O Xove Lago e o Alfoz mídense este domingo ás 16.30 horas no Municipal de Xove nun encontro que mide ás dúas mellores xeiras da Segunda Futgal Norte. O encontro mide a dous bloques que, na súa esencia, son moi diferentes. Despois do descenso, a recomposición do cadro local fixo que catorce novos futbolistas chegaran ás súas filas. Polo outro lado, o Alfoz foi quen de manter á maior parte do seu bloque despois dun ano moi positivo.
As cousas no Xove Lago que dirixe Piru pódese resumir en que viron as dúas caras da moeda. Nas cinco primeiras xornadas, só sumaron un punto, mentres que nas cinco seguinte, firmaron os quince. O líder está en Cobo, que na súa terceira tempada xa acumula tres goles. Por detrás na táboa de realizadores, ten a dous rapaces do 2007 que xa suman tres. É o caso de Xopi e Piche, sendo este último defensor.
O Alfoz está segundo a só un punto do Pastoricense despois de manter un gran número de xogadores da tempada pasada. Despois de quedar na cuartos na pasada campaña, este ano queren soñar ao grande. O principal perigo deste equipo chega na figura de Iván, que está metido na guerra por ser o máximo goleador do grupo. Xa leva sete tantos e é a referencia na ofensiva.
OS PROTAGONISTAS
Piru, adestrador do Xove Lago

Inicio de tempada para o Xove Lago: Foi un pouco irregular, a verdade é que non esperabamos comenzar sumando un só punto nas primeiras cinco xornadas. Era un proceso que tiñamos que pasar porque temos catorce reforzos. Sabíamos que ía ser un proceso duro e levounos tempo a que todos coñecese a idea de xogo. Entramos na boa xeira, pero tiñamos moita tranquilidade porque o traballo semanal estaba aí e os resultados ían chegar
Equipo máis en form da competición: Dámoslle a importancia xusta a esta xeira de vitorias. Estamos conxuntando un equipo que ten unha media de idade moi baixa que pagou esa inexperiencia no comezo. Os quince puntos ímolo deixar en algo anecdótico porque, cando perdíamos, tamén había un gran traballo. Somos conscientes de que pode que se corte, pero estamos preparados para cando veñan mal dadas.
Chave do encontro ante o Alfoz: Sendo honestos, é un partido que nos vai marcar se estamos para loitar arriba. O obxectivo non é outro que chegar con opcións aos últimos dous meses de competición, algo que parece obrigado por nome. Este partido pode ser un punto de inflexión para engancharnos arriba. Afrontamos o encontro como unha semana máis, pero é unha pedra de toque moi boa, o Alfoz é o equipo máis unido da categoría.

Jacobo, presidente e xogador do Alfoz

Inicio de campaña: Comezamos con moi boa dinámica. Foi unha tempada na que optamos por darlle moita continuidade ao bloque do ano pasado. Con esa estrutura e algunha fichaxe, comezamos a ir máis rodados. Tivemos dúas derrotas seguidas, pero conseguimos retomar a xeira.
Obxectivo do ascenso: Realmente, o obxectivo ano a ano é mellorar. O ano pasado xa estivemos na parte alta táboa e si que é verdade que estamos máis despegados. Queremos estar arriba sen renunciar a nada, pero non nos marcamos ningunha meta para o final da campaña.
A chave ante o Xove Lago: Somos dous equipos en moi boa dinámica. Este ano, temos a sorte de ser moitos da Mariña, porque hai un extra de motivación e conocémonos máis. Os nosos veciños de Xove van ser moi duros. Son novos e moi dinámicos en ataque, a súa principal virtude.
A ANÉCDOTA
Será a primeira vez desde o ano 2022 na que ambos equipos se enfrontan en encontro oficial. Nesa tempada, dous remataron en empate e dous en vitoria do Xove Lago. Despois de tantos anos volven un encontro que todas as afeccións queren ver, unha situación que se repite moito no fútbol mariñán e, concretamente, nesta categoría.
A AXENDA
Terceira RFEF
Sarriana-Silva (sábado ás 17.00 horas na Ribela): A situación na Ribela cambiou de forma radical en só unhas horas. O clube oficializou a marcha de Alberto Mariano e o regreso de Jaime Paz ao banco. Unha proposta que ben coñece a afección e que terá a súa primeira proba da campaña esta fin de semana ante o Silva, unha das revelacións do inicio de curso da Terceira.
Preferente Futgal
Pol-Negreira (domingo ás 12:00 horas no Municipal): Sen lugar a dúbidas, este era un dos encontros cos que soñaba a afección do Pol nos últimos anos. O Negreira é un dos grandes favoritos da tempada, pero os de Labrada tamén o son. Unha proba importante para un equipo que quere seguir medrando e asentándose nos postos altos da clasificación.
Primeira Futgal
Residencia-Outeiro de Rei (domingo ás 17.00 horas na Cheda): Un dos grandes candidatos para conseguir o ascenso á Preferente vai ter que verse as caras ca gran revelación do que levamos de curso. Un encontro que vai poñer moitas cousas claras de cara ao que virá nos próximos meses.
Segunda Futgal
Antas-Friol (domingo ás 16.00 horas no Castro Seoane): Non para de haber encontros importantes no Grupo Sur, xa que o Antas e o Friol xóganse seguir nos postos altos na táboa. Terceiro e segundo miden o seu rendemento con moitos equipos atentos ao que poida acontecer.
Terceira Futgal
Comercial-O Páramo(domingo ás 16.00 horas no Municipal Rodríguez Lago 1): Os dous equipos están consolidándose nos primeiros postos da táboa, polo que queren continuar sumando de tres para achegarse ao Sober na loita polo ascenso de categoría.
Fútbol feminino
Comercial-Monte Forte (domingo ás 18.00 horas no Municipal Rodríguez Lago 2): Temos derbi lucense na Terceira e prevese dunha gran igualdade. Son séptimas e octavas respectivamente e queren vencer para ir subindo chanzos na táboa.

