#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os +3 de Piringalla e Corgo e outra exhibición goleadora de Portu

A 11.ª xornada da Segunda Futgal deixou, entre varios aspectos, as vitorias de Piringalla e Corgo na parte baixa do grupo sur. Ambos equipos saíron esta semana dos postos de descenso directo. Miguel Seoane, a quen corresponde a foto de portada, asinou un dobrete para a Piringalla, ao igual que o seu compañeiro Manucho.

Con todo, non están aínda na zona de confort, que neste grupo se marcaría ao redor da 9.ª praza, ocupada polo Ferreira con 14 puntos.

O Antas regresou catro xornadas despois ao liderado tras imporse ao Friol nun duelo da zona alta e aproveitar o empate da Sarriana B. Catro equipos en dous puntos nas primeiras posicións da táboa.

Na zona norte, os cinco primeiros clasificados venceron, polo que o Pastoricense continúa no máis alto. O Alfoz é o equipo máis en forma da Segunda lucense tendo en conta os últimos cinco resultados.

Produciuse xa un corte de seis puntos na clasificación do norte. Entre o Castro (5.º) e o Xove Lago (6.º) hai seis puntos de diferenza. A falta de catro xornadas para que remate a primeira volta, a competición irá dicindo se esta marxe se prolonga no tempo. Contamos os detalles en #ONoso11AChaira.

Con máis puntos: Pastoricense (28 puntos)
Máis goleador: Antas (30 goles)
Menos goleado: Paradela (8 goles)
Mellor local: Pastoricense e Antas (16 puntos)
Mellor visitante: Alfoz (15 puntos)
Os que máis gañan: Pastoricense e Alfoz (9 vitorias)
O que máis empata: San Lázaro (5 empates)
Os que menos perden: Pastoricense e Paradela (1 derrota)
Máximo goleador: Portu do Antas(9 goles)
Porteiro menos batido: Ivo Lamas do Goiriz (5 goles)


*Nota: Datos elaborados a partir dos rexistros facilitados pola Real Federación Galega de Fútbol

O Pastoricense recuperouse da primeira derrota

O club do Acebreiro derrotou por 3-2 a un combativo Catro Roldas e segue de líder. Sumou a novena vitoria do curso e alcanza os 28 puntos. A distancia cos máis inmediatos perseguidores non varía porque todos gañaron: un de marxe co Alfoz, tres co Guitiriz, cinco co Iberia e seis co Castro. 

Pola súa parte, o Catro Roldas segue na primeira posición do descenso directo con nove puntos. A maioría dos rivais máis próximos non puntuaron, polo que se mantén a un punto de saír da zona vermella. Con todo, o sitio de confort, é dicir, o 9.º/10.º posto quedan a cinco e catro puntos. 

Non llo puxo fácil o conxunto de Román o líder. David Fernández, a última incorporación do Catro Roldas volveu marcar. Adiantou aos visitantes, pero a reacción local foi inmediata. Dani García conseguiu o empate.

No segundo tempo, Iker puxo por diante aos pupilos preparados por Isaac Rouco. Porén, Gonzalo Besteiro volveu igualar o marcador. Xa no último tramo do encontro, Juan Vidal anotou o definitivo 3-2.

O Catro Roldas recuperou a Carmelo para a portería. O gardamallas volveu á titularidade despois de varias xornadas nas que o capitán e defensa Esteban Carracedo tivo que asumir as funcións baixo paus.

O Alfoz venceu no Partido da Xornada

O derbi mariñán entre o Xove e o Alfoz foi considerado #OPartidoDaXornada para Futbolinlugo, a sección que todos os sábados protagoniza a previa deste medio dixital. Foi o cadro alfocense o que gañou 1-2, vitoria que lle permite seguir a un punto do Pastoricense e sumar a novena da campaña. 

Prosigue a boa xeira do Alfoz con cinco triunfos seguidos e detense a do Xove Lago, que precisamente chegaba á cita con esa dinámica vitoriosa. Mantense na 6.ª praza, pero cun pequeno corte na clasificación, xa que o 5.º posto queda a seis puntos. 

