguir obtendo bos resultados. Ao estar xa moito tempo nun equipo con éxito podemos caer nunha autocomplacencia mutua que perxudicaría o rendemento. É o momento oportuno esperando a que os resultados do equipo non cambien. Debe vir alguén cunha ilusión diferente.
FIL: Houbo moito desgaste ao longo destas catro temporadas?
OG: Sempre hai cando estás tomando decisións continuamente, exprimindo o rendemento dos xogadores,…Esta temporada a convivencia diaria foi espectacular, pero si que na toma de decisións e á hora de exprimir aos xogadores; hai un desgaste importante.
FIL: Cando decides deixalo?
OG: As decisións tómanse cando chega o momento xusto. Se cando remata o partido de Buñol tivera que dicir algo xa; tiña a decisión tomada. Démonos uns días para asentar un pouco o pensamento e, a partir de aí, a decisión foi a mesma.
«A reacción da xente ao final do partido de Pulpí é unha das imaxes que me levarei para sempre»
FIL: Como valoras a túa estancia no club durante estas campañas?
OG: No aspecto deportivo cada ano fumos a máis polo esforzo dos futbolistas para adecuarse a unha competitividade extrema nos partidos e adestrar dunha maneira que nos fixese chegar preparados ao domingo. No ámbito perosal estes catro anos foron inmellorables. Cheguei a un club cunha organización moi boa e cunha presenza social no pobo moi importante. Atopeime con xente que me fixo coñecer e querer o club dende o principio. Lévome moitos amigos, moita xente a que valoro fóra do fútbol. Desde o presidente ata o coordinador Simón, pasando por todos os adestradores da base cos que vivín moitas experiencias e amosaron unha demostración de racinguismo case cada semana. O meu corpo técnico tamén foi un apoio fundamental, xunto con toda as persoas que traballan e colaboran co club. A reacción da xente ao final do partido de Pulpí é unha das imaxes que me levarei para sempre. Con bágoas nos ollos, facéndonos ver o que acababamos de facerlles desfrutar.
«Contra un rival superior o equipo fixo un esforzo tremendo por igualalos»
FIL: Unha vez na fase, pensabas que se podería conseguir o ascenso á Segunda B?
OG: A filosofía desde que empezamos a ter bos resultados foi sempre partido a partido e que os resultados chegaban por competir cada domingo. Dese xeito, afrontamos a fase de ascenso: competir coa nosa maneira de xogar. A primeira eliminatoria foi de extrema igualdade con dous equipos moi similares. Na segunda, contra un rival superior, o equipo fixo un esfrozo tremendo por igualalos e, incluso, superalos no encontro de ida e chegar con vida ata o último minuto da volta.
FIL: O equipo non acadou o ascenso, pero cres que hai xogadores capaces de estar nunha categoría máis alta?
OG: Si, cando un equipo fai as temporadas que nós fixemos é porque os seus xogadores teñen un nivel moi alto. Creo que hai máis futbolistas que son capaces de xogar en categorías superiores e que o farán.
FIL: Un deles é o caso de Diego Villares que fichou polo Fabril…
OG: Si, é un xogador que ten unha cualidade moi importante: cada ano sempre vai mellorando a súa versión anterior. Creo que iso vai facer que chegue a onde se propoña. É capaz de afacerse a varias funcións dentro do campo. Sabemos que é un futbolista de xogar por dentro e, cando eu cheguei, adaptouse na nosa maneira de xogar a facelo por fóra e ser un xogador que desde fóra viñese para dentro. Considero que vai ter moito percorrido no fútbol profesional.
FIL: Que algúns rapaces da canteira subiran ao primeiro equipo, é outra das recompensas que te levas?
OG: Disfrutei eu máis cos éxitos da canteira, do que eu lle aportei ao equipo. Un adestrador do primeiro equipo o que ten que facer é poñer ós xogadores segundo o seu rendemento. Cando chego aquí, Simón faime un informe dos futbolistas de máis proxección para poder chegar nun medio prazo ao primeiro equipo. Desos cinco ou seis futbolistas que comezaron a temporada con nós, algúns sendo primeiro ano de xuvenil, coido que cinco estaban no cadro que estaba esta temporada. Quero dicir que o traballo sempre é dos que están na base e non do técnico do primeiro equipo.
«Probablemente, Pablo sexa o futbolista máis intelixente que eu coñezo»
FIL: Un que xa hai anos que pasou pola canteira é Pablo Vivero , como valoras o seu rol no equipo?
OG: Pablo ocupa o posto máis alto de futbolistas da historia do Rácing polas súas temporadas en cantidade e en calidade. Dentro do campo aporta moitísimas cousas ó equipo. Este ano tivo menos minutos, pero o pasado fixo unha campaña espectacular. A súa aportación fóra do campo como exemplo da ilusión que transmite día a día é inigualable. Creo que todos os xogadores non teñen máis ca boas palabras cara el pola ilusión que lles transmite. Probablemente sexa o futbolista máis intelixente que eu coñezo.
«No fútbol non se ten unha razón de maneira absoluta»
FIL: E por onde pasa o teu futuro como adestrador?
OG: Agora descansar e desfrutar algo máis da familia. O futuro dos adestradores non depende só de nós, tamén das chamadas que un teña. Se eu puidese escoller agora querería descansar, pero as chamadas que un teña ninguén lle garantiza que as vaia ter dentro dun ano. Repito que non deixo o Racing por intentar ir a ningún lado. Ademais parece que os adestradores cando gañamos temos razón no que facemos ou decimos e iso non é certo. No fútbol non se ten unha razón de maneira absoluta. Convén moitas veces pararse a ver desde fóra a maneira de traballar doutra xente que, ó mellor, ese ano non gañou, pero a súa maneira de velas cousas é tan boa como a túa ou mellor.
FIL: Marchase Óscar sendo un pouco de Vilalba?
OG: Son moito máis de Vilalba e serei sempre do Rácing. Esta xente que o forma para min vai quedar sempre marcada. Un sitio diferente ao que voltarei a miúdo, para sentir o cariño que me deu toda a xente de Vilalba.