Os Máxicos do Muelle competiron unha semana máis, a medida que se perfilan os obxectivos reais de cada conxunto na Primeira Futgal. O Ribadeo aproveitou o pinchazo do Racing Villalbés ‘B’ en Brollón para distanciarse na táboa. Na zona baixa, o Becerreá remontou diante do Guntín e acadou a súa primeira victoria.
O Lemos ‘B’ cae con rotundidade ante o Polígono (0-4). O primeiro gol dos ourensáns, sumado á pronta expulsión que sufriu o cadro lemista, sentaron como un xerro de auga fría a un filial que non foi quen de meterse no partido en ningún momento. Ás beiras do descanso chegou o 0-2 e, xa no segundo tempo, dous tantos máis do Polígono (0-4) para deixar aos da vila do Cabe en posicións de descenso.
O Ribadeo sae máis líder de Frigsa (0-3). Aínda que a Milagrosa protestou un penalti co 0-0 que podería ter cambiado o rumbo do encontro, os Máxicos celestes asinaron un partido moi serio. Castrín fixo o primeiro e Bruno duplicou a vantaxe á media hora de xogo. Desde ese intre, os mariñáns procuraron controlar o duelo ante unha Milagrosa que tirou de orgullo e competiu de ti a ti. A moral branquivermella foi minguando co paso dos minutos, mentres que o Ribadeo amosouse sólido sen balón e pechou o choque cando restaban 15′, cun gol de Martín.
A Residencia supera ao Outeiro e recupera as boas sensacións (3-1). Estiveron mellor os Máxicos locais na recta inicial e, cando melloraba o Outeiro, Alonso aproveitou un roubo para progresar pola banda e asistir a Javi Calderón, 1-0. A tónica mantívose ata os minutos inicias do segundo tempo, cando Borja duplicou a vantaxe á saída dun córner.
O cambio de sistema inmediato de Rubén Candal deu froitos: Revu anotou o 2-1 desde os once metros e tanto Dieguito como Kevin puideron facer o empate en sendos mans a mans que non transformaron. A calidade de Alesito voltou desnivelar o choque co 3-1 que se tornou definitivo na Cheda.

O Monterroso gaña en Cerdeiriños ao Lourenzá (1-0). Na primeira metade foron os vermellos quen levaron a voz cantante. O fútbol directo e vertical do Monterroso e as accións a balón parado pecharon ao Lourenzá no seu campo ata que chegou o gol de Iago Sobrado. A tónica mantívose ata o tempo de lecer e, xa na segunda metade, foron os mariñáns quen estiveron máis preto de anotar. Casanova estrelou un disparo no pau e dúas accións a balón parado puideron traducirse no empate. A falta de 15′, a expulsión de Toni deixou con dez homes a un Monterroso que tirou de veteranía para manter o resultado e os puntos na casa.

O Santaballés saca un gran punto de Melide (1-1). Os coruñeses levaron o peso da posesión, pero os Máxicos chairegos souberon defenderse e non pasaron apuros. Tan só un saque de esquina fisorou o entretecido defensivo visitante e o Cire logrou adiantarse antes do descanso.
Na segunda metade, as transicións do Santaballés foron un pesadelo para o cadro local, que viu como Xoán e Josiño erraban na definición en dúas claras ocasións. De novo o saque desde o curruncho traduciuse nun gol, neste caso o 1-1 de Cazás. Era o 79′. Na recta final, os de Cholas non sufriron en defensa e puideron anotar o segundo tanto nunha oportunidade de Cazás, pero finalmente os puntos se repartiron no feudo coruñés.
O Brollón sorprende ao Racing Villalbés ‘B’ (2-0). O estado do céspede dos Medos condicionou un choque que estivo protagonizado polo fútbol directo e as segundas accións. Pacho tivo a primeira para os Máxicos locais e Corbelle estrelou un balón no pau para os visitantes nunha primeira parte sen máis ocasións e con moita disputa.
No segundo tempo, unha falta frontal traduciuse no 1-0 de Guiti e, intres despois, un roubo local supuxo o 2-0 cunha gran definición de Diego. Co resultado a favor, o Brollón tirou de veteranía e sobriedade fronte a un Racing que, aínda que non baixou os brazos ata o final, non puido sacar nada positivo da Pobra.
Os Máxicos do Becerreá tiraron de épica para acadar a primeira victoria do curso
O Foz saca tres puntos importantes ante o Chantada Atlético (2-1). Foi un partido vistoso no Martínez Otero, con alternativas e ocasións para ambos conxuntos. Asier fixo o 1-0 nun rexeite tras un centro e o Chantada Atlético puido igualar nunha gran acción de César ou nun man a man de Jeison, mentres que os locais tamén dispuxeron dunha triple oportunidade na área.
Na segunda metade, de novo Asier aproveitou un centro lateral para duplicar a vantaxe mariñá e Diego puido ampliar a renda con varias ocasións consecutivas. Os Máxicos chantadinos, pola súa banda, recurtaron diferenzas cun disparo desde fóra da área e estiveron moi preto do empate con moito empuxe na recta final, pero quedaron sen premio, 2-1 a prol dos focenses.
O Escairón faise forte na casa ante o Taboada (2-1). Os Máxicos locais, aínda que chegaban con baixas, estiveron mellor ao comezo. Alex culminou unha boa xogada combinativa rematada cun centro para facer o 1-0 e, mediado o primeiro tempo, o Taboada empatou cun balón parado colgado desde lonxe e rematado por Pita. Ás beiras do descanso, de novo Álex anotou o 2-1 para acadar a súa merecida aparición nos Máxicos da semana e deixar por diante aos do Saviñao.
Na reanudación, o Taboada tivo maior presenza en campo rival e o Escairón tivo que defenderse para manter a renda. Martín, Cristian e Pita puideron anotar, pero os locais souberon ler o partido para manter o resultado e sacar tres importantes puntos na casa, 2-1.
O Oural dá un golpe sobre a mesa ao gañar en Folgueiro (2-4). Aínda que Hugo fixo o primeiro nada máis comezar o choque, os Máxicos sarriáns reaccionaron rápido e empataron antes do 6′ de xogo. Cayuela puxo o 1-2 mediado o primeiro tempo e Raúl ampliou a vantaxe para que o Oural chegase cunha renda de 1-3 ao tempo de lecer. A reacción mariñá chegou xusto ao comezo do segundo tempo, co 2-3 dun dos Máxicos da xornada, Hugo, pero os de Monarca souberon sufrir e Juan Carlos sentenciou co 2-4 que levou tres puntos de ouro cara o Luis Pallín.
A primeira victoria do Becerreá chega contra o Guntín (3-2). Os Máxicos visitantes chegaron ao descanso por diante no electrónico logo dun tanto de Dani, pero o Becerreá xa mostrara argumentos para gañar o choque. Tras a reanudación, os locais lograron unha merecida remontada por medio do seu empuxe e garra. Javi, Ibra e Dani López anotaron ata chegar ao 3-1 e, xa na recta final, o Guntín puxo o 3-2 que se tornou definitivo. Os puntos dan confianza aos Máxicos da Montaña que, tras moito traballar, engánchanse á permanencia na Primeira Futgal.