O encontro estivo marcado polo ritmo e a intensidade. O conxunto xovense procurou contrarrestar o ataque posicional do Alfoz cun bo traballo defensivo e buscar as súas oportunidades nas transicións.

Os visitantes golpearon en dous momentos importantes do encontro. Víctor Pérez adiantou aos seus xusto antes do descanso e, nada máis regresar dos vestiarios, Manu Martínez ampliou a vantaxe.

O atacante, incorporado hai unhas semanas procedente do Burela, estreouse como goleador coa camisola do Alfoz. O curso pasado anotara 17 tantos coa Candelaria.

Con todo, a reacción local foi inmediata. Cobo recurtou distancias e devolveu a emoción ao encontro. O Xove Lago non lle perdeu a cara ao partido e intentou buscar o empate ata o final. 

O Guitiriz non lle deu opcións ao Cabreiros

Os pupilos preparados por Jose Lorenzo venceron e convenceron no Suso Cruz ao superar ao Cabreiros (3-0). Oitava vitoria da tempada para seguir na 3.ª posición a dous do posto de promoción e a tres do líder. 

Mentres tanto, o Cabreiros pasou a última praza da clasificación con sete puntos. Leva catro derrotas seguidas e a próxima fin de semana vivirá un derbi a cara de can co Xermade. Ambos ocupan as dúas últimas prazas e están igualados a puntos (domingo ás 16:15 na Acea). 

Os tres goles chegaron no segundo tempo. Sergio Campello abriu o marcador, Adrián Santamariña ampliou a vantaxe e novamente Campello atopou o camiño do gol para establecer o definitivo 3-0 e completar o seu dobrete.

O Iberia sentenciou no primeiro tempo

Os xogadores adestrados por Roberto Ramallal impuxéronse a un Goiriz (4-1), que viña de derrotar ao líder. Os tres puntos permítenlle ao Iberia continuar na parte alta da táboa con 23 puntos, a catro da promoción e a seis do primeiro posto. 

Pola súa parte, o Goiriz queda na zona media da clasificación con 15 puntos. O segundo posto sitúase a 12 puntos, mentres que a distancia co descenso directo é de 6. 

Jaime Cereijido abriu o marcador, Marcos Pernas anotou o segundo e Fabio ampliou a vantaxe. O propio Pernas marcou o cuarto tanto local antes do descanso. O central asinou deste xeito un dobrete.

No segundo tempo, Nico Santomé recurtou distancias para o conxunto vilalbés. O futbolista suma seis goles no que vai de liga, tres deles nas últimas dúas xornadas.

O Castro tira de eficacia para vencer en Mondoñedo

Os xogadores preparados por Adri Vázquez continúan incrementando a súa capacidade para puntuar e mantéñense na parte alta. Sumaron a súa sétima vitoria ao vencer ao Mondoñedo (1-2). Quedan na 5.ª praza, a seis puntos do líder Pastoricense, o seu vindeiro rival. 

Pola súa parte, o Mondoñedo volve quedar cerca dos puntos, pero enlaza o seu terceiro partido seguido perdendo pola mínima. É 11.° con 11 puntos, dous por riba do descenso directo. 

O encontro comezou cun ritmo elevado imposto polos visitantes, ao que o Mondoñedo soubo responder. Nunha xogada combinada, Javi Álvarez adiantou aos locais, que tamén dispuxeron de oportunidades para ampliar a vantaxe.

Porén, Nico Edrosa conseguiu igualar pouco despois. Os mindonienses reclamaron unha falta previa sobre un dos seus defensas na acción do gol visitante.

Co 1-1 chegouse ao descanso. Na segunda metade foi o Castro quen atopou o gol por medio de Balado. O Mondoñedo procurou o empate, pero a falta de acerto impediulles rescatar algún punto.

Empate con diferente sabor no Municipal

O Xermade e a Candelaria igualaron a un gol. O punto deixa ao cadro da Rúa con catro partidos sen gañar, pero na zona media da táboa con 15 puntos. Sete menos ten o Xermade, penúltimo na clasificación. Porén, o punto serviulle para saír do último posto e chegar por riba ao derbi co Cabreiros (domingo ás 16:15 na Acea). Iso si, ambos presentaranse con sete puntos e con necesidade de gañar. 

Hossu adiantou ao conxunto xermadés ao redor do minuto vinte. Os locais puideron ampliar a vantaxe en varias ocasións, algunha delas a portería baleira. Con todo, a Candelaria, que afrontou novamente o encontro con numerosas baixas, conseguiu igualar por medio de Seido pasada a media hora de xogo.

A segunda metade foi máis disputada. O Xermade apertou na procura do segundo tanto, mentres que os visitantes trataron de aproveitar os espazos ao contragolpe. Finalmente, ningún dos dous equipos conseguiu desfacer a igualdade.

O Celta Barreiros detivo a mala xeira

Cinco encontros sen gañar acumulaba o equipo do Cascabeiro. Cortou a dinámica gañándolle ao Riotorto (1-4). Os tres puntos permítenlle ser noveno con 14, catro máis que o seu rival. O cadro riotortense queda cun punto de marxe sobre o descenso directo. 

Os visitantes levaron a iniciativa durante a primeira metade, na que dispuxeron de varias oportunidades por medio de Rocky, Thinga, Ayoub e Montoya. Finalmente, foron as accións a balón parado as que lle permitiron chegar ao descanso cunha vantaxe de dous goles, asinados por Toni e Rocky.

O Riotorto, na estrea de Paco García na Veiga como adestrador, procurou facer dano mediante o xogo directo, aínda que non conseguiu bater a René no primeiro tempo.

No segundo acto, os locais adiantaron as súas liñas e conseguiron recurtar distancias por medio de Raúl Ramos, cun disparo desde uns 25 metros que sorprendeu ao gardamallas visitante, algo adiantado.

Posteriormente, o encontro quedou condicionado pola expulsión dun futbolista local tras derrubar a Rocky cando este lle gañara a posición. O Celta Barreiros reclamou que a infracción se producira dentro da área, pero o colexiado sinalou falta fóra dela.

En superioridade numérica, os visitantes ampliaron a vantaxe no tramo final. Mateo anotou o terceiro tras unha incursión ata a liña de fondo e un remate polo primeiro pau. Pita estableceu o definitivo 1-4 cun disparo desde fóra da área axustado á base do poste contrario.

O Meira colle impulso con nove puntos dos últimos doce

Tres triunfos nos últimos catro partidos sitúan ao Meira na 10.ª praza con 13 puntos. Aínda que as pantasmas do descenso non están afastadas, estes nove puntos colócano nunha boa posición para seguir medrando. Os últimos tres logrounos ante un rival directo como o Abadín (1-2). O cadro meirego conta con tres puntos máis que o seu rival, que polo momento segue fóra dos postos vermellos da táboa cun só punto de marxe.

A primeira metade estivo controlada polos locais, que se adiantaron mediado o primeiro tempo cun remate picado de Noé Iglesias. Foi a reestrea de Suso Goás no banco do Municipal.

O encontro cambiou nada máis regresar dos vestiarios. Marcos Salgado igualou o marcador cun lanzamento de falta lateral que non chegou a tocar ningún futbolista e que, tras botar na área pequena, acabou entrando pegado ao segundo pau.

O empate revolucionou o partido e o Meira amosouse máis acertado. Mediado o segundo tempo, Rubén Seixosmil culminou unha acción pola dereita cun remate cruzado pegado ao segundo pau para establecer o 1-2.

O Abadín dispuxo de oportunidades para rescatar un punto, pero a falta de acerto e o traveseiro, que repeliu dous remates locais, impediron que o marcador volvese moverse.

Portu asinou un novo póker e o Antas volveu o liderado

Catro xornadas despois o Antas ocupou de novo o primeiro posto da clasificación. Aproveitou o empate da Sarriana B e a súa vitoria ante un actual rival directo como é o Friol (5-1). Con todo, a zona nobre da táboa segue moi apertada. O Antas é lider con 23 puntos, un máis que a Sarriana B (ten un partido menos) e o Paradela, dous máis que o Friol, catro máis que o San Roque e cinco máis que o Monterroso B e o Palas.

Un dos grandes protagonistas do encontro foi novamente Portu. O dianteiro, que o curso pasado anotou 29 goles, asinou catro tantos e xa leva doce no que vai de campionato.

Na primeira metade, Portu marcou un dobrete e Brandon tamén atopou o camiño do gol. Os locais chegaron ao descanso cun contundente 3-0.

Os visitantes conseguiron levar a iniciativa mediante o xogo combinativo durante varias fases do primeiro tempo e dispuxeron de dúas ocasións claras. Porén, o Antas aproveitou as transicións ofensivas e os erros do seu rival para adquirir unha ampla vantaxe. Un dos tantos chegou de penalti.

No minuto 55, Portu completou o seu triplete e estableceu o 4-0. Adrián García recurtou distancias para o Friol, que mesmo dispuxo dunha oportunidade para conseguir o 4-2.

Con todo, Portu volveu atopar o camiño do gol nunha acción a balón parado para asinar o seu cuarto tanto particular e o definitivo 5-1.

O Antas, que xa era o equipo máis goleador da Segunda Futgal lucense, alcanza os 30 tantos en once xornadas. Pola súa parte, o Friol encadea tres encontros sen gañar, tras os empates ante o Paradela e a Piringalla.

O xuvenil Sergio rescatou un punto para a Sarriana B no Poste

O filial da Sarriana igualou co Rubián (2-2) nos intres finais do encontro. Queda na segunda posición, á que dá acceso a xogar a fase de ascenso, e ten un partido pendente de xogar co Chantada B o 5 de decembro.

Pola súa parte, o Rubián puntou, logo de catro xornadas sen facelo. Porén, caeu igualmente a zona vermella da táboa. Iso si, empatado a 10 puntos coa Piringalla e co Corgo.

Os catro goles chegaron no segundo tempo. Cholas adiantou aos visitantes, pero Armesto restableceu a igualdade. Posteriormente, Santi López estreouse como goleador coa camisola do Rubián e deulle a volta ao marcador.

Cando os locais xa acariciaban a vitoria, o xuvenil Sergio conseguiu o definitivo 2-2 no tempo extra.

O Paradela volveu gañar e queda a un punto do líder

O cadro do Gandarón venceu 2-0 ao San Lázaro para facer bos os tres empates colleitados nas tres semanas anteriores. Suma 22 puntos e mantense na parte alta. Pola súa parte, o cadro orixinario da Ponte fica na zona media da táboa con 14 puntos, igualado co Ferreira e co Santa Comba.

A primeira metade estivo marcada pola igualdade, aínda que os locais protagonizaron máis achegamentos de perigo á portería contraria.

Os goles chegaron no segundo tempo. Carba abriu o marcador tras unha perda de balón do San Lázaro en tres cuartos de campo e unha boa transición ofensiva do Paradela.

O tanto provocou a reacción dos visitantes, que atravesaron os seus mellores momentos de xogo, pero non conseguiron traducilos en goles. Andrés sentenciou o encontro cunha gran acción individual no pico da área, culminada cun disparo axustado á escuadra esquerda.

Jul impuxo a súa efectividade no intercambio de goles entre Santa Comba e San Roque

Sexta vitoria da campaña do San Roque que quere seguir achegándose aos postos da riba. Derrotou 2-3 ao Santa Comba e sitúase 5.º, a catro puntos do líder. Precisamente, provocou un pequeno corte na clasificación co seu rival, ao que supera agora en cinco puntos.

Os cinco goles concentráronse na primeira hora de xogo. Álex adiantou aos locais, pero apenas dous minutos despois Iván Jul conseguiu o empate. A resposta do Santa Comba foi aínda máis rápida, xa que Álex volveu marcar ao minuto para establecer o 2-1.

Algo máis de dez minutos despois, o San Roque deulle a volta ao marcador en apenas dous minutos. Diego Alvariño conseguiu o empate e novamente Jul atopou o camiño do gol para completar o seu dobrete e establecer o definitivo 2-3.

Once goles e suspense ata o final no Monterroso B – Portomarín

Foi o encontro goleador da xornada. O Monterroso B derrotou 6-5 ao Portomarín, aínda que dispuxo de vantaxe máis amplas ao longo do encontro. O triunfo dálle o cadro da Ulloa a opción de seguir preto da cabeza con 18 puntos, a cinco do líder. Mentres tanto, o Portomarín remou agora que o Miño xa volve levar auga, pero quedou as beiras de puntuar. Segue con 8 puntos, na penúltima posición, pero a dous de salvarse do descenso directo.

Á media hora de xogo, os locais xa gañaban por 4-0 grazas aos tantos de Joselu, Efrén, Javi Criado e Balbino. O Monterroso B amosouse moi superior durante os primeiros trinta minutos, aínda que Breixo conseguiu recurtar distancias antes do descanso.

Nada máis regresar dos vestiarios, David Álvarez anotou o segundo visitante, ao que respondeu axiña Javi Criado co seu segundo tanto particular. Antes do minuto setenta, Facu estableceu o 5-3 e, acto seguido, David Mosquera marcou o sexto dos locais.

Lonxe de renderse, o Portomarín mantívose vivo no encontro. Na recta final, os goles de Juanillo e do monterrosino Adri deixaron aos visitantes ás portas de igualar o marcador.

Empate que impide escalar

O Palas e o Ferreita tiñan unha boa oportunidade para seguir escalando postos na clasificación. Empataron a un gol, punto que lle cae mellor aos locais, que seguen enganchados a zona alta con 18 puntos. Pola súa parte, o Ferreira fáltalle unha miga máis de regularidade nos resultados para estar tamén nos postos cabeceiros da clasificación. Fican agora con 14 puntos na metade da táboa.

Totó adiantou ao Ferreira na primeira metade, pero Porto conseguiu restablecer a igualdade no segundo tempo. O marcador xa non volvería moverse.

O Corgo colleu aire ante un rival directo



Segunda vitoria do Corgo que non gañaba dende a xornada inaugural. Derrotou ao Incio (3-1), rival directo na loita pola salvación. Sae do descenso con 10 puntos, mentres que o conxunto amarelo pecha a clasificación con 7.

O Corgo levou a iniciativa desde o comezo e acumulou numerosas oportunidades para adiantarse. Ethan e Rubi dispuxeron de ocasións claras, mentres que outro remate local acabou no traveseiro. Finalmente, Brais López abriu o marcador cun lanzamento de falta antes do descanso.

Na segunda metade mantívose a dinámica do encontro. Ethan dispuxo de varios man a man nos que o gardamallas visitante Edu evitou o gol. Rubi conseguiu ampliar a vantaxe, pero o Incio recurtou distancias por medio de Javi López, que transformou un penalti cuxa sinalización cuestionaron os locais.

A tranquilidade para o Corgo chegou co terceiro tanto, obra de Ethan, que atopou o camiño do gol nunha das súas accións máis complicadas despois de desperdiciar varias oportunidades claras.

Miguel Seoane e Manucho confirman a melloría da Piringalla

Terceira semana seguida da Piringalla puntuando. O equipo laranxa sumou sete dos últimos nove puntos en xogo. Tras puntuar ante equipos da zona alta, derrotou ao Chantada B (4-0), un dos rivais directos agora mesmo por lograr a salvación. Saen do descenso, aínda que seguen igualados con esa zona. O filial chantadés ten dous puntos máis.

Os pupilos preparados por Jony Lombardía saíron moi enchufados ao encontro e chegaron ao descanso cunha vantaxe de dous goles, asinados por Miguel Seoane e Manucho.

No segundo tempo, ambos os futbolistas volveron atopar o camiño do gol. Primeiro Manucho e despois Miguel Seoane completaron cadanseu dobrete para establecer o definitivo 4-0.

A Piringalla alcanza os dez puntos, logo de sumar unicamente tres nas primeiras oito xornadas. Venceu ao Antas, empatou no campo do Friol e superou ao Chantada B. Desde o club destacan a melloría amosada nos últimos encontros como froito do traballo semanal.

Os +3 de Piringalla e Corgo e outra exhibición goleadora de Portu

Os +3 de Piringalla e Corgo e